Apreseirar, farrumeiro, preseira, tornadeiro e trombeleiro son as novas (vellas) palabras que sumo agora á lista xeral que fumos compondo entre moitos e que sinto aínda moi incumpleta. Seica xa ninguén me quere animar, aí fóra, así que vou ter reanimarme pola miña conta. Ou pechar a lista e a buraca. A ver se coas vacacións e co tempo libre medran as ganas
Abortada.- Un resto de masa que se bota na boca do forno para que coza antes cós pans e se entreteñan os rapaces que rolden onda o forno. O que para min era un confite, é unha abortada.
Abrazó.-Extremos traseiros da aixeda (cheda) do carro, que sobresaen por detrás da mesa traseira. Co carro descargado, servían para agarrarse deles, levantar o carro e volvelo á rodeira; co carro cargado, ou se buscaba outra xunta para acuartear ou había que descargalo antes.
Abreixo.- Vexetal silvestre de flor branca que ten un bulbo coma un allo de raposa; sabe a avelá tenra; sae nas cembas, na primavera; entretiña e quitaba a fame.
Acalcañar.-En sentido festivo, cando da couces un animal. Cando o calcetín está fora de sitio, co calcañar no sitio onde debería estar a canela. Cando un se calza a medias, sen meter o calcañar dentro no zapato, que queda convertido nunha especie de chancla, acalcañado.
Aconchegar.- Ademais de arrimar a porta sen pechala, ademais de cubrir, acoller ou tapar, aconchegar é tamén case fartar; cando unha vaca (ou persoa) xa está case farte dise que xa vai aconchegada.
Acuartear.- Pór segunda xunta o carro, tamen chamada cuartea
Adondear.-Ablandar, por exemplo unha carocha de pan.
Afrascar.-Capturar, cazar, dominar.
Afunilar.- Liberar funilas (ou fonilas), peidos moi cheirentos pero sen ruído; botar peidos calados.
Aixeda.-Para o Gran Xerais, e con minúscula, é a definición do carro completo. Para nos é o que os galegos chaman cheda, a viga aberta en dúas facendo unha vigantesca uve vestida coas táboas no estrado e aconchegada polas mesas dianteira e traseira: a aixeda comeza na punta da cabezoalla (palabra si bendecida polos diccionario) e remata nos abrazós.
Alconchar.- Subir por un pau liso axudándose con pernas e brazos; engatar.
Alconchón.-Paxaro que alconcha.
Amalloar.-Ademais de atar os amallós, amalloar unha leira é facer montóns con terróns para indicar que non está de libre pasto, que está coutada para ser pacida polo gando do propietario
Amoiar.- Que rende, que non se acaba de seguida. É palabra con minúscula no Gran Xerais, dialectalismo que significa producirse algo nunha cantidade considerable.
Apenar.-Convocar a herdeiros ou veciños para un traballo comunal;vou apenar para facer a preseira do Prado Grande.
Apeto, A peto, Dapeto.- A propósito, con ese único obxectivo.
Apinchar.- Envorcar, facer que o carro ou o tractor se venza sobre un costado ou quede coas rodas cara arriba.
Apreseirar.- Guiar a auga nunha preseira ou tornadeiro.
Asomizar.-Desperdiciar, deixar sen aproveitar unha parte de algo aproveitable.
Atafuñar.-Tapar todas as frisgas, aberturas ou buracos dun espazo, por exemplo as caldeiras de cobre, para que non se escape ou para que non entre nada.
Atontelado.-Case sen sentido. Moi referido aos coellos, que eran doados de atontelar. Pero tamén unha persoa quedaba medio atontelada se caia da burra ou lle caía a tranca dunha porta carral na cabeza.
Aviacas.-Pezas que o arado leva a cada lado, por riba da rella, inclinadas cara a fóra para que a terra se abra. A súa forma serve para definir pernas tortas, como aviacas.
Babuxadeira, Babuxa.- Choiva case imperceptible, o que poderiamos chamar mollaparvos.
Bácora.- Nome coloquial que se da a unha troita xeitosa, ademais do que levaría unha cría de porco femia.
