martes, 31 de mayo de 2011
domingo, 22 de mayo de 2011
A esperanza, nas pacíficas revolucións das prazas públicas
Exercín o meu dereito-deber de votar con máis escepticismo do acostumado pero cunha esperanza diferente. Unha esperanza asentada non tanto no resultado das urnas como na pacífica revolución das prazas públicas, chámense Obradoiro, Porta do Sol ou 15-M.
Agardo que o movemento non esmoreza despois das eleccións, que saiba orientar a súa forza cara a canles que sirvan para rexenerar a política, para apostar por un futuro realmente sostible, que non pode pasar por repetir os mesmos erros, como todo parece apuntar.
Empeza a haber cifras de crecemento do PIB e a única preocupación parece ser o feito de que non rebrote o consumo. Nunha sociedade consumista, hai o convencemento de que se non medra o consumo non pode haber recuperación duradeira. Xa se viu que iso so funcionou para os grandes poderes económicos que nos gobernan, que nos cobran comisión ata por respirar, pasando por riba da vontade dos políticos escollidos polas urnas e pisando o pescozo dos consumidores convencidos de que o seu papel e a súa felicidade estaba e estará en consumir alegremente.
A miña esperanza política de hoxe está na pacífica revolución das prazas públicas. Agardo que o movemento 15M teña zume e forza de abondo para seguir movendo persoas capaces de facer agromar un cambio real e sostido, un cambio en favor das inmensas minorías sen traballo nin esperanza, un cambio que non permita o mantemento dun sistema tan podre que apesta.
Agardo que entre os mobilizados haxa forza e saber para cambiar, desde fóra ou desde dentro, un sistema onde os políticos só precisan que non se demostre que son culpables para manterse na súa cadeira (se se demostra, será porque os xuíces están manexados por outros políticos contrarios, así que recorrerán ás instancias superiores habidas e por haber e seguirán defendendo a súa lexitimidade para seguir desgobernando). Un sistema pervertido ata o punto de que, por suposto, non se require parecer inocente-decente, moito menos selo.
A pacífica revolución das prazas públicas debería entrar nos partidos e nos sindicatos para transformalos, para recuperar uns valores éticos cada vez máis escasos, substituídos nas listas e nos cargos públicos por imputados que sacan peito, como convencidos de que unha imputación ou unha condena é tan venerable para un político como unha cicatriz para un guerreiro.
Se os partidos están tan podres que non se deixan cambiar, agardo que a pacífica revolución das prazas públicas teña forzas para fundar outras forzas políticas libres de servidumes, capaces de manter unha revolución contra a avaricia dos poderes económicos que nos meteron nun pozo do que so poderemos saír cos sacrificios dos sacrificados, porque os que nos meteron no pozo seguen presumindo de ganancias e cobrando pluses, bonus ou pensións vitalicias, aínda que sexan tan presuntamente impresentables como ese DSK do FMI.
O meu temor de hoxe está en que a revolución das prazas públicas se volatilice sen máis. Precisamos que se manteña, que os políticos non obedezan só aos poderes económicos, que saiban que o poder dos cidadáns conscientes, cabreados e mobilizados tamén pode sacarlles a vara de mandar.
A miña esperanza de hoxe está en que a pacífica mobilización das prazas públicas se multiplique e madure tamén fóra das prazas, da man dos que aínda non descubriron que teñen moitos motivos para sentirse moi cabreados.
lunes, 9 de mayo de 2011
Nóbel de axustiza
O Nóbel da paz foi creado para distinguir á persoa que máis destacara polas súas contribucións á fraternidade entre as nacións durante o ano inmediatamente anterior. No caso do presidente Obama, cabe entender que en 2009 se quixo apostar polo futuro, que se quixo premiar o que podería facer un presidente do imperio co seu perfil demócrata para emendar as desfeitas do seu predecesor. A día de hoxe, fixo máis pola fraternidade mundial quen acuñou, entre nós, o termo da alianza de civilizacións, agora en horas tan baixas que xa só merece citas dos que o queren despedir a coiteladas. Obama, como o Bush que o precedeu, está a facer poucos amigos no mundo. Non sei se está a facer unha USA máis segura para os seus cidadáns, pero non semella que poida deixar un legado importante no que toca á fraternidade universal. Co axustizamento de Bin Laden non fará avances importantes pola paz no mundo. Tras anunciar a morte do terrorista máis buscado, atreveuse a dicir que se fixera xustiza desa maneira que tanto gusta nese imperio onde resulta difícil comprender por que non suprimen os tribunais que deben impartila, aínda que só sexa para acurtar gastos en tempos de crise económica. Gandhi, o máis grande loitador pola paz nunca conseguiu o Nóbel; cabe pensar que non estaría ben visto polo imperio británico. Conseguiuno Martín Luther King. Conseguiuno Mandela, que ben o merecía (e non compartido). E tamén o acadaron outros que ensombrecen tanto a relación como o propio Obama. A Fundación debería abrir outra listaxe. Crear un nóbel para os grandes axustizadores, onde a competencia sería moito más apertada ca no ámbito dos verdadeiro loitadores pola paz. Que Obama diga que se fixo xustiza sen vergoña, resulta comprensible, dada a súa posición como refén do seu cargo, que revalidará, se cadra grazas ao xusticeiro acto. Que refrenden o seu proceder e as súas palabras o secretario xeral da ONU ou o predicador da alianza de civilizacións, xa non resulta tan congruente. A cara de pasmo e abraio de Hillary Clinton, mentres seguía a través dun monitor –suponse- o instante do axustizamento, é a única mostra de humanidade que nos queda en toda esta historia. Mentres existan esas expresións diante de actos de xustiza-barbarie, existe unha esperanza de que a humanidade poida seguir merecendo o seu nome. Aínda que esa muller apunte a un golpe de tose provocado pola súa alerxia primaveral, nos seus ollos está a humanidade que falta nos dos seus compañeiros de foto; neses ollos de muller aínda nos podemos mirar sen tanta vergoña.