Non sabía nada deste libro de Laurent Binnet. Hai anos que dedico más tempo a reler que a buscar novidades editoriais. Apareceu no meu Kindle sen anunciarse, porque alguén considerou importante que o lese, alguén sospeitou que había interesarme. E así foi. O título agacha en alemán unha frase que ven dicir que o cerebro de Himler era Heydrich, xefe da Gestapo, unha das figuras enigmáticas do nazismo, que foi considerado o home máis perigoso do terceiro Reich. Por non dicir do mundo, porque foi o autor intelectual da "solución final", o exterminio dos xudeos. Morreu de xeito violento, logo dun atentado perpetrado en Praga por paracaidistas membros da Resistencia.
HHhH é un libro notable, unha achega con valor histórico contada como unha grande aventura e mediante un proceso que se describe e cabe valorar tamén desde o ámbito da experimentación creativa. O lector non pode deixar de celebrar que Heydrich morrese, aínda que fose como consecuencia dunha infección causada polas feridas que lle causou o atentado. Pese á escritura desenfadada e un tanto caótica, a novela impresiona polo que conta, polo xenocidio que os nazis estaban levando a cabo en Checoslovaquia. E noutros países europeos. Pola falta de humanidade que destilaba o comportamento dos nazis.
Mentres lía HHhH, entre lectura e lectura, revisaba uns escritos breves de Primo Levi, xudeu supervivinte da barbarie nazi. Este autor italiano que sobreviviu a Auschwitz morreu en 1987 pero, á vista dalqunhas das premonicións que deixa neste libro, semella ter vivido os últimos anos deste século XXI, que nos condenan a ser testemuñas de novos xenocidios, especialmente o perpetrado polos que gobernan (manipulan, máis ben) ó pobo das vítimas dos nazis.
Dicía Levi que podía nacer un segundo Hitler, que se cadra xa estaba nacido, que podían repetirse as pasaxes máis negras da historia da humanidade. Tiña máis razón ca un profeta. Hoxe sería un deses supervivintes que, como Isral Shahak, recoñecen que viviron con medo ós nazis por seren xudeos e que a seguir viviron (ou viven) con vergonza por seren xudeos. E como non sentir vergonza con semellante presidente, con ministros capaces de incitar á caza de persoas (para eles non son persoas) como se fosen alimañas!
É o que podemos sentir os humanos aínda non desalmados: unha inmensa vergonza. Por sermos testemuñas impotentes (pouco activos, polo menos) dos modernos xenocidios, con Palest1na como centro do horror. Por estarmos vendo como progresan ideoloxías, programas, accións que apestan, que non poden deixar de levarnos a novos desastres, se cadra a novos xenocidios, coa escusa da prioridade nacional ou doutras andrómenas.
Quedar calados é o peor que podemos facer. O que cala, concede.
O silencio non pode ser unha opción.