Berbiois.-En plural, constúen a parte principal e máis consistente da estadullada; están en minúscula no Gran Xerais, que converte os estadullos en protagonistas principais; os berbións son os estadullos máis grosos que se colocan nas mesas dianteira e traseira do carro, que limitan o estrado; os dous berbiois de cada lateral van unidos nun todo mediante dobres barras laterais de madeira; os estadullos completan o entramado, pero son menos importantes cos berbiois, que van encastrados nas mesas por abaixo e amarrados arriba mediante as soltas, cando a carga chega ás puntas.
Bicarelo.-Sitio da xarra ou da barrila por onde se bebe. Extremo do cano da fonte de onde cae a auga ó pilón.
Bicarroceiro.-Moi dado a repartir bicos. Bicarrañeiro é un dialectalismo recollido no Gran Xerais.
Borrallo.- É o que os galegos chaman po e tamén o que queda do lume, a cinza. Para nos hai moito borrallo nas mallas, nos camiños, tamén nas casas. No forno é a borraleira, onde acababan as conzas cando se barría o forno, xa roxo, para meter o pan.
Bullateiro.-Pouco discreto, que sempre fai moita bulla.
Bulleiro.- É o borrallo amasado con auga da choiva, sobre todo nos camiños. Os galegos (agás en terras do Caurel) prefiren chamarlle barro ou lama, aínda que tamén admiten bulleiro como lugar onde nace auga (o que nos chamamos lamacal e os galegos lamazal) ou un lugar cheo de lama.
Cacafú.- Caldo de castañas curadas cocidas en leite. Recollido no diccionario de Horacio Rodríguez.
Cadea.- No GX é traveseiro do chedeiro dun carro. Paran ós require definición algo máis concreta. Son os traveseiros que separa nas varas da aixeda n aparte traseira e traseira do estrado do carro; sobre elas van clavadas as mesa sonde van encaixados os berbiois.
Calimborno.- Cavoco de acceso especialmente difícil, trexeitado. Calimbornio, no galego do Gran Xerais, é a careta dos castradores de colmeas; tamén persona, animal ou cosa de dimensións desproporcionadas, mal formadas ou de mala traza. A Amiñeira está nun calimborno; cando ía para alá, o tío Darío dicía que ía para California, que tamén empeza por Cali.
Callaforreiro.-Amigo de escallaforrar. Corriacheiro.
Camballota.- Curva, torcedura. Virá das pezas curvas que compoñen as rodas dos carros, chamada cambas. O carro ten curvas suaves, as camballotas son curvas máis bruscas, sen xeito.
Candiolo.-Está recollido como variante non recomendada, tamén para as mormelas, as velas de mocos caendo do nariz dun rapaz. Para o noso carouxo (que para os galegos é a friaxe e non os bocados de auga encarouxada), o galego prefire carambelo.
Cangallas, de.- Caer de costas, de forma aparatosa.
Cangallas.- Aparello a modo de grandes alforxas de esparto que se lle puña a burros ou cabalos para acarrexar produtos.
Capacete.-A cabeza dos que teñen pouca cabeza ou non a usan para pensar moito; “sempre fai o que lle sae do capacete”. En galego é peza de armadura ou peza do alambique.
Caracola.- Bullaca, excrecencia do carballo en forma de bola cuberta de engurras e picos. Os rapaces xuntaban dúas cun pao e xa era unha xunta de vacas ou as rodas dun carro.
Carocha.- Canto da barra de pan ou da panocha, con moita codia ou pouco miolo, o bocado preferido polos rapaces (ou non tan rapaces); en galego e tronco comido polo caruncho. En galego, a nosa carocha e carocho.
Carracheira.- Que vai moita calor, sexa de lume (onde está o maior brasaredo) o de ambiente (medio día de verán en solleira)
Catrapocho.- Castiñeiro (ou carballo) que cae a bocados, seco e podre.
Cazcarriolas.-Colgarexos de merda apegados no cuada ou no rabo das vacas ou das ovellas.
Cenceneira.- Dor de cabeza, o que os finos chaman xaqueca: “teño una cenceneira”...
Ceprinar.-Volcar, tirar, especialmente un líquido ou unha masa.
Chafurrar.- Meter unha cousa ou persoa nun sitio onde non semellaba doado atinar ou onde non era doado que coupese.
