jueves, 29 de octubre de 2009

Máis palabras do galego zamorano, como apildar, apencar, gorrobita ou perpelear

Agora que o galego de Galicia anda un pouco apoucado, agora que se sente clandestino na súa terra, imos incorporar outra restra de palabras do galego xabrés, que xa non se pode ensinar nas escolas de Brumoso porque as escolas pecharon por falta de rapaces.

Alabusía.-Travesura, acción que implica destrozar ou desordenar algo. Unha trasnada.
Apildar.-Superar un déficit mental, de saúde ou crecemento. Progresar, mellorar, saír dunha crise “Alá vai apildando”. No Gran Xerais sae apilrar como saír dunha enfermidade.
Apencar.-Conseguir unha meta que require esforzo físico.
Berbelear.- Bater os dentes e tremer o corpo co frío.
Escachouzar.- Ferver, especialmente o pote co caldo. En galego legal din escachoar.
Escucir.-Fuxir, liscar, desaparecer de xeito impensado.
Canamoeira.-Catarreira con forte conxestión nasal, andar co canamón (nariz) tapado.
Garroteiro.-Buraco ou canle que serve para facilitar a circulación da auga da choiva ou do xurro das cortes.
Gorrobita.-Pregue ou engurra na roupa; nada que ver coas engurras da pel polos anos. Un pano ou un plástico pode estar chego de gorrobitas ou todo engorrobitado
Mixordia.-Mestura, mezcla desordenada.
Mornal.-Medouco onde se amontoaban os mollos nas leiras, ata a acarrexa; meda en pequeño.
Perpelear.-Fai referencia a movelos párpados, pestenexar. Cando se usa: “Non o deixou perpelear” querese decir que estivo tan controlado que non puido moverse nin o máis mínimo.
Reboullarego.-Tan redondo que podería botar a rodar; moi aplicado a persoas de escasa estatura e moita cintura.

E aquí está a lista máis longa

martes, 20 de octubre de 2009

Pornografía infantil, NON

O 20 de novembro, nun mes, é o día internacional do neno e tamén é o momento de manifestarse contra a pornografía infantil en blogolandia. Segundo informa canalsolidario.org, o xornalista Nacho de la Fuente, autor del blog "La Huella digital", acaba de impulsar a segunda edición da blogocampaña contra a pornografía infantil en Internet.
Seica se trata de publicar unha entrada co título "Pornografia infantil NON" para montar bulla e desorientar aos buscadores de imaxes ou vídeos de pornografía infantil e, de paso, afearlles os gustos. Bater na conciencia dos pederastas será máis complicado, porque seguramente non teñan diso.
Segundo explica canalsolidario, o impulsor da campaña propón incluir na entrada palabras de busca empregadas polos pederastas como: "angels", "lolitas", "boylover", "preteens", "girllover", "childlover", "pedoboy", "boyboy", "fetishboy" ou "feet boy". Que así as súas procuras viran, enganadas, cara os nosos blogs. Se funciona, vou ter unha morea de visitas... indesexables.

domingo, 18 de octubre de 2009

Queremos galego?

Se asistimos á manifestación, semella que sí, que somos moitos os que queremos máis galego. Os cincuenta mil que di a policía local ou os cen mil que apuntan os organizadores? Tanto ten. Moitos. Vellos e mozos, cativos que berran a prol da lingua do país, mulleres e homes de todas as trazas. Se os que fan a crónica son partidarios do bilingüismo gastronómico ou doutro bilingüismo calquera, o seu resumo quedaría simplificado e retorcido: "Eran os catro bloqueiros de sempre". Sen a capacidade mobilizadora das organizacións nacionalistas é probable que unha manifestación como esta tivese menos bandeiras, se cadra tamén menos xente. Persoalmente, creo que unha boa forma de traballar pola lingua sería esquecer, en días coma hoxe, todo o que non sexa o lema da manifestación, "queremos galego", neste caso. Moitas persoas e ningunha bandeira de partido para evitar os intentos de deslixitimación, que sempre hai. Máis ocasións haberá para a reivindicación absolutamente apolítica. Porque a lingua galega seguirá a ser ese patrimonio en perigo de extinción que conta con pouca, moi pouca protección.

