domingo, 9 de junio de 2013

Unha lectura actual e imprescindible?: Intemperie

Non todos os anos se descubre un gran libro entre as novidades editoriais. Este ano, será polo 13, hai boa sorte  para a literatura española. Unha colleita para recordar. Intemperie, de Jesús Carrasco, é un deses libros atemporais, eternos, clásicos desde o primeiro día. Celebro ver que aínda hai editores que cren en libros publicables, modernos, onde non hai conspiracións cibernéticas nin www.
Concordo cos que tentan sacarlle semellanzas com Miguel Delibes ou Cormac McCarthy. No futuro, se hai bos libros, se cadra hai que sacarlle comparanza con Carrasco.
Un home (en realidade, dous: un rapaz e un vello), unha paixón (varias, algunha ben baixa) unha paisaxe. Todo está en Intemperie. Para que a ninguén se lle ocorra desanimarse, é un libro que vai de menos a máis, que se cadra tarda en dar as pistas claves para enganchar. Que a ninguén se lle ocorra querer aburrirse antes da metade, con certas páxinas onde se pode ver exceso de gusto polo detalle, pola descrición, pola palabra precisa para cada faena. O libro medra a medida que pasamos páxinas, gaña intensidade, acumula emocións, envolve, espanta, conmove.
Libros que hai que visitar? Libros aos que sempre se debe volver? A perla, O vello e o mar, O coronel non ten quen lle escriba, As ratas, A mortaxa, Os santos inocentes, A familia de Pascual Duarte... Intemperie.