viernes, 1 de agosto de 2008

Vacacións para cambiar de oficio e coñecer amigos de Horacio

Hoxe comezo vacacións. Para min, como de costume, serán de volta a Brumoso e de cambio de oficio. A ocasión de recordar os moitos oficios que temos os que nos criamos na aldea. Non faremos de gandeiros salvo que nos dediquemos a pastorear os gatos sen dono, como fara seguramente a miña filla pequena. Salvo que teñamos que xotar algún deses cans aborrecidos e sen oficio que andan pedindo que os saquen a pasear.


Principalmente, o meu plan está en segar broza, coa gadaña ou coa desbrozadora; seguir restaurando algún moble vello para a Casa da Carballa, que xa semella a obra do Escorial polo que tarda; regar algunhas das árbores froteiras que plantei hai pouco e precisan coidado; castrar as colmeas e sacar o mel coa pota a manubrio; axudar a regar as patacas e os chícharos cando nos toque a auga; ler e procurar escribir algo, tamén; e camiñar, e botar uns chapuzóns no río, todos os días, a poder ser.

Como principal novidade, desta volta agardo coñecer algúns dos amigos de Horacio, con motivo da homenaxe do día 16 de agosto. Será unha homenaxe con música, como a él lle gustaría, porque Alberto Jambrina e Pablo Madrid irán dispostos a tocar unhas pezas, principalmente as recolectadas na comarca: a empreñadora, a alborada, etc. Quen sabe, se cadra ata alguén se atreve a botar uns bailongos na escola.

Ata setembro non haberá máis entregas. Este será un agosto desconectado e, agardo, saúdable.