A “jauría humana”, tan ben retratada por Horton Foote e
tan ben filmada por Arthur Penn (sorte que tiña como guinista a Lilian
Hellman), latexa en todas as cidades, mesmo na peregrina e universal Compostela,
tamén en vilas máis pequeñas.
O morbo da xente máis común, alimentado por filtracións
das investigacións policiais e xudiaciais que non deberían producirse, e
transmitidas con maior ou menor exactitude e sensibilidade polos medios de comunicación que, polo xeral,
só fan o seu traballo, acaban conformando masas que, como nesa película,
semellan capaces de linchar a calquera, “cheos de razón” para converterse en
xuíces e verdugos.
Non imos dicir que, nestes caso, nos comportemos peor cos
cans. Todos temos visto como son capaces de agruparse para escorentar ou
masacrar a un cadelo “estraño”. Pero se nos comportamos como os cans dunha
manda, como unha familia de hienas ou como os voitres capaces de esnaquizar un
corpo dun semellante antes de que acabe de morrer, daquela deberíamos renunciar
xa a que se nos coñeza como persoas e conformarnos con que se nos defina como
grandes monos ou, no mellor dos casos, como homínidos.
Co estraño caso de Asunta volven agora as “jaurías” a
patrullar polas rúas de Santiago, volven ter carnaza todos eses programas de televisión
especializados en sacar e exhibir o peor dos homínidos para que todos os da
especie podan ter a oportunidade de sentirse menos malos. Estes programas de
telelixo, tan seguido a calquera hora, son agora os substitutos da relixión, o
novo opio do pobo, para respiro dos gobernos que poden seguir así recortando e
asoballando sen que os homínidos sexamos apenas conscientes.