viernes, 20 de noviembre de 2009
A avoa máis entrañable de Brumoso faise famosa
Coma se non lle abondase coa súa simpatía e permanente bo humor para facerse querer por todos os que a rodean –o lugar enteiro durante todo o verán-, agora a aboa Esperanza faise famosa da man do neto Lete. Xuntos acaban de gañar o concurso de fotografía convocado polo concello de Hermisende. Da gusto vela, tan concentrada a sacarlle a casca ás castañas para facer un cacafú ou unhas gustosas mamotas. Podía ser unha foto lendo, como seica fai a miúdo. Paseando ou falando con calquera dos veciños en calquera rúa do lugar. Conversando animadamente con calquera dos netos. pero o premio chegou da man das castañas e no tempo das castañas. Para saber da súa simpatía, do optimismo contaxioso que transmite hai que ter a sorte de poder compartir uns minutos de charla con ela. Os que a temos algo lonxe, xa nos tarda en chegar o próximo verán.
viernes, 13 de noviembre de 2009
Os indiferentes
Hai algunha diferenza entre mil millóns de desnutridos e mil millóns de obesos? Algunha diferenza entre un famento e un gordo como unha tina? Algunha semellanza si que existe entre as persoas integrantes destes dous colectivos aparentemente antagónicos que comparten a realidade do mundo actual xunto con 4.500 millóns de indefinidos indiferentes: a súa vida corre perigo. Algunha diferenza tamén hai, porque uns están a morrer coa fame e os outros coa fartura de comida lixo, esa que ademais de aditivos seguramente está ateigada de adictivos. Non sería posible entender, doutro xeito, como pode enganchar a rapaces e mozos ata convertelos en monstros graxentos. Algunha outra diferenza? A obesidade ten algo que ver co suicidio e, dalgún xeito, merece o respecto que merecen os suicidas. Por iso as polémicas máis graves están nos casos infantís, onde se supón que a tutela debe incluir a alimentación axeitada. Despois da infancia, alá cada quen co que come e como lle vai. No caso da desnutrición que afecta a millóns de persoas, tamén en países desenvolvidos, o asunto ten máis que ver coa indeferenza dos demais, dos non desnutridos, sexamos obesos ou non. Non ten nada que ver co suicidio e si moita relación co xenocidio. Un xenocidio do que tal vez sexan culpables os gobernantes pero do que sen dúbida somos cómplices todos os indiferentes. Por seguirmos votando a políticos para que fagan nada por solucionar esa vergoña colectiva. Por seguirmos mansos, sen rebelarnos, sen mobilizarnos contra eles e a súa complicidade con esas multinacionais que se fan cada vez máis poderosas a forza de vender comida lixo e de monopolizar a agricultura e a gandería para que non haxa futuro sen fartos nin, sobre todo, sen famentos.
Publicado en A Nosa Terra nº 1.380
Publicado en A Nosa Terra nº 1.380
Etiquetas:
fame,
fartura,
solidariedade
Suscribirse a:
Entradas (Atom)