domingo, 20 de febrero de 2011

O que queda é a emoción

Hai quen non entende a literatura se non é en clave de espectáculo. Din que ten que sorprender, non sei se como os saltimbanquis do circo. Moitos lectores están de acordo e compran as sorprendentes e a miúdo inverosímiles historias dos best sellers. A min sempre me pareceu que a capacidade de emocionar é o fundamental, que se a historia non nos emociona non deixará pegada, esquecerémola en canto se esvaezan as luces dos foguetes. Emoción en sentido amplo. Emoción é alegría e tristura. Gozo e noxo. Medo. Inquedanza. Máis.Emoción elemental é o que hai en Lo que queda de nosotros, de Michael Kimball. Unha historia que xira arredor de dous únicos personaxes ou, máis ben tres: unha parella de vellos que apuran o seu tempo e a morte que os rolda. Que no tempo dos grandes tochos con sorprendentes historias pirotécnicas se publiquen historias sinxelas como esta fai que eu aínda teña fe no futuro da literatura, sexa cal sexa o soporte.

miércoles, 16 de febrero de 2011

Somos tan tolerantes que toleramos moi ben a nosa intolerancia

Estimado señor Redouane Hakim: non debe coller vostede mala impresión de nós, porque en Galicia sómoslle moi tolerantes. Aínda que sexamos capaces de sancionar á súa filla por empeñarse en ir ao colexio coa cabeza cuberta por un pano, de acordo cos seus costumes e a súa relixión, sómoslle tolerantes. Facémola chorar porque non comprende, porque se sente discriminada cando lle impedimos ir de excursión cos seus compañeiros por levar a cabeza cuberta. Tratamos de que se senta culpable dicíndolle que coa súa actitude fai sentir mal aos demais compañeiros, pero sómoslle tolerantes. E, como somos moi tolerantes, respectamos a soberanía do colexio para forzala a marcharse a outro colexio. Tamén temos que ser tolerantes cos que lle din que marche para o seu país, aínda sabendo que o seu país é Galicia, que tivo a sorte de nacer aquí, nun país moi tolerante. Somos tan tolerantes que toleramos moi ben a intolerancia en nós mesmos. Como somos tolerantes, deixaremos que lle busque acomodo á súa filla nun colexio onde, de momento, non se prohiban as cabezas cubertas con panos. Aínda que sexa noutra cidade, ou noutra provincia. Se non acha colexio en Galicia, toleraremos que o busque en Portugal ou que emigre máis alá. Porque os galegos sómoslle tamén moi tolerantes coa emigración. Porque este é un país moi tolerante. Aínda lle diría máis: super tolerante. Pero non é só cousa dos galegos. Os de España, en xeral, sómoslle moi tolerantes. Mire se seremos tolerantes en España que ata mandamos a representantes dos principais partidos políticos a darlle osíxeno ao ditador guineano Obian Nguema. Para que o presidente do Parlamento español, o moi tolerante José Bono, lle poida dedicar unha das súas frases para a historia: “É moitísimo máis o que nos une que o que nos separa”. Gustaríame poder dicirlle unha frase desa fondura, señor Redouane Hakim, pero non me sae: seguramente eu non lle son tan tolerante como o señor Bono. Pero non debe tomarnos a mal o da súa filla. Como lle podería dicir... Ela vén a ser unha vítima colateral da nosa inmensa tolerancia.
www.anosaterra.org

jueves, 10 de febrero de 2011

Cando o xeneral Caminero, de paso por Brumoso, salvou a vida e recuperou o olfacto

O foro de Lubián en Pueblos-España.org púxome sobre unha pista do general Caminero que eu non localizara cando escribí Amigo Medo, recreando a súa fuxida a Portugal, a través de Brumoso, nos días que seguiron a ese golpe de Estado que el quixo deter e que nos quixeron vender como glorioso alzamento nacional. É máis que unha pista, o de agora. É unha interesante entrevista co xeneral Caminero publicada o 2 de agosto de 1936 por ABC, dáquela autodenominado Diario Republicano de Izquierdas. As novas tecnoloxías permítennos gozar agora, na hemeroteca dixital do diario madrileño, a simple golpe de clic, desa peza de historia tan próxima, así como ver a súa imaxe e alimentar a simpatía que xa nos viña inspirando. Por un momento, nin o título da entrevista nos parece demasiado esaxerado, aínda que sexa un pouco florido para os gustos actuais: “A gran odisea do heroico xeneral García Caminero”. Conta o xeneral como o alzamento nacional o colleu en Astorga, os problemas que tivo en Sanabria, cando tentou entrar pola fronteira en Portugal, como estivo a punto de ser linchado en Requeixo, primeiro, e en Lubián, despois, e como, por fin, tivo que pasar polo monte a Portugal. Toda unha aventura que está fácil de localizar na hemeroteca do ABC. Tamén explica como foi prendido polos guardiñas da Mimenta, que o entregaron ás autoridades en Vinhais. Relata como puido volver a Madrid e conta os beneficios desa grande camiñata: "Me ha desaparecido la afección laríngea que padecía y he recuperado el sentido del olfato, que tenía perdido desde hace cuarenta años". Con todo, á vista de como remata á entrevista, o que tiña mal era o olfacto político ou as súas habilidades adivinatorias. Contestando á última pregunta do xornalista, sobre como vía o movemento subversivo -o alzamento- en marcha, atreveuse a augurar:-Que está fracasado. Definitivamente fracasado.Era o que tiña que dicir como servidor da república. Por desgraza, non atinou.