Para min, o deste ano foi un 25 de abril diferente, para recordar con especial agarimo. Grazas a Sandra Teixeira de Faria, tiven aoportunidade de participar na II Mostra de Cinema da Universidade Complutense de Madrid sobre as literaturas lusófonas, nun coloquio previo á proxección da película Cinco días, cinco noites, de José Fonseca, baseada no libro do mesmo título asinado por un tal Manuel Tiago que resultou ser Álvaro Cunhal, o senlleiro secretario xeral do PCP.
Desde a Área de Filoloxía Galega e Portuguesa da UCM convidáronme a participar polas semellanzas existentes entre os saltos da raia que se relatan en Amigo medo, o do xeneral republicano Caminero obrigado a dar un rodeo por Portugal para volver a Madrid logo de tentar parar -en xullo do 1936- a rebelión fascista en Galicia, e en Cinco días, cinco noites, o dun activista portugués que se ve na obriga de exiliarse en España para seguir loitando pola liberdade do seu pobo. Nos dous casos, o escenario é o dos lombeiros da alta Sanabria e Tras os Montes.
Nun acto moderado pola catedrática María Josefa Postigo, a profesora María Colom falou do libro de Cunhal, a profesora Lidia López Teixeiro fixo unha agarimosa presentación de Amigo medo -salientando a necesidade de confesión e reparación do protagonista e narrador- e o conselleiro de cultura da Embaixada de Portugal, Pedro Berhan, falou sobre a película de Fonseca.
Tiven a oportunidade de recoñecer a envexa que nos causa lembrar unha Revolución de Cravos que, grazas ós capitáns de abril, acabou con décadas de dictadura, mentres que nós acabamos por conformarnos cunha democracia outorgada, cunhas reformas lastradas por tantas cousas tan ben atadas polo dictador que morreu na cama.
Os militares do MFA fixeron posible o milagre o 25 de abril de 1974, e foron recoñecidos como heroes polo pobo porque querían liberdade e igualdade para a xente e non querían nada para eles. Entre tanto, entre nós os impulsores da Unión Militar Democrática, con Xosé Fortes á frente, foron detidos en xullo de 1975 e encarcelados. So querían democratizar o exército, pero o exército español seguía querendo poder e os políticos estaban gobernados polo medo ós sables. Cando era inda Isidoro, Felipe González recoñeceu o importante papel da UMD, pero esqueceu todo cando tocou, á súa vez, poder. Só Carme Chacón, no ano 2009, condecorou ós militares da UMD, e houbo militares que renunciaron ás súas medallas porque non querían ser equiparados cuns demócratas como Fortes. Só este ano, en Asturias, os militares da UMD tiveron unha modesta homeaxe da sociedade civil española. Canto atraso.
Algunhas semellanzas
En Madrid, eu agradecín a oportunidade de ler Cinco días, cinco noites, unha excelente novela de iniciación, e puiden salientar algúns dos puntos que lle vexo en común co meu Amigo medo: a realidade de dúas dictaduras como base para dous libros de viaxe iniciática; a atmosfera de obrigado silencio e medo na que se desenvolven; a paixón dos protagonistas pola liberdade; o papel dos guías, sexan un curtido contrabandista alcumado Lambaça ou un rapaz medorento; o contrabando como forma de vida; a fronteira como porta aberta a novas esperanzas, etc.
Agora que nos goberna a dictadura dos mercados, e dese FMI que Cunhal xa viu como un bulldog que morde presa e non solta, agora que España e Portugal teñen que seguir loitando contra outras adversidades, gústame pensar que, aínda hoxe e grazas á Revolución dos Cravos, Portugal é un país con menos desigualdades, con posibilidades de libertade máis abertas para os portugueses, porque as gañaron contibuíndo ó triunfo da Revolución dos Cravos, sen agardar por democracias de agasallo.
Toca vivir
Quen poderá liberarnos das modernas ditaduras? Nin os militares do MFA nin os demócratas da UMD. Esa loita correspóndenos a todos e, estou seguro, non vai ser máis doada cás anteriores. Como diría o poeta Rafael Argullol, "toca vivir sen medo. Toca vivir".
domingo, 30 de abril de 2017
Suscribirse a:
Entradas (Atom)