sábado, 28 de septiembre de 2013

A “jauría” humana latexa e progresa en todas as cidades

A “jauría humana”, tan ben retratada por Horton Foote e tan ben filmada por Arthur Penn (sorte que tiña como guinista a Lilian Hellman), latexa en todas as cidades, mesmo na peregrina e universal Compostela, tamén en vilas máis pequeñas.
O morbo da xente máis común, alimentado por filtracións das investigacións policiais e xudiaciais que non deberían producirse, e transmitidas con maior ou menor exactitude e sensibilidade  polos medios de comunicación que, polo xeral, só fan o seu traballo, acaban conformando masas que, como nesa película, semellan capaces de linchar a calquera, “cheos de razón” para converterse en xuíces e verdugos.
Non imos dicir que, nestes caso, nos comportemos peor cos cans. Todos temos visto como son capaces de agruparse para escorentar ou masacrar a un cadelo “estraño”. Pero se nos comportamos como os cans dunha manda, como unha familia de hienas ou como os voitres capaces de esnaquizar un corpo dun semellante antes de que acabe de morrer, daquela deberíamos renunciar xa a que se nos coñeza como persoas e conformarnos con que se nos defina como grandes monos ou, no mellor dos casos, como homínidos.
Co estraño caso de Asunta volven agora as “jaurías” a patrullar polas rúas de Santiago, volven ter carnaza todos eses programas de televisión especializados en sacar e exhibir o peor dos homínidos para que todos os da especie podan ter a oportunidade de sentirse menos malos. Estes programas de telelixo, tan seguido a calquera hora, son agora os substitutos da relixión, o novo opio do pobo, para respiro dos gobernos que poden seguir así recortando e asoballando sen que os homínidos sexamos apenas conscientes.

jueves, 5 de septiembre de 2013

Nova edición de Catro pitas en Istambul

O milagre continúa. As Catro pitas siguen pondo ovos en Turquía. E eu sen dar un pau na auga.