martes, 21 de octubre de 2014

Breviario filosófico do apañador de castañas

Sen TIC nin vellos e ben afastados aparellos da Inquisición, como se pode medir a capacidade de sufrimento dunha persoa?

Como se pode medir, por outra banda, a diferente duración dos segundos?

O apañador de castañas madruga. So ten un día e sabe que hai moita castaña por apañar. Antes das nove e media xa está dobrando a espiña. Cronometra. Primeira cestada, quince minutos. Anímase a si mesmo e comeza a facer contas. Se consigue una media de saco por hora podería encher nove ou dez sacadas antes de que escureza.

O apañador enche a primeira sacada nunha hora xusta, pero ten que cambiar de souto, ten que saudar a uns veciños e, cando acaba coa segunda sacada pasou máis de hora e media desde o remate da primeira. E as bisagras xa comezan a queixarse cada vez que cambia de postura. Váiselle a luz dos ollos cando se incorpora para descansar uns segundos. Sente a boca seca e traga saliva que remarguexa.

Pero unha xornada de traballo e sufrimento en soidade da moito máis de si. Ademais de erguerse e agacharse, o apañador de castañas pensa. E pensa que tiña razón Torrente cando criticaba a quen dicía: “O tren chegará dentro de breves segundos”. Os segundos son o que son, si, pero hai  veces que son máis longos ou, polo menos máis intensos.

O apañador de castañas cavila sobre isto mentres oe o inconfundible son producido polas castañas que se desprenden do bico do castiñeiro, ás veces en competición, como para ver cal chega antes á terra. O son das castañas que baixan golpeando contra as follas que achan na súa vertical da calafríos, como a música ben feita das boas películas de suspense. O apañador de castañas ten tempo para facerse varias preguntas. Será castaña? Será ourizo? Ourizo cheo de castañas? Caerame enriba? Na cabeza? Nunha orella? Nas costas? Teño ás costas descubertas? Quen me sacará os picos? Moitas preguntas para o segundo máis longo. Por iso se deben de facer tan agoniantes os días de apañota en soidade.

Contra o mediodía, o apañador de castañas so descansa media hora que aproveita para comer un par de mazas e unhas pastillas de chocolate, para resistir o esforzo sen sentar a xantar. Sabe que despois de encher o bandullo custa moitísimo volver a comezar, así que come pouco e dando un pequeno paseo, e para recoller, ó mesmo tempo, un boletus por aquí, un cocomelo por alá. Un respiro.

Segue  enchendo cestas e sacos tan axiña como pode. Con ritmo que se vai facendo cada vez máis vagaroso. Máis esforzo, menos rendemento. Consciente de que cada nova cestada e cada nova sacada requiren máis sufrimento e máis tempo que o anterior. A saliva que traga segue a ser un chisco amarga. Bebe auga da fonte do Souto, e volve a agacharse. O único relax que se permita é o breve paseo coa cesta chea ata o novo saco por encher.

Cando xa está a querer escurecer, cando se comeza a ver mal, apura para encher una cesta máis, a que necesita para encher o último saco empezado. Sete sacos, cando van dar ás 19:30. E aínda volve a apañar ata encher outra cesta que levará en equilibrio entre os sacos, na caixa do tractor, consciente de que cada vez que se moven, os sacos deixan un espazo. A experiencia conta. A cesta de propina, servirá para volvelos a encher, una vez descargados.

Para rematar, o apañador de castañas pensa que a medida da súa capacidade de sufrimento está en sete sacos de castañas. A cesta non conta. Sabe que non sería capaz de encher sete sacos con vinte años; sería capaz de encher un en menos dunha  hora, dous en menos de dúas horas, pero nunca sete nun día. Tampouco ós trinta, nin os corenta. A resistencia ó sufrimento medra cos anos. O apañador pensa que debe de estar na plenitude da resistencia ó sufrimento. Ou moi cerca.

Tamén pensa, por un instante, que tanto sufrimento tamén pode vir de tanto pensar.

Sobre a dimensión dos segundos, non sabe que máis pensar, desde que se viu con ollos dun espectador fora da súa pel, un peripatético desocupado. Viuse incorporado, coas mans cubrindo a cabeza e coa testa engurrada, á espera dun castañazo que non chegou. Patético.

