jueves, 28 de mayo de 2009
Volver, ou non
miércoles, 7 de enero de 2009
Cando o teatro en Brumoso era máis que flor de un día
O louxeiro Pepe achégame un folleto ou anuncio ou programa de man dunha representación teatral cun reparto excepcional, que podedes ver con maior claridade picando enriba. Un reparto de mozos de ferro que agora son cabelos prateados, no mellor dos casos, ou foron chamados para esa última mudanza da que naide pode fuxir. Flor dun día acaba sendo a vida. Ben seguro que así llo parece aos do cabelo branco, como me parece a min que foi onte cando andaba facendo trasnadas polas rúas. Do que non cabe dúbida e de que San Ciprián era o berce, a cuna de grandes actores e actrices que atraían espectadores de todos os lugares da contorna. Se as airas pudesen falar... Como non é así, teriamos que tirar da memoria dalgún dos protagonistas para saber se a representación foi finalmente o domingo, 20 de abril de 1947, ou se tivo que deixarse, por culpa do tempo, para a segunda data contemplada, o día 27 de abril. Se houbo moita xente e se a Verinense ofreceu, como complemento, unha actuación digna do evento.
viernes, 2 de enero de 2009
O secreto do noso apego a Brumoso, ¿é cuestión de terra ou asunto de raíces?
viernes, 1 de agosto de 2008
Vacacións para cambiar de oficio e coñecer amigos de Horacio

Principalmente, o meu plan está en segar broza, coa gadaña ou coa desbrozadora; seguir restaurando algún moble vello para a Casa da Carballa, que xa semella a obra do Escorial polo que tarda; regar algunhas das árbores froteiras que plantei hai pouco e precisan coidado; castrar as colmeas e sacar o mel coa pota a manubrio; axudar a regar as patacas e os chícharos cando nos toque a auga; ler e procurar escribir algo, tamén; e camiñar, e botar uns chapuzóns no río, todos os días, a poder ser.
Como principal novidade, desta volta agardo coñecer algúns dos amigos de Horacio, con motivo da homenaxe do día 16 de agosto. Será unha homenaxe con música, como a él lle gustaría, porque Alberto Jambrina e Pablo Madrid irán dispostos a tocar unhas pezas, principalmente as recolectadas na comarca: a empreñadora, a alborada, etc. Quen sabe, se cadra ata alguén se atreve a botar uns bailongos na escola.
Ata setembro non haberá máis entregas. Este será un agosto desconectado e, agardo, saúdable.
lunes, 9 de junio de 2008
A Lama do Carballal por uns cántaros de viño. Toponimia de Brumoso I
Logo de contar esta historia, imos recoller unha estremallagota de topónimos das proximidades do lugar pola parte noreste. Seguro que se me esquece algún paraxe que me podedes apuntar nos comentarios.
Ver mapa más grande
Augüeira, Porto da.- No cimo dos prados de Pombariño, no fondo dos prados do Carballal. Moita auga non hai nunca nese porto.
Bacelo, O.-Cortiñas que hai por baixo das viñas das Mioquiñas. Se cadra en tempos tamén había viñas, cos correspondentes bacelos.
Breas, As.-Prados, castiñeiros, touzas, entre Pombariño, o Carballal e Os Corzos.
Castro, O.-Faceira de leiras e Castiñeiros que está por riba do lugar en dirección noroeste. Limita con Rebordiño e Trasil, polo oeste, e con Pombariño, polo Norte.
Canadicha, A.-Canada que marca o atallo desde o lugar para ir ó Bacelo, ó Castro ou Rozas.
Carandelo.-Prados e touzas. Por baixo do Mallo e a carón do Carballal.
Carballal, O.-Prados e leiras, por riba do Porto da Augüeira, limitan con Rebordiño e, por riba, co Facho.
Cavoco de Trasil, O.-Baixa de Trasil ó Salgueiro; cagadeiro de toda a barreada, antes de chegar a auga corrente e os cagadeiros domésticos.
