viernes, 8 de julio de 2011
O Códice Calixtino e a fala galega
Mentres tanto, alimentémonos de comentarios ácido-lucidos como os do Carrabouxo en La Región:
"-Despareceu unha das xoias máis grandes da nosa cultura! De valor incalculábel!" -di o seu compañeiro de banco.
"-Pois aínda vale máis a fala!" -di el.
Con toda razón.
A fala estanos a ser furtada día a día.
Todos seremos culpables da súa desaparición.
Ninguén pedirá rescate.
Ninguén o podería pagar.
martes, 5 de julio de 2011
Unha herdanza de vergonza
Se nos din que a violencia machista rebrotou con especial virulencia na pasada fin de semana, podemos pensar nunha epidemia de labazadas. Así comeza unha información a catro columnas, por baixo dun título onde se nos adianta que “a violencia machista” acaba coa vida de dúas mulleres. Dúas vítimas colaterais da epidemia de labazadas? Non tal. A información é máis seria, más grave, máis criminal do que semella. Unha noticia cun recadro onde se nos conta que, no que va de ano, son 31 as mulleres mortas, as vidas cobradas por esa violencia machista que tan livián soa. O día seguinte, hoxe, xa son 32, porque xa houbo outra nova que comeza, noutro xornal, coa mesma frase rutinaria: Novo caso de violencia machista, que suaviza ata límites inimaxinables o título, que da conta de que unha muller morreu apuñalada polo seu home, ao que xa denunciara. Mañá serán máis, e seguiremos a falar da violencia machista en vez de falar de asasinatos ou, como mínimo, feminicidos amparados por relacións de parella ou fogares onde as mulleres, no canto de protección, compaña ou agarimo só teñen soidade, maltrato, terror e morte. Nin mortas poderán descansar, sabéndose un número máis na longa lista das vítimas da violencia de xénero, da violencia machista. Nunca entenderei a escaseza de protección, a falta de recoñecemento, a diferenza de trato. Por qué o Estado agarima e indemniza ás familias das vítimas do terrorismo de raíz política (non digo que non deba facelo) e esquece as familias destas mulleres, ás veces rapazas, coas vidas segadas polo criminal agachado baixo a pel de tanto home de aparencia vulgar. As veces somos demasiado amantes eufemismos e a sangría do terrorismo doméstico queda suavizada coma se fose unha doenza coa que hai que convivir porque os homes son como son e as mulleres son vítimas potenciais ou simplemente, vítimas. Vergonza de ser home, e o que nos vai quedar. Esa vai ser a nosa herdanza.