PD. O apañador de castañas advirte que este breviario  non pretende ser, de ningún modo, reclamo para buscadores de apañadores. Non sabería que soldada pedir para ver pago tanto sacrificio


lunes, 15 de septiembre de 2014

Xantar para recuperar forzas ou mostrar o que como para fardar

Prodúceme inquietude, e tamén algo semellante a complexo de culpa,  a moda de publicar fotos de papatorias, porque sempre se me vai a cabeza ós que non teñen para comer, nin iso tan bonito nin nada de nada ou, no mellor dos casos, unha porcallada, pan duro ou alimentos caducados. O único que me consola é pensar que os famentos non verán eses pratos virtuais, que non terán perfil persoal en ningunha rede, pero igual é moito pensar. As redes están moi estendidas. Os listosteléfonos “perdidos”, tamén.
Comer, nestes tempos, e un espectáculo, un luxo que gustamos de exhibir, como gusta mostrar as xoias.
Non me gusta a moda.
Pola contra, prodúceme enorme saudade recordar almorzos ou xantares doutros tempos, en prados ou leiras, no intermedio de xornadas esgotadoras, de sol a sol. Almorzos da sega da herba ou xantares de seitura onde a chegada da manduca, case sempre a lombos dunha burra, era unha bendición, porque supuña parar un pouco e repoñer forzas. Con todo, o maior gozo deses momentos estaba en ver a cara de satisfacción, o goce da cociñeira ou da persoa que levaba e servía a comida ós segadores. Como miraba, como servía, como animaba a comer máis. Unha comida abundante, moitas veces quente –guiso de rexelo con patacas era común na seitura- que se devoraba para poder manterse en pé, para poder seguir traballando ata a hora da merenda ou ata a noite.
O dilema, hoxe, xa non é comer para vivir ou vivir para comer. Agora a escolla está entre mostrar o que vou comer ou comer (se podo) e calar.


Falando de comer. Os que, entre noutras cousas, traballamos nunha horta, nestas datas comemos produtos da terra máis ca nunca: cabaxiñas ó forno ou ó ferro, chícharos verdes, patacas novas ­–que ano de patacas!–, tomates, brocolí, grelos, ameixas, peras, mazás. Non vou publicar foto ningunha para non caer de inmediato nos costumes que pretendía criticar. Hoxe, non.

domingo, 23 de febrero de 2014

Formamos parte do Tesouro da lingua galega

Sen pretendelo, de forma inesperada, pasamos a formar parte do Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués, unha iniciativa de universidades brasileiras, portuguesas e galegas coordinada pola profesora Rosario Álvarez, do Instituto da Lingua Galega Galega (ILGA) da Universidade de Santiago de Compostela.
Sen pretendelo, ás palabras que entre todos fomos xuntando no Vocabulario de Brumoso están agora incorporadas a un xigantesco repertorio léxico a disposisición de 20 universidades brasileiras, portuguesas e galegas.
A nosa intención, cando comezamos a sumar palabras da nosa terra era, nin máis nin menos, procurar afastalas do esquecemento ao que semellaban condenadas pola falta de falantes que as adoptasen como propias. Ese risco segue latente, xeografía humana manda, pero moitas palabras que nos ensinaron os nosos vellos están agora catalogadas e a disposición dos investigadores das linguas.
Creo que todos debemos de sentirnos orgullosos do acadado, que debería de servirnos para seguir incorporando novos termos a ese vocabulario onde son todas as que están pero non están todas as palabras que son tesouros da nosa fala.

jueves, 5 de diciembre de 2013

domingo, 1 de diciembre de 2013

As catro pitas suman e siguen

As catro pitas non furrularon ben en galego, pero os casteláns entenden mellor o seu cocoricoco!! e xa van pola oitava niada.

