domingo, 16 de septiembre de 2012

Os castiñeiros e os fillos bastardos do rei da creación




Medrar, dar froito, reproducirse, esas veñen ser as teimas dos representantes do que chamaban reino vegetal, do que os castiñeiros, polo menos na nosa terra, deberían ser os reis. Pola súa xenerosidade, pola súa persistencia en medrar e dar froitos durante séculos. O seu problema é ter que competir contra o tamén denominado rei da creación, o home ó que tantas fames quitou ao longo dos seus séculos de vida. Con ser a criatura máis complexa, a miúdo semella non ser a máis perfecta. Como se pode ver nestes castiñeiros abrasados porque algún representante da especie dominante quería divertirse vendo a forza do lume, ou simplemente porque foi neglixente ó deixar unha botella que se aliou co sol para o denominado efecto lupa. O membro da especie dominante divirtese ou non chega a ser consciente da desfeita que provocou. Os castiñeiros vense devorados polas lapas, caen esnaquizados. Se poden preguntarse, preguntaranse que fixeron para merecer semellante final. Alguen debería dicirlles que ao rei da creación, como a moitos outros reis, sempre lle acostuman sair moitos fillos bastardos.