Chamouzada.- Carrada pequena de herba, palla, ramallos ou estrume. Recollido por Horacio.
Chocoldrear.- Se usas un corenta e levas uns zamancos do 45, chocoldrean nos teus pes (ou os pés dentro deles).
Cichar a canelo.- Esfurricharse, escaganeirarse.
Coco relumbrón.- Lucecú.
Codia.-Rebanda de pan, de sandía ou de melón.
Concoma.-Algo que nos obsesiona, no que non podemos deixar de pensar, que nos quita o sono. Ten que ver coa obsesión ou, para os crentes, co cargo de conciencia.
Confite.-Pan sobado, como unha empanada con cadros marcados para mellor cortar, feito cunhas gras de sal ou cunha pouca leite. O mesmo que a abortada, tiña como obxectivo a celebración da fornada cos rapaces.
Corriacheiro.-Curioso en exceso; amigo de buscar e coleccionar corriachos.
Corriacho.-Cousa de pouco valor.
Cousillote.-Óso de canela con pouco alimento para dar sabor ó caldo, canivete. Para nos, quixote.
Crabuñar.- Picar a gadaña co martelo correspondente para adelgazar o fío. Facíase despois de cada xeira.
Cuañeira.- Mañuzo de herba, xeralmente verde, atado con dúas vergas. Coañeira, en galego, é que nós chamamos baleadeira, a vasoira das mallas, a que sirve para mover o coaño ou caño, o que nos chamamos cuaño.
Cusmallo.-Restos que quedaban na forxas despois de soldar con area o ferro.Delouro.-É o claro entre treboada e treboada, o espazo que pode servir para delourar algo mollado.
Derreado.-Un está derreado, esgotado, despois de andar derreigando todo o día.
Derreigar.- Traballar duro, por exemplo arrincando torgos e carqueixas para facer unha bouza no monte.
Desabusado.- Crecido, desenvolto, esperegilado.
Desacencido.-O que anda acelerado, sen paraxe, dun sitio para outro.
Descongraciado.-Pouco amigable, serio, egoísta e pouco agradecido.
Dóndeo.-Brando, amolecido. En galego GX existe dondo como suave ao tacto, sen durezas nin asperezas.
Embazacado.- Cando un cae sobre todo de costas, e queda sen alento. Ou cando che dan cun balón na boca do estómago; se é o couce dun burro, aínda peor. Un rosco ou pastel que non esponxa ben tamén está embazacado; pode facer mal no estómago, por outras razóns.
Emboldregarse.-Lixarse con bulleiro, bosta ou outro lixo.
Emboligar.- Enfolizcarse de bulleiro ou de bosta. Emboutar, que si está no diccionario galego.
Emboligarse.-Lixarse moito con bulleiro ou merda.
Empantanado.- Sitio cheo de estorbos onde é difícil moverse. Onde reina o desorde.
Encamballotado.-Retorcido, cheo de camballotas. Aplícase tamén ás persoas vellas, cando están xa moi dobradas, con perfil de fouce.
Encandiolar.- Estar encandiolado é temblar pola friaxe, estar a punto de morrer co frío, atrecido.
Encendedallo/a.- Fronxas (fronza, en galego) de uz, xesta ou afetos; calquera cousa que poida servir para encender o lume.
Encombado.- Torto, retorcido, facendo comba. No galego “católico” prefiren empenado, como tamén dicimos en Brumoso.
Endino.-Maluqueiro, traveso, de pouco fiar.
Enfolizcar.-Lixar; habitualmente falase dunha persoa enfolizcada, con lixo na cara. Tamén se di dunha persoa chispa, borracha.
Engaliotarse.- Engarrarse, loitar. Nos dicimos luta.
Enronia.- Desexo intenso de algo. Desexo imprevisto ou inexplicable, semellante a antollo de embarazada. Desexo de algo non planeado.
Enxaramelar.-Primeira fase de crecemento dun froito. A primeira semana de agosto ten que ser quente porque é cando enxaramelan as castañas. Tamén aplicable ao crecemento dos cativos.
Esbullar.- Quitar a casca ás patacas, a unha mazá ou a unha pera sacando longas tiras. No Caurel din bullar, bullar as patacas. No diccionario galego, esbullar o termo está recollido como variante non recomendada para espoliar, roubar, arrebatar.
