domingo, 14 de marzo de 2010

Miguel Delibes: un home bo, con ideas claras e raíces firmes

Seica quería ser recordado como una boa persoa e así será. Un gran escritor que soubo retirarse antes de que se resentise a calidade da súa obra. Nisto gañoulle a Torrente Ballester. Un home recto que non se deixou comprar polo capital de Planeta nin polo de Prisa.
Como lembra Marina Mayoral no seu artigo de La Voz, o editor Lara tentou convencelo para que presentara unha obra ó premio Planeta desde a seguridade de que o gañaría, pero el descartou a tentación porque pensaba nos ilusionados principiantes ou non consagrados que presentarían un libro con toda a ilusión e ningunha posibilidade de gañar o premio. Nisto gañoulle a Cela que aceptou presentarse e gañou para deixar unha memoria de pleitos, ademais da seguridade de que nunca foi unha boa persoa, aínda que fose un excelente escritor.
Cando Miguel Delibes rexeitou dirixir El País, nun momento en que estaba chamado a ser a voz da nacente democracia, supoño que tivo máis dúbidas. Chegara a dirixir El Norte de Castilla e rematara por deixalo cansado de tanto pelexar contra a censura do tardofranquismo. Seguro que lle resultaría tentador dirixir un proxecto como El País, pero dixo que non por non deixar as súas raíces, ben entorgadas (que diría o Xabrés da Teixeira) entre Valladolid e Sedano.
Cando se morre, case todo o mundo é bo. No caso de Delibes foino antes, foi bo sempre. Por iso non é de estrañar que fosen máis de 20.000 as persoas que quixeron decirlle adeus. Botámolo de menos milleiros de persoas que só podemos achar consolo en saber que nos deixou unha fermosa colección de historias emocionantes, unha manchea de personaxes tan inesquecibles como el propio.

viernes, 12 de marzo de 2010

Larga vida para a literatura de Miguel Delibes

Polo xeral, a morte motiva. Para ler a algún autor, quero dicir. Basta que morra un escritor, se cadra medio esquecido, para que a súa herdanza apareza nos esparates das librerías. O negocio é o negocio. Miguel Delibes nunca foi un autor esquecido. Tivo merecido recoñecemento en vida e merece que o sigamos lendo e lembrando a partir deste momento porque as súas historias están cargadas de humanidade, de emoción.
Como estou algo lonxe para facerlle unha última visita -tampouco son partidario deses costumes-, decidín reler "La mortaja". Pola impresión que deixou en min de lecturas anteriores, por ser unha desas historias tan breves como densas e inesquecibles. A historia dunha iniciación á morte, unha realidade á que tantas veces e tan ben se achegou Delibes.
En La Mortaja está tamén a súa preocupación pola natureza, maltratada e expoliada en nome do progreso, e está igualmente a súa mirada a un tempo crítica e comprensiva con respecto da condición humana. Un retrato do sós que estamos na vida aínda que vivamos rodeados de xente. O Senderines non vive rodeado de moitas persoas. Ten veciños, pero ben que lle custa dar con que lle bote unha man para vestir ó pai morto. Ten que mercar a axuda, dalgún xeito.
Polo que dicía, e á vista de que os médicos aínda non aprenderon a prolongar a vida con suficiente calidade de vida, Delibes estaba desexando pechar os ollos. Sorte que nos deixa, para sempre, unha lexión de compañeiros: o entrañable señor Cayo, o Nini, o Mochuelo, Azarías, o propio Senderines e tantos outros. Con tanta compaña, nunca estaremos tan orfos como se tivo que sentir o protagonista de La Mortaja. Larga vida para a literatura de Delibes. Tan próxima. Tan entrañable. Tan universal.

jueves, 11 de marzo de 2010

Todo por amañar

Nin Supermán, que funciona como fábrica de cartos, nin aquel pai que o amañaba todo, todo, todo no anuncio dunha compañía de seguros. Isto seica só o amañamos entre todos.
Tiveron que ser unha vez máis os creativos publicitarios os que nos viñesen lembrar algo que, polo menos no meu lugar, estaba moi claro hai corenta anos. O alcalde de barrio tocaba a campá.
Un representante de cada casa acudía ao sitio das reunións, onde se falaba do que había que facer, onde se buscaba o acordo sobre o día para facelo. A seguir, cando a campá tocaba de novo era, un supoñer, para amañar a petada das Teixugueiras, que estaba desfeita polos regueiros da invernía. Así se anovaban os camiños de todos, co esforzo de todos os veciños, en beneficio de todos.
O único que non me acaba de convencer da actualización deste costume é que a iniciativa veña da man dos gurús da publicidade e a comunicación. Xa nos teñen demostrado que poden provocar reviravoltas da opinión pública e mesmo inesperados cambios de gobernos. Se agora revelan que son capaces de activar solucións para esa crise contra a que se estrelan os gobernos, vai ser cousa de tomalos aínda máis en serio. Ou para collerlles máis medo, se cadra.
Pero non sei se non sería máis doado acadar unidade de criterio e acción mediante purgantes como o que nos receitou Rosa Díez a todos os galegos, cegada polo seu desexo de zouparlle a ZP. Tal vez a campaña dos comunicadores debería ir, de momento, en negativo. Para botarnos a andar en positivo, tal vez debesen tocarnos a moral, acusarnos a todos e a cada un de nós de non servimos para nada, moito menos para remontar unha crise do copón.
Se o futuro é dos escépticos e dos dubidosos, dos que o ven todo por amañar, meu será.

Publicado en A Nosa Terra nº 1.396

viernes, 5 de marzo de 2010

O Papa acaba coa crise nos hoteis máis caros de Compostela

O que pode, pode. As alianzas, incluso (ou sobre todo) cando o seu reino non é deste mundo, valen de moito. Onde nin alcaldes nin presidentes atopaban catalizadores para impulsar o Xacobeo 2010, abondou co anuncio da visita do Papa para que, en poucas horas, desaparecesen as inquietudes dos hosteleiros composteláns con máis estrelas. Cheo, de milagre. Polo menos un día. A case 600 euros a estada, segundo publica La Voz de Galicia. Pero que lle importa iso a quen non oíra falar da crise.
Esta por ver se os hoteis de menor categoría tamén terán ese día todo cuberto. O que é seguro é que poucos fieis poderán asistir aos actos que protagonice o Papa, que non se anuncian multitudinarios. Nin Obradoiro nin Monte do Gozo. Do que non me cabe dúbida e de que terán máis posibilidades de atopar un sitio para ver ao ilustre visitante os que poden pagar un cinco estrelas. E estarán mellor descansados.
Despois dame por pensar se se esgotarán tamén as prazas da hostelería somerxida. Por pensar, ata penso se poderiamos sacar uns euros alugando un cuarto. Ata que caio na conta de que non temos ningún cuarto desocupado. Pagaría alguen por dormir na nosa trasteira? Tanto ten. Agora que lembro, alí non cabe unha agulla. Tivemos que enchelo de trastes para facer sitio na casa.
Como temos feito diante doutras aglomeracións anunciadas, se podemos, fuxiremos de Compostela para deixar sitio aos fieis. Polas rúas. Non na casa.