sábado, 17 de octubre de 2009

A historia do Cacaborro e da Cegada

Temos novo libro, outra vez ilustrado por Antón Taboada, como "Lixo". Este "Cacaborro" non é un libro de cocomelos para o tempo dos cocomelos. É unha historia de amizade interxeneracional levada ó extremo. A amizade dun rapaz, Álvaro, cun vello ó que todo o lugar aplica a nomeada de Cacaborro, como chamamos en Brumoso ás setas pior encaradas e presumiblemente goxentas. Un vello marxinado e malquerido ó que lle botan as culpas de todos os males e desgrazas. Un vello que ten no rapaz o seu único confidente, un amigo secreto ó que lle pedirá un favor dificil de cumprir e, sobre todo, difícil de esquecer. Esta é unha historia que me ven acompañando desde hai moito tempo e que recolle, máis ou menos transformadas, moitas das historias que escoitei de rapaz, algunhas que quitei porque non me cabía todo e outras que conseguín inventar, como a da Cegada.

miércoles, 14 de octubre de 2009

Adiviña da especie en vías de extinción que cada vez ten menos protección

Unha adiviña, desta vez.
Unha especie en perigo de extinción que cada vez ten menos protección.
Que cousa é?
Acertaches.
A lingua galega.
A plataforma QUEREMOS GALEGO convoca unha sen dúbida gran manifestación en favor do idioma propio de Galicia: será o vindeiro 18 de outubro en Santiago de Compostela e partirá ás 12 da mañá da Alameda. E alá estaremos, unha vez máis.

domingo, 4 de octubre de 2009

A fantasma do castelán e a reserva da lingua galega

Será a Galicia do futuro un lugar de España onde se fala un castelán especialmente penoso? Será ese o seu feito diferencial máis destacado? Ese sitio onde se dirá, como xa se di, “voy a junto de”; onde se espeta tan a miúdo como se fala o de “tú me dijistes”. Será esa a presenza que lle queda ó galego que mamamos como propia lingua nas beiras de León, Asturias e Zamora? O esqueleto, unha fantasma escondida baixo a pel do castelán mal falado que prima cando se pasa A Canda, O Bierzo ou Pedrafita rumbo a Fisterra?

Pese a accións de promoción que denunciaban como imposición, inmersión ou quen sabe que criminais plans de expulsión do castelán de Galicia, o castelán ten boa saúde en Galicia. Mala sintaxe, acento rariño, pero boa saúde. Non se perde, mal pecado. O galego, pola contra, vai caer máis de présa de agora en diante. Non creo que o galego dos parlamentarios e demais políticos anime a ninguén a falar galego. Non prestixian a lingua. Non son bo exemplo. Pero era a presenza da lingua galega nos medios audiovisuais, porque os escritos sempre o foron maioritariamente en castelán. Agora son cada vez máis os políticos e parlamentarios que non se senten na obriga de usar a lingua propia de Galicia. Nin no chamado Parlamento Galego. Ornamentos fóra. Viva a sinceridade. Morra o galego. Agora, a publicidade institucional comeza a facerse tamén en castelán, porque non pode haber discriminación positiva nese eido, seica. Agora, o uso do galego si que viaxa costa a abaixo e sen freos; comeza a roldar o galego como alma en pena, mesmo na administración, onde entre os mesmos funcionarios que sentían a obriga de falar galego existe agora a percepción de seren mal mirados se falan galego por norma ou por libre escolla.

Agora que nas Portelas non temos alcaldes que vexan o galego como unha vergoña que é preciso esconder, nin mestres que prohiban ós rapaces (qué rapaces?) falar galego durante os recreos. Agora pode ser o momento de convertérmonos na reserva oficial da lingua galega, o sitio onde acudan, nun futuro moi afastado (ou non tanto) os estudiosos de linguas raras, en perigo de extinción ou extintas (salvo nas reservas e nas fonotecas). Podemos ser os últimos expoñentes dunha fala mítica, como é agora o silbo canario, que aínda se aprende nas escolas de La Gomera. O silbo gomero acaba de ser declarado pola Unesco Patrimonio da Humanidade. Quen nos di que, no futuro imperfecto que nos agarda, os lugares do occidente asturiano, do Bierzo, das Portelas, Brumoso e Val de Marcos, non poden ser tamén declarados patrimonio inmaterial da Humanidade por conservar e falar unha fermosa lingua chea de matices que deixaron morrer (ou mataron) no territorio que lle era propio?