Esbúreo.- Sen aditamento nin acompañamento. Unhas patacas esbúreas: sen nada máis que patacas.
Escachouzar.-Cando a potada ferve a todo meter, está escachouzando. No diccionario de Horacio é escachoar.
Escadabullar.- Rebuscar, aproveitar unha colleita sen deixar nada para o rebusco.
Escallaforrar.-Furgar, rebuscar na procura de algo indeterminado nun sitio. O que fai un rapaz que acha un baúl no faiado. Revolver cousas sen buscar algo determinado.
Escancarar.-Abrir, especialmente unha porta, de par en par.
Escaneta.-Escano lixeiro, máis doado de mover. Pode servir para dar asento de dúas a seis ou máis persoas.
Escarramelar.-Abrir moito os ollos, polo medo ou pola enorme sorpresa que non causa algo.
Escodiachar.- Non é cortar unha codia (que en galego é só casca, non significa rebanda) de pan; é retorcer o pan coa man para partilo porque non hai navalla. Non ten moito que ver con escodiar, recollido como variante no diccionario galego por quitar a codia ao pan.
Escorrexer.- Tusir para sacar flemas ou asperezas que atrancan a gorxa e non deixan falar con normalidade. Facer ir a agua, cando é escasa, por un rego pouco labrado.
Escoscar.- Sacar caróns de noz das súas duras cascas, ou sacar os chícharos ou os garbanzos das casulas; tamén sacar o gran do millo da mazaroca. (descubrir a mazaroca quitándolle a folla é esfolar, como no caso dun cordeiro para a festa). No diccionario galego escoscar é quitarlle á noz a casca verde; escarolar; quitarlle a casca ó trigo ou á avea.
Escucirse.-Fusgarse, desaparecer sen deixar rastro.
Esfarramechar.- Rasgar, por en trizas un trapo. Esganifar é un fermoso sinónimo que está no diccionario de Horacio Rodríguez, pero tamén no diccionario galego.
Esfocilar.- Limpar, con ferros roxados nas brasas, as barbas dos fociños e as orelleiras do porco.
Esfurracar.- Empregar unha vara ou un caxato para facer saír un bicho dun buraco, dunha rata coveira, por exemplo; esfurracar nun avrespeiro, tamén diciamos. Esfuracar existe no diccionario galego para facer buracos, furar. Esfurracar produce buracos máis grandes.
Esfurricharse.- Ter caganeira ou cagarría. Descomposición.
Esgalabernar.- Producir un galaberno (palabra xa recollida polo Horacio), un buraco grande; as talaburdiadas esgalabernaban as pozas e as preseiras.
Esgarnancharse.- Mancarse cun garnancho, ferirse.
Esmorreado.-Mancado, ferido. O garnancho abre corte; cunha caída no chan un acaba esmorreado.
Esnagatado.- Como sairía un despois de caer no medio dun silvaredo, ou tamén despois de caer ós roullóns por unha louxeira.
Espalvurir.-Espabilar, levantar a alguén; sacudir unha manta ou unha prenda con po, en desuso.
Espamborrar.- Romper, esbotelar. Parece refirirse preferiblemente a algo blando, pero tamén se espamborra unha pucheira de barro se cae ó chan.Esparagallar.-Esparexer, para nós vai casi limitado ó esterco; esparagallar e esparexer outras cousas. Hermisende é un lugar con barrios esparagallados.
Espinotar.-O que fan as cabalerías para fuxir da carga ou para botar o xinete ao chan. Tamén se utilizar referido á xente que se alporiza por sentirse atacada nunha conversa, polo que contesta de forma violenta, espinotando.
Espitrocar.-Furgar, buscar algo valéndose de algo aguzado. Espitrocar nun dedo para sacer un pico de orurizo, por exemplo. Tamén pode ser cunha estaca nun poulo ou nunha parede.
