En Brumoso tamén hai feísmo. O antigo vertedoiro, intelixentemente situado nunha encrucillada de augas como é o Porto de Rozas, para que a contaminación baixe de seguida polo cavoco do Salgueiro e o Litro ata o pozo do Forno, leva tempo clausurado. As silvas, o musgo e os amieiros, todos eles con máis vergonza cós humanos, case lograron a milagre de camuflar esta desfeita aínda por desfacer. Case non se ve a vergonza pública. Mais, polo visto, de cando en vez segue a ser usado.
Supoño que motivado por conviccións relixiosas non demasiado fortes, alguén en Brumoso se negou a botar vellos santos ó contedor do lixo e decidiu levalos ó antigo vertedoiro de Rozas. Outro alguén, supoño que tamén movido por ambiguos sentimentos relixiosos (de intensidade non suficiente para rescatar os achádegos e levalos para a súa casa), sacou unha imaxe da Sagrada Familia e colocouna sobre o muro de bloques do antigo vertedoiro. E alí está. Non me consta que o lugar estea incluído entre os lugares de interese turístico da comarca, pero todo se andará.
sábado, 15 de agosto de 2009
Suscribirse a:
Entradas (Atom)