jueves, 11 de diciembre de 2008

"Os globos de andar", contados

No Palexco da Coruña, no marco de Culturgal, o mellor da presentación de "Os Globos de andar", como cabía agardar, foron os rapaces.
Se eu soupera contar contos como os contaba o Horacio, como os contan os/as contacontos de agora, se cadra deixaba de escribilos. Non tanto por aforrar papel, que tamén podería ser unha razón a considerar, como por ser testemuña directa das caras de pasmo, das risas ou da emoción que corresponda a cada pasaxe. Nunca cara aburridas, se o conto está ben contado, como contou o meu, á súa maneira, Fátima Fernández. Xa me tarda escoitala de novo, como un rapaz máis. Será este próximo domingo, día 14 de decembro, ás 18 horas, na Área Central de Santiago de Compostela. Aí está previsto que conte de novo a súa versión de "Os globos de andar" para goce dos rapaces composteláns que asistan ao espazo de animación á lectura promovido pola Editorial Baía.

lunes, 1 de diciembre de 2008

E en Brumoso caeu unha manta de neve como as de antes

Ata candiolos había polas bordas dos louxados. Como os que habitan na memoria da nosa infancia. Caeu na pasada fin de semana unha nevada como non se acordaba hai anos. Non houbo lugares illados en Brumoso nin en Val dos Marcos, porque as máquinas da Deputación funcionaron, pero si moitas dificultades para moverse, sobre todo polas vías urbanas (se non é contrasentido falar de vías urbanas nas aldeas), porque as mentadas máquinas non querían tanto traballo.
Colleunos alá por sorpresa, cun furgón alquilado para levar cousas para a Casa da Carballa e non puidemos gozar plenamente da novidade porque había funeral e incertidume por se poderíamos ou non saír do sitio enteiros ou abolados. Precisamos axuda para entrar co furgón no lugar e tivémola: o José Antonio, o Diego, o Plácido. Víñamos ben axuda para descargar e por alí andaba o Santiago, voluntario. Precisamos axuda para saír e tamén a tivemos: o Santiago outra vez, o Ramón, o Ion, o Diego outra vez, o Jaime (seguro que esquezo a alguén; que me perdoe). Isto é o mellor dos pequenos lugares. Semella non haber xente pero, se un precisa axuda, sempre da con ela. Así que conseguimos saír e gozar dunha paisaxe excepcional, que merece sen compartida.