Estadulleta.-Estudullo ou fungueiro está recollido como merece no Gran Xerais; estadulleta só se amenta como algo menos importante, como “estadullo dianteiro do carro, máis curto que o resto”; non se lle fai xustiza, porque, de ser estadullo, era o estadullo máis importante, o que facía oco para que a vaca puidese arrimarse á aixeda e tirar ben. Sen estadulleta, a vaca tería que retorcer a cuada cara ó exterior e non podería tirar a xeito nin cabería polas rodeiras do camiño. Se o estadullo é o home (amigo de presumir e facerse ver, como o galo), a estadulleta é a muller (práctica, mirando por todo, con visión panorámica); sen un estadullo a carrada de herba chegaba a casa; sen estadulleta, non.
Estaraco.- Pau delgado, guizo. Persoa moi delgada.
Estorriado ou esturriado.-Pasou de asado e está revido, medio chamuscado.
Estoubado.- Pouco formal, bruto, que fai cousas sin sentido.
Estourote.-A planta que da campaniñas de cor violeta que sirven para estourar se se golpean contra a man apretandolle a boca. Os galegos estalan e chámanse estalotes.
Estreitoira.-Os galegos, máis aforradores, prefiren treitoira, aínda que coinciden con nós en recoller como sinónimo apeladoiro. É a peza que, espetada nas varas da aixeda, aconchega o eixe por diante e por detrás; por baixo do eixe, as estreitoiras de cada lado do carro únense mediante unha terraxa, un largo parafuso; con carga e costa abaixo, apretábanse as terrraxas para que servisen de freo e non se vencese todo o peso na cabeza das vacas; os mozos amigos de presumir tamén apretaban as terraxas do carro para facelo cantar, para que as mozas soubesen deles.
Estremallagota.-Gran cantidade dunha cousa, especialmente castañas, esparexidas polo chan.
Estrinque.- Cadea usada para acuartear.
Estrombarrúas.- Descoidado. Asociase ó que anda cos pés a rastro.
Estrouzapé.- Remite a unha situación física, de ruido, caída de algodun carro ou dunha burra, atravesado no camiño, con xente rindo ou botando as maus á cabeza. Non é un guirigay, é un estrouzapé. Para Horacio era o ruido que fai o gando cando está inquedo nas cortes.
Farramecho.- Trapo vello e de pouco valor, listo para esfarramechar, para atafuñar unha caldeira ou facer unha farrapa.
Farrumeiro.-Trapalleiro. Amigo de andar con corriahadas, sexan cousas que non serven para gran cousa ou con lerias duns e doutros.
Fita.-Pedra pequena, chaira e de forma circular que se tira contra o tango que suxeita as moedas ou carpetas.
Fizcaña.-Aceno, xesto.
Folizco.- Mancha, pegada de lixo na cara.
Fora-mi-de-mal.-Oxalá, quen nos dera, estaría ben. Expresión acuñada pola familia da Esperanza que cabeza interpretar como un cruce de dedos para espantar o mal fario e atraer boas novas.
Fruxanco.-Buraco aberto no terreo onde se corre perigo de meter un pe e quebrar unha perna (unha pata, caso de animal). Para Horacio Rodríguez é furuxanco.
Fucafuca.- Persoa que se pasa de traballadora, que non ten paraxe, que sempre está a facer algo. Nada preguiceiro.
Furgalla.-O que os galegos chaman farangulla, miga de pan. Aplicase a todo o que é minúsculo.
Furricheira.- caganeira, cagarría. Descomposición. No diccionario de Horacio está.
Furuxanco.-Buraco grande no terreo, segundo Horacio Rodríguez.
Fusgarse.- Evadirse, desaparecer, escucirse.
Gaiteiro.-Cabaliño do demo, libélula.
Galelo.-Cada unha das partes ou polas que forman unha uva; cando as uvas quedan sen criar porque vén mal tempo na floración, o que adoita haber son galelos, con media ducia de vagos. O que nós chamamos uva (ou marangolo, se é do rei e grande) en galego e acio e en castelán racimo; o que nós chamamos bago, tamén o é en galego do GX, cada un dos grans que forman o acio-uva-marangolo, unha vez desprendidos do cango.
Garamalleiro, garamallo.- Algo ou alguén que non asenta, como pasaba cos garamallos no alto dun carro de leña, que se enganchaban con todo.
Garmalleiro.- Un tipo que non coordina moi ben as extremidades porque é moi alto.
Garnancho.- Estaraco escochado e con agumes preparado para que alguén se esgarnanche contra el.
