miércoles, 29 de octubre de 2008

Toponimia de Brumoso IV: Pola beira do río e cara a Portugal

Seguimos cos topónimos de Brumoso, cunha paseata pola beira do río, desde Barxelas ó Cunqueiro, e dedicando mención especial para os nomes que me achegou o Serafín sobre as cavocas das Mendreiras, en grave risco de perderse baixo o nome xenérico. Sería imperdonable que se perdese a cavoca de Xan Bastián. Merecería unha investigación á parte, saber quen era el. A relación desta entrega remata cos engadidos do Sirgo, a Cemba e a Caldeira, que se me quedaran e sobre os que me documentou a Teresita. Para completar, debería porlle o nome os pozos: os Barbeiros, o Fervenzón, os Olmos, moitos máis. Algúns non os sei: se alguén mos apunta con mínima localización, aínda os poño outro día.


Apretadura, A.-Paso estreito que separa Campelo, na fotografía, do Couto.
Barxelas.-Entre o Fixó, Penacova e a Chaira Nova. Acolleu o primeiro campo de fútbol de Brumoso, e a quinta do Bernardino, coa fonte da Zapata e as primeiras cereixas enxertas.
Caldeira, A.-Prado cerca da Fonte Pateira que linda coa canada do Souto e cos eidos da Faquiña.
Callostras, As.-Zona de difícil acceso no camiño que vai pola beira do río fronte ao couto; están as Callostras de Vilares, desde o pozo da Ponte ata o Porto do Ornal; e as callostras de Veigadiz, que xa comezan no portor do Ornal, onda o pozo das Callostras, no que moitos rapaces do lugar aprenderon a nadar.
Campelo.-Desde a preseira do Couto ata a Apretadura; en fronte, do outro lado do río, Vilares e A Fervenza; por riba, a Serrada Garrida.
Cancelada.-Leiras, prados, a Quinta, antigo asentamento dos Templarios, contaba o Horacio; desde alí parten os carreiróns que levan ata o Cunqueiro; subindo lombeiro arriba, logo se da no Piñeiro.
Celareta.-As leiras fronte ós prados cimeiros de Penacova.
Celeirós.-De arriba e de abaixo; desde o Bedulo (prado dos Froles) ata o Prado Grande.
Cemba, A.- Unha cortiña ou dúas, entre a Faceiriña e o Espadanal, contra o Outeiro.
Chaguazais.-Prados e Leiras, no recanto que comprende desde o prado grande ata a preseira do Couto (ou o sitio onde estaba).
Chaira Nova.-Leiras entre Celeiros, Penacova, a Celareta e Barxelas; nos tiñamos alí unha leira ben ladeirosa, onde a chaira degenera, xa caendo para Barxelas.
Couto, O.-Onde máis a gusto íamos coas vacas, no mes de agosto; era festa porque había compaña, carreiras de burras, loitas de vacas e remollo para pes e canelas, tamén pesca de escalos ou troitas, para os que se daban maña co tenedor.

Cunqueiro.-O río coas súas cunhas, onde se entrega a Portugal.
Fervenza, A.-Mirando desde Campelo está Vilares e, á dereita, a Fervenza; foron viñas, creo, como Vilares, onde eu aínda fun a ver cavar e á vendima.

Fontón de Porcas.- Leiras e castiñeiros, entre os prados de Celeiros, as faldras do Lombeirón e as ladeiras do Prado Grande.
Ladeiras, As.-Son as do Prado Grande, por onde había carreiros polos que atallaban as vacas, cruzando as leiras de Fontón de Porcas desde Celeiros de Arriba.
Lameiras, As.-Leiras por riba do couto; recordoas sembradas de centeo, pero creo que tamén se daban ben as patatas.
Lombeirón, cavoca do.-O Lombeirón enlaza o poulo de Maxacais coas Latas e a Mallada, en dirección Sur, e coas Cegudas, vara o norte. A cavoca do Lombeirón nace nas Latas e remata entre as leiras de Fontón de Porcas e as Ladeiras do Prado Grande.
Mallada, A.-Leiras e prados do val veciño de Vilares, do Carruceiro de Baixo e da Ribeira.
Mendreiras, As.- Toda a zona por riba das Lameiras, que quedan por riba do couto. Son tres cavocas: a primeira é a Cavoca do Corvo, coa súa fraga, fronte ao porto do Ornal. A segunda é a Cavoca do Medio ou a Cavoca do Xico Bastián, fronte ó fondo de Veigadiz. A terceira é a cavoca da Lama do Cabo ou da Caleira, que vai dar a Veigadareda.
Mexacán da Requeixiña.-Poulo por riba do prado da Requeixiña das Bichas, por riba de onde había un colmear.
Olas da Faceira.-Río estreito e profundo, entre os carreiróns que van pola Fraga, no termo de San Cibrao, e os restos da antiga central eléctrica de Hermisende.
Penacova.-Desde a preseira de Penacova, que está onde acaba Barxelas, ata a preseira do Prado Grande, agora praia. Prados e leiras. Silvas con boas moras.
Porto do Ornal.-O pasadeiro principal para o Couto, para as vacadas que ían ó couto polo camiño da Mallada.
Prado Grande.-Desde Penacova e Celeiros de Baixo ata Chaguazais.
Requeixiña, A.-Por riba, os prados da Ribeira, polo nordeste, e os da Amiñeira, polo Noroeste;por baixo, o Porto do Ornal.