sábado, 16 de noviembre de 2013

As uvas da ira, a froita para superar os tempos de gran depresión

Un título sacado do Apocalipsis para unha historia que remite a miúdo á Biblia, á procura dunha terra prometida que, neste caso, non existe. Unha historia con final menos feliz, como cabe agardar dun autor comprometido cos que menos tiñan, John Steinbeck, o Delibes dos americanos, por así dicir.
As uvas da ira, ou The grapes of wrath (1939) e unha epopea, un relato de perfís épicos que se podía estar escribindo hoxe para deixar constancia da loita do exército de parados e desafiuzados que observan, con pasmo, como medra a lexión dos millonarios, sempre protexidos polos que deberían velar polos que menos teñen.
Steinbech sempre estivo de parte dos que menos tiñan e neste libro deixou unha das crónicas máis impresionantes da gran depresión do pasado século (agora estamos na deste), como demostrou en varios dos seus mellores libros: A perla, De ratos e homes, Tortilla Flat. En As uvas da ira amósanos ao vivo a loita da familia Joad por encontrar unha nova forma de vida en California, logo de ser expulsados (pola mecanización e o capitalismo trasladado ao agro) das terras que traballaban como aparceiros, en Oklahoma. O libro deixanos toda una restra de pensamentos e citas para lembrar, como esa de que “non se necesita valor para facer unha cousa cando é o único que podes facer”; coa desesperación abonda.
Para os que gustan das historias con mensaxe, para os que queren historias emocionantes, para os que buscan novelas longas (651 paxs.), para os que desexan libros impactantes, como puñadas no estómago, para todos vale As uvas da ira. Esa ira que tranquiliza ás mulleres, verdadeiras protagonistas da historia, as verdadeiras heroínas. Porque saben que os homes non se renderán, non se darán por derrotados mentres teñan acenos de ira nos ollos.
Da gran depresión do século pasado queda este impresionante testemuño e o non menos impresionante filmado por John Ford sobre este libro, con Henry Fonda como protagonista; quedan as crónicas de James Agee coas fotos de Walker Evans, ou  as imaxes de Dorothea Lange.
De Lange, non me resisto a incluír a súa foto máis coñecida e cuestionada, por aquilo de estar, se non preparada, escollida; vendo a secuencia, calquera das fotos que fixo desa nai merecía pasar á historia para conmover e para facela famosa. Tamén está, en datas máis recentes, “The ghost of Tom Joad”, o tema e o disco, a banda sonora que Bruce Springsteen nos regalou en 1995, sen dúbida adiviñando que outra gran depresión estaba en camiño, porque sempre houbo oprimidos, porque as depresións forman parte da vida da maioría da gente.

sábado, 28 de septiembre de 2013

A “jauría” humana latexa e progresa en todas as cidades

A “jauría humana”, tan ben retratada por Horton Foote e tan ben filmada por Arthur Penn (sorte que tiña como guinista a Lilian Hellman), latexa en todas as cidades, mesmo na peregrina e universal Compostela, tamén en vilas máis pequeñas.
O morbo da xente máis común, alimentado por filtracións das investigacións policiais e xudiaciais que non deberían producirse, e transmitidas con maior ou menor exactitude e sensibilidade  polos medios de comunicación que, polo xeral, só fan o seu traballo, acaban conformando masas que, como nesa película, semellan capaces de linchar a calquera, “cheos de razón” para converterse en xuíces e verdugos.
Non imos dicir que, nestes caso, nos comportemos peor cos cans. Todos temos visto como son capaces de agruparse para escorentar ou masacrar a un cadelo “estraño”. Pero se nos comportamos como os cans dunha manda, como unha familia de hienas ou como os voitres capaces de esnaquizar un corpo dun semellante antes de que acabe de morrer, daquela deberíamos renunciar xa a que se nos coñeza como persoas e conformarnos con que se nos defina como grandes monos ou, no mellor dos casos, como homínidos.
Co estraño caso de Asunta volven agora as “jaurías” a patrullar polas rúas de Santiago, volven ter carnaza todos eses programas de televisión especializados en sacar e exhibir o peor dos homínidos para que todos os da especie podan ter a oportunidade de sentirse menos malos. Estes programas de telelixo, tan seguido a calquera hora, son agora os substitutos da relixión, o novo opio do pobo, para respiro dos gobernos que poden seguir así recortando e asoballando sen que os homínidos sexamos apenas conscientes.