Gobernar.- Amañar, reparar, arreglar algo estragado. Está no diccionario galego, pero estamos deixando que desapareza. É palabra moi usada polos nosos maiores, incluso no sentido de aliñar (unha ensalada, un asado) ou adobar. Temos que gobernar a nosa lingua adoptando esta palabra deturpada polos gobernos que, polo xeral, fan de todo menos gobernar.
Gogo.- Penedo redondeado, preferentemente de río.
Gorgullo ou gurgullo.-Bola de fío de la ou liño. En galego, gurgullo ou gurgullón é o lugar onde nace a auga facendo gurgullas. Gurgullo é tamén o insecto con corpo de forma oval que vive nas sementes dos cereais e legumes e do cal existen moitas variedades.
Gorromela.- Enronia, antoxo, desexo intenso de algo. Pode asociarse a berrar de cordeiro á tarde, á espera de que chegue a ovella do monte.
Goxo.-Veleno.
Grañeira.- A verga coa que se ataban os mollos de centeo ou trigo.
Guizo.-Pao delgado e de pouco valor, nin como vara de tanxer as vacas nin para meter no lume. En galego sirve para definir a candieira e o encendedallo.
Irlar.- Estar case transparente, de tan delgado; unha persoa está irlando despois dunha enfermidade que lle quitou o apetito.
Langrollo.- Tragón, capaz de roubar froito aínda verde e non compartilo co que non foi capaz de subir á arbore.
Licantina.-Lida con moita palabra asociada; podese lidar en silencio; a licantina atúrana tamén os que andan ó redor.
Lida.-Lideira, teima, cisma, concoma, obsesión. En galego GX é loita ou rifa entre dúas ou máis persoas.
Liorna.-Barullo grande, guirigai; boa liorna armaban os porcos cando estaban famentos e sentían que se achegaba o caldeiro coa comida.
Ludencia, en.- Ao trasluz.
Luta.- Loita. Pode ser de broma ou en serio; é xogar para ver quen podía máis, a ver quen pinchaba a quen e quedaba por riba, pero tamén unha agarrada en serio, a ver quen bate máis no outro.
Malingrar.-Infectarse unha ferida, que se pon vermella, inchada e pode criar pus; no Gran Xerais aparece como variante pouco matizada para explicar o feito de "encetarse, empeorar unha ferida".
Mamota.- Sapada, caída que non abre ferida pero probablemente deixa moradela: “Apañou unha mamota!”; cansazo extremo. Tamén castaña cocida con casca, coma na Gran Xerais.
Manxadeira.-A mesa do gando; serve para botar comida procurando que as vacas ou as ovellas non pisen nela.
Manxoeira ou meixoeira.- Nasa para coller troitas.
Marangolo.-Uva grande, que hai que coller coas dúas mans, polo xeral as do Rei. Tamén pode ser marangolo un rapaz moi gordecho ou unha persoa con moito volume..
Mesa.-Para o GX é o leito do carro, o estrado; nos poderiamos definilo como as soltas de abaixo; non poden ser soltas porque son de madeira labrada e van amarrando a aixeda e pondo límites ó estrado; en cada extremo, acollen a base cadrada dos berbiois.
Mormela.-En galego mormeira é un catarro nasal, unha catarrerira. Mormelas, para nós, son os mocos, as velas.
Nacras.- Son eses mocos verdes, pegados, secos, que non saen sonando, requiren traballo de mina.
Niu.-Onde pon os ovos o paxaro. O da pita é niadeiro.
Oxar.-Espantar as pitas para que saian do semillero ou para que vaian para o galiñeiro. Oxe, oxe!
Panchuca.- Vexetal de pouco tiro, cor entre amarela e rosa, que sae debaixo dos chaguazos; ten como pequenas tetas e da un leite con gusto a plátano. En Hemisende chámanlle maias, porque saían en maio.
Pentello.-O que no diccionario galego é “guecho de pelo ou de la”, para nós é o pelo da entreperna. Como dirían os rapaces: “Mira, xa teño pentello”.
Pinote.-O que fai a cabalería cando se espanta ou cando quere botarte ó chan.
Pita cega.- Insecto camiña sobre a auga. Iso que en castelán chama "zapateros".Pita cega.-Zapateiro.