Ribeira.-Os prados por Baixo da Mallada e por Riba da Requeixiña.

Serra Garrida.-Por riba de Campelo. Había unha corte, en tempos.
Sirgo, O.-Lameiros dos que baixa boa auga pra beber, na Lama do Casal. Por baixo da Faquiña.
Veigadareda.-Punto e final do termo de San Cibrao pola parte do Couto; máis abaixo, os prados de Parada, xa son portugueses. En fronte, Cancelada.
Veigadiz.-Desde as Callostras, por baixo do Porto do Ornal, ata Cancelada.
Vilares.- Viñas e prados noutro tempo, afeitais e touzas e silvaredos; entre as Callostras de Vilares e os prados da Ribeira.

martes, 21 de octubre de 2008

Algunhas claves para non tolear: rir, cantar e brincar con Esguince ou vivir outras vidas

¿As claves do equilibrio emocional? ¿O segredo para non tolear neste mundo de tolos? Non hai que ser Rojas Marcos (que pode axudar) para ter unha lixeira idea sobre as solucións. A clave está en nas válvulas de escape. O mesmo que a ola do cocido precisa da válvula para non converterse nunca bomba e estoupar, a cabeza da persoa, aínda que non se pareza a unha ola, precisa do seu escape. Esperrerar pode axudar, pero non é suficiente. O importante é botar unhas risas, mellor se son gargalladas. O importante é, tamén, dispor de refuxios ós que acudir logo de botar pestes contra o traballo (ou contra as colas do paro).
O meu escape foi case sempre soñar, meterme noutras vidas, vivir outras aventuras. Pero teño un amigo de apelido Boó, que gusta de chamarse Boógart (outra forma de vivir outras vidas) e que ten a súa válvula de escape na música, nunha banda que se chamou Esguince de Frenillo e que, desde hai un tempo (dis que desde que hai dous médicos entre os componentes), xa se chama só Esguince ("The Paleo Rock Band"). Non só o pasan moi ben os membros desta panda de medioseculeiros; fan que o pase ben quen se arrisca a velos en concerto. Teñen actuado en moitas prazas, entre elas a do Toural de Santiago, no pasado mes de xullo. Para os que non teñades oportunidade de velos en directo, vouvos achegar un enlace para que os vexades no videoclip incluído nun programa de Galicia para el mundo. Non di verdade. Son moito mellores en directo, cando fan versións de Creedence Clearwater Revival, dos Rolling ou dos Beatles. Saragosa é da súa propia colleita, de cando eran máis popeiros (e + heavys en letra). Hoxe, quédalles mellor johnny be good ou satisfation. O meu amigo é o que canta. Non podedes imaxinar canto gosa nun escenario.

domingo, 19 de octubre de 2008

Ronda para mozas forasteiras en festas de antes

Creo que xa non se leva, como hai anos, eso de deixar entrar gratis ás mulleres nas discotecas. Máis que deferencia, supoño que era unha utilización comercial: se había mulleres de abondo, os homes entraban e pagaban o que fixese falta. Creo que o costume está en desuso, que tamén vai habendo máis igualdade nisto. Antes, nos contornos rurais onde nada se sabía das discotecas, onde se devecía durante todo o ano pola chegada da festa para ter un disntinguido de roupa, de comida, de baile con banda de fóra, antes había formas de deferencia hacia as mulleres menos comerciais. Conta a miña tía Marina o que lle contaba a tía Xon dunha vez que fora de festa coa miña avoa Francisca a Chaos, onde as Bichas tiñan moita parentela. Esta era, por certo en castelán, a copla que lles cantaban diante da porta:

Esta casa sí que é casa,
estas sí que son paredes,
donde está el oro y la prata
y la flor de las mujeres.

Estrellita forastera,
no tienes que acobardarte,
que aquí está mi corazón
para quererte y amarte.

Os mozos plantábanse diante da casa das forasteiras e botaban a súa cantarena. As mozas asomaríanse á ventá ou ó corredor e tiñan licencia para irlles tomando a afiliación ós futuros bailadores. Cantada pola Marina, a copla luce máis. Cantada polos mozos de Chaos, non o sei. Pero galantes si que procuraban ser, ¿ou non?

lunes, 13 de octubre de 2008

Natureza morta? Natureza viva e ben alimentada


A imaxe da noz sen carón remite á natureza morta pero convida a ver a natureza viva que a vaciou sen precisar martelo. Paxaros, ratos, esquíos, quen se ocupa de converter os cascos das noces en casiñas para lezmiñas desamparadas? En Brumoso, este ano, había poucas noces. Das que van caendo ao chan, a metade, sen esaxerar, aparecen como mostra a imaxe. O carón pasou a alimentar a natureza viva. O esquelete queda para dicir: aiquí houbo unha noz.