Corzos, Os.- Cerca de Carandelo, os prados cimeiros, por baixo do camiño que vai pola Augüeira cara a Rebordelo.
Cova do Frade.-Poulas por riba da Lavandeira; marca o comezo da Ladeira pola parte Oeste.
Falgueiroá.-Poulas fronte ás da Cova do Frade.
Facho, O.-Leiras e monte. Por riba das leiras da cabeciña, O Facho mira para Rebordiño e para as Pestanas do Carballal.
Lavandeira, A.-Poulas e touzas. O camiño que sube á Cova do Frade separa A Canle da Lavandeira, que limita con Rozas e mira, desde arriba, para o Barreal.
Mioquiñas, As.-Se cadra dise Miuquiñas. Antigas viñas separadas do lugar polo cavoco de Trasil. Están ós dous lados do camiño do Castro. Pola parte de baixo lindan co Bacelo, coa Porteliña e con Rozas.
Mallo, O.-Prado e peiras por riba de Carandelo.
Pereiro, O.- Por riba dos prados de A Canle, limita tamén con Os Corzos.
Pestanas do Carballal.-Fragas moi acertadamante bautizadas. Miran para o Carballal desde arriba.
Pombariño.- Ribeira de prados que sube desde a cavova de A Canle ata o Porto da Augüeira. Limita tamén co Tolaco, polo sur.
Porqueiro, O.-Prado de Rozas ondo as Bichas levaban a pastar ( efozar os porcos). Agora está cheo de nogueiras. Da ó Porto de Rozas e dase a man co Tolaco.
Porteliña, A.-Portela que leva cara a Rozas e cara o Tómbaro. Cortiñas e prados.
Rebordiño.-Leiras e castiñeiros, por riba do Castro. Limita con Trasile As Touzas, polo sur, e co Carballal polo norte; queda tamén por baixo das Pestanas do Carballal.
Romadoiro, O.-Prados ladeiros que dan comezo á Ladeira por riba do camiño do medio da Ladeira; veciños da Lavandeira e da Cova do Frade.
Rozas.-Ribeira de prados con moito rego e a tiro de pedra do lugar. Limitan coa Porteliña, coa Lavandeira e co Tómbaro.
Rozas, Porto de.- Cruce de camiños: o que sube cara a Pombariño, o da Cova do Frade, o da Ladeira e o que leva ó lugar. Acolle un vertedoiro abandonado que nos avergonza a todos, e non nos avergonza máis polas silvas que o cubren.
Tolaco, O.-Por riba do caño da auga que ven ó lugar. Limita con Rozas, con Pombariño e co Castro.
Tómbaro, O.-Prados que están entre a cavoca de Rozas e a Porteliña, caendo cara o Barreal.
Touzas, As.-Leiras e castiñeiros, por riba de Trasil, entre Rebordiño e O Cerragal.
Trasil.-Zona de prados, leiras e castiñeiros situados por riba da igrexa, cara ó oeste enlaza con Rebordiño e As Touzas (que, polo sur, enlazan co Cerragal), cara ó norte-noroeste, co Castro.
Xogo dos paus, O.-Cruce de camiños, onde se abre en dous o que sae do lugar: un para levar a Rozas, outro para o Castro. Sitio onde os mozos xogaban os paus, os bolos.
lunes, 5 de mayo de 2008
Vivo en Santiago, durmo en Brumoso
Quintando as fins de semana, as pontes que paso en Brumoso, eu non son como Eto`o. Quitando o mes de agosto, eu non son o amo do meu tempo. Son outros os que me marcan o ritmo e a miúdo teño que correr como un blanco e traballar como un negro. Pero procuro durmir en Brumoso, a miña África, o sitio onde non hai présa, onde un pode gozar da fala das cachoeiras e do canto dos paxaros. Abonda para poder correr un día máis, un día menos para que chegue o mes de agosto, as vacacións.