Pitaroca.-Buraco, oco fondo, preferentemente nunha fraga ou nun penedo. Tamén recollido por Horacio Rodríguez
Pizpouteria.-Un dos nomes que se lle aplica ao aparato reproductor feminino. No palabrario de Horacio Rodríguez é dispouteria. Ferragacha, perrecha, cousa, cona.
Pórse nela (ou nel).- Foder.
Prego.- Cravo feito polo ferreiro.
Preseira.- No río, en galego. Non coñecen a preseira do prado, esas pequenas obras de arte que permitían repartir a auga mediante esas caldeiriñas de dous ou tres metros, paralelas á caldeira principal e rematadas en tres ou catro embocaduras para que a auga vaia repartíndose mellor para adolecer o poulo.
Quixote.-Óso de canela con pouco alimento para dar sabor ó caldo, canivete; no vocabulario do Horacio é o pé. En Hermisende chámanlle cousillote.
Rabexar.- Moverse sen parar dun sitio para outro, facendo cousas de discutible proveito. No galego do GX é mover o rabo ou dar co rabo.
Rebechar.-A xogueta tan propia dos cativos e dos animais nas primeiras fases da vida. Aparece no Gran Xerais como sinónimo de brincar. Rebechan os cadelos e os vitelos, os cabritos e os cordeiros e, por suposto, os rapaces; xogar a engaliotarse.
Recadén.-Está ben definido no GX, pero non me resisto a recoller a palabra que designa a xugada contraposta á cuartea, destinada a tirar desde a parte posterior do carro para evitar que que a carrada arrastre ou atropele á xunta principal en baixadeiros perigosos con cargas excesivas; tamén leva ese nome a argola que, con ese fin, ía enganchada na cadea traseira, entre os abrazós.
Regoxa.-Empezadallo dunha barra ou panocha, con moita codia e pouco miolo; carocha. En gallego é anaco de pan, chusco.
Resolta.- Dise da burra en celo, que anda a machos.
Rillar.-Refírese, para nós, sobre todo a aproveitar un oso. Vai unha oración pouco piadosa que, creo, me ensinou o avó Anselmo: “Padre noso, caldo groso, xixa gorda non ten oso, rilla rapaz este oso, ríllao ti que eu non poso”
Ripar.-Sacarlle a folla ós negrillos (antes de que os comese a praga que acabou con eles), que se cocían para alimentar os porcos. No caso dos garbanzos consiste en arrancalos das plantas; paso previo a escoscalos pisándoos cos pés, unha vez ben delourados.
Rodillo.- Pano, peza de cociña para limpar as ou secar os cacharros.
Rompexugos.- Bruto, estoubado. Hai que ser moi bruto para romper un xugo.
Ruxideira.- herba que cando está seca ten unha casula con sementes que ruxen.
Salpedrés.- Pedra, tamén no galego normativo. Para espantalo, en Brumoso os rapaces cantabamos: “Salpedrés, salpedrés, non mates a miña res que xa só me quedan dúas ou tres”
Sansoneta.-Ruxe ruxe, un sermón repititivo, que aburre; en galego GX é reprensión.
Sarnicho.- E o sarritán, a espiña, segundo os de Hermisende
Sarritán.- Sarritán para nós e a espiña, a columna vertebral de persoa ou animal; tamén é un monte con fragas que imita pola forma as sartas dunha columna vertebral, por exemplo o sarritán da Ladeira. Está recollido tamén polo Horacio.
Sentalló.- En galego, como variante non recomendada, é alguén baixo, de pouca estatura. Para nos é o que en galego chaman sentallo, asento, tallo.
Silvaredo.-Matagueira de silvas (os galegos prefiren silveiral). O que máis abunda, agora mesmo, en terras de Brumoso. Tamén hai moito sabugueiro, que cheira ben cando está en flor e arrebuña menos.
Solta.-Peza de pouco máis dun metro, coma un estabullo coas puntas retorneadas e convertidas en argolas para unir as puntas dos berbiois dianteiros e traseiros co fin de amarrar a carga. Como case todo o carro (salvo o eixe, que era de afreixo), facíanse de negrillo; se hoxe houbese que volver ó carro, cos negrillos comidos pola peste, habería que probar outra madeira.