Cores de primavera? Outubro en Brumoso


Nin é primavera, nin é verán, nin son cereixas. E outubro en Brumoso, cando van amadurando -ben serodios son- os queridos tomatiños. Estes fuxiron da xeada, pero para fuxir de nós van ter máis dificultades.

miércoles, 1 de octubre de 2008

Amador Bruña Granja, o último rabeleiro de Porto

Se facemos caso das cifras recollidas no último censo de poboación, os habitantes de Porto son 257. Con todo, o número de residentes permanentes, os resistentes que aturan os duros inverno neste fermoso val da montaña xabresa son bastantes menos. Entre eles está Amador Bruña Granja, de 77 anos, que foi gandeiro, encofrador nas obras dos encoros que se fixeron na comarca, amadeirador de moitas das casas renovadas no concello e carpinteiro polivalente; e que agora é o último fabricante do tradicional rabel de Porto.


Foi hai uns vinte anos, cando alguén buscaba a memoria de cómo se facía o rabel nesta concello asentado nas faldras de Pena Trevinca e Amador dixo que si, que lembraba, que o intentaba. Se ós 14 anos fora quen de facer uns zamancos para o seu propio uso, non había ser capaz de facer rabeis ó estilo de Porto. Era máis doado facelos dunha caixa de mantecados de Astorga, cando as caixas eran de boa madeira. De mozo, fixera un así. Pero tamén espreitara como facían rabeis de madeira de bidueiro ou zreixal, pel de ovella e sedas de rabo de cabalo outros veciños mañosos. “E se hai que facer carracas, tamén as fago”, di.
En Porto, a tradición do rabel vai asociada a do pastoreo, aos magotes que viñan de Extremadura polo cordel, a canada real, aos pastores deste lugar que emigraban todo o ano e volvían pasar o verán na serra, onde había media ducia de malladas para acoller a outros tantos magotes. Eran pastores que gañaban soldadas pequenas pero conseguían dez ovelladas e un par de eguas por tempada. Agora xa non veñen os magotes, porque os propietarios non achan pastores, explica Amador Bruña.
Amador calcula que terá feito, nos últimos vinte anos, entre 250 e 300 rabeis, case sempre por encargos que lle chegan de preto e de sitios tan distantes como Salamanca ou Valladolid.
Hai pouco, o saber facer de Amador Bruña Granja mereceu unha reportaxe dentro dun documental de Cadernos de Paso (na 2 de TVE), que dirixe Juan Miguel Blázquez. Alí apareceu facendo falar un dos seus rabeis para acompañar a unha veciña que entoaba unha copla de pastores onde se asocian sen problemas o castelán que seguramente viña de Extremadura e o galego desta terra zamorana : “De donde vienes Ana/ veño de la montaña/ de ver o meu liño/ se ten boa garaña”. Para Amador, a saída na televisión foi un momento de gozo: “Viuno toda vila. En Bilbao, en Barcelona, todos o viron”. Para Amador, Porto é a xente do lugar. Así, Porto está por toda España. En agosto, un milleiro de persoas; no inverno, cinco veces menos. Pero segue a haber un fabricante de rabeis, Amador, que vai ás feiras de A Veiga ou Viana e saudar aos amigos e amosar os seus instrumentos.
Non ten aprendices. Cre que á xente nova non lle gusta o tradicional, as cousas de antes, aínda que contemplou gratamente sorprendido como se recuperaron festas como o folión do entrudio ou festas da rapazada como a corrida do galo. O problema é que non queda rapazada: só hai un neno en idade escolar, que ten que ser escolarizado en Puebla de Sanabria. As grandes festas teñen que vir da man dos veciños de Porto que habitualmente están fóra, o Porto de Bilbao ou Barcelona ou Madrid. Os que converten Porto nunha vila dun milleiro de persoas cando acoden, por vacacións, coas súas familias. Durante os invernos, resisten uns poucos veciños que, pese ó illamento que impón a montaña, viven ben mellor do que vivían anos atrás. Resisten. Recordan. Agardan por outro verán que converta Porto nun lugar cheo de vida e mocidade. Para daquela. Amador Bruña terá feito outra ducia de rabeis e terá comprobado como falan no silencio da serra.

O Premio Meiga Moira, para Xavier López Rodríguez

O titular non é meu, pero remítome a él por comodidade, porque falar de min sempre me dou certo reparo, porque igual non son capaz de facelo tan ben como merecería. Así que, se queredes ver máis, podedes ler a noticia en A Nosa Terra. Cando saia publicado o libro polo que decidiron premiarme, Os globos de andar, xa traerei aquí correspondente reseña, por se a alguén lle da por mercalo.