jueves, 2 de mayo de 2013

Vellos aparcados, vellos rescatados

Un deses libros aptos para todo tipo de lectores: rapaces, mozos, adultos ou vellos. Unha historia recomendable para calquera. Un regalo para acertar, incluso para alguén a quen non lle gusta moito ler. Un libro breve, sinxelo, emocionante.
As protagonistas son dúas vellas abandonadas pola súa tribu para que morran, porque xa son unha carga para o grupo, porque se supón que xa non serven para nada. Dúas vellas que demostrarán o contrario.
Non contarei máis.
A lectura debería ser sempre un acto voluntario. Non me parece que as lecturas obrigadas, tan comúns no ensino, sirvan para crear lectores. Máis ben crean mozos que odian a lectura. Pero non me resisto a subliñar que "Las dos ancianas" debería ser de obrigada lectura para as familias que andan a rescatar vellos das residencias onde os tiñan aparcados desde os tempos en que as súas pensións non eran importantes para o grupo.