Sornexar.- Respirar mal, facendo ruído.
Sumicio.-Desaparición; cando algo inexplicablemente, non aparece, podemos dicir e dicimos: “Vaia sumicio”. Unha desaparición algo misteriosa. En Galicia e Asturias dirían que era cousa do Sumicio, un demo burlón , un trasgo amigo de cambiar as cousas de sitio.
Talaburdiada.-Treboada forte que estraga os camiños e fai medrar os regueiros.
Talada, rapar a talada.-Pasar moito frío, correr o risco de encandiolarse, atrecer.
Talanqueira.-Vara para xogar o irá, palán. Borracheira.Tasmear.-Calcular con coidado, repartir, equilibrar.
Tesón.-Ganapán para pillar as troitas.
Timón.- Pau do arado que vai da rabiza á chavella.
Timoncela.-Pau de acuartear; timón sen arado, para ese uso.
Tornadeiro.- En galego, tornadoiro, o lugar onde se desvía a auga dun rego ou, no noso caso, caldeira.
Trafugueiro.- Cepo, tronco atravesado na lareira para apoiar a leña que se vai queimar, para que arda mellor. Horacio recolleuna.
Trancaxo.- Pouco coidadoso, trapallas.
Treixó.- Trouzó, tirizó.
Trexeitado.- Que non é xeitoso; referido sobre todo a acceso, entrada, camiño, escaleira. Pouco accesible ou dificultoso para entrar. En persoa, pouco mañoso para facer algo.
Trombeleiro.-Persoa que anda tranqueleando, propensa a caer en cada paso que da.
Trouzó.-Inflamación das glándulas das pálpebras. En galego é variante non recomendada. Prefiren tirizó, orizó ou toromelo.
Tusilvana.- Tunda, unha chea de labazadas.
Veldro.-A denominación da vestimenta completa da ovella logo de tosquiada, un veldro de la.
Vío.-Pao duns dez centímetros e gordo como o pulso dun rapaz que, espetado pola parte baixa da aixeda, serve para enganchar a treixa e suxeitar a carrada. Hai dous adiante, por diante da mesa dianteira, e dous atrás, a carón dos abrazós. En galego do Gran Xerais e a parte inferior dun fungueiro para ese fin.
Xeitoso.- De trato fácil, agarimoso. Mañoso.
Xeixo.- Pedernal, o cuarzo branco.
Xocotó.- En Castromil, parte da pata do porco que bota o pote do caldo ou os cocidos de garavanzos. O que nós chamamos quixote e en Hermisende cousillote.
Xongo.- Gogo, penedo redondeado propio do río.
Zabaneiro.- Persoa que anda sempre lixosa, coa roupa cotrosa, chea de merda. Dise do que sempre anda lixado (dicc. do Horacio).
Zamancos.- Calzado con piso de madeira reforzado con chatolas para evitar esbarar, con cuberta de coiro duro que había que adondear untando con graxa ou pingo sen sal. En galego GX son zocos mal feitos; de rapaces, nós só usabamos zamancos e, non sei o de Castrelos, pero dou por seguro que algún bon zamanqueiro habería por Brumoso.
Zambucada.- Caída de mal xeito, de cangallas.
Zanfonear.- Máis ou menos como rabexar, pero cun sentido de maior urxencia, se cadra. En galego GX tamén significa perder o tempo e, por suposto, tocar a zanfona.
Zarrapastro.- Persoa que non se enfeita nada, que anda de calquera maneira, coa roupa lixada, o calzado acalcañado e lixoso, por exemplo.
Zobar.-Encirrar. Zobar os cans, ou ós rapaces, para que se pelexen.
Zreixal.- Árbore que dá zreixas. Noutros sitios é cerdeira e da cereixas.
sábado, 23 de mayo de 2009
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
2 comentarios:
Empezadallo,acabadallo,diantas. Non están no vocabulario.
Como non miro as entradas antiguas non sabía que tiña nova colaboradora en rede. Empezadallo e acabadallo merecen estar na lista e estarán. De diantas vas ter que recordarme o sentido de uso; creo que era un pasado recente, hai un pouquiño, ¿non?
Publicar un comentario