domingo, 12 de junio de 2011

Nin mansos nin resignados

Está por ver se os poderes establecidos acaban por converter o cívico e súper respectuoso Movemento 15M nun grupo moi numeroso de indignados capaces de pagar con violencia a violencia que reciban. Agardo que non. Agardo que aínda saiban que é o diálogo, que saiban negociar ou ofrecer alternativas aceptables, tomar nota do descontento e ofrecer respostas. Agardo tamén que teña longa vida o movemento que nos veu demostrar que a xuventude só parecía mansa, que non ten trazas de abrazar ningunha eterna resignación. Un movemento que nos devolve o orgullo de sermos deste país, como cando gañamos o europeo ou o mundial do fútbol. Ou máis. Agardo que o orgullo de ver que abren camiño non cegue o bo criterio dun movemento exemplar, como acaba cegando o criterio dos gobernos que se senten cun grande aval de votos.

Cada día se revela como máis necesario o novo movemento. O sistema democrático dispón de multitude de controis pero tamén permite a caída en rutinas e vicios que o perverten ata convertelo en algo que de democracia, en moitos casos, xa só lle queda o nome. Nunca máis abondará unha firme oposición, nin un Parlamento (nin con dúas cámaras) para controlar a un Goberno. Nunca máis un poder xudicial merecerá un respecto unánime, por actuar demasiado á lixeira ou demasiado de vagar. Nunca máis os medios de comunicación convencionais abondarán para sentir que compensan co seu control as desfeitas dos poderes que clasificou Montesquieu; porque son demasiadas as veces que os vemos como cómplices dos poderes públicos que os atan aos seus intereses, como apéndices de poderes policiais ou xudiciais que os usan como instrumentos moi acaídos para perseguir presuntos culpables e desenvolver xuízos paralelos que acaban en condenas que nunca máis revogarán posibles sentenzas absolutorias.

Sexa cal sexa o futuro, en diante sempre botaremos en falta o sentido común acuñado no movemento das prazas públicas, sempre precisaremos da clarividencia do xuízo daqueles que non teñen intereses que condicionen o que defenden, o que din ou, mesmo, o que pensen. Longa vida para unha xuventude cívica e mobilizada.

viernes, 10 de junio de 2011

Violencia de xénero? Asasinato en familia. Terrorismo doméstico

A sangría segue. A concienciación contra a mal chamada violencia de género non abonda. A mellor presentadora da mellor televisión informa sen inmutarse: "Temos un novo caso de violencia de xénero". Cabé pensar: detiveron a un tipo por bater na muller. Non tal. É un novo asasinato en familia. Outro asasinato doméstico. Por que nos impresiona menos que o terrorismo de sempre, ese que de momento parou? Así non avanzamos. Por moi emocionantes que poidan ser os anuncios que tratan de concienciar sobre o que chamamos un problema cando é unha sangría permanente. Así non imos a ningures. Se evolucionamos é para acabarmos con nós propios como especie.