domingo, 20 de diciembre de 2009

As flores do inverno chegaron no outono

En Brumoso, as flores do inverno foron este ano temprás: fluriron en outono. Candiolos como os de antes, algo de neve que se conserva desde a semana pasada gracias a intensa xeada que, noutros sitios, aparece fachendosa, querendo facerse pasar por verdadeira neve. Con todo, non hai que preocuparse. Dicían que o inverno non o como o lobo (ou era a terra?), pero a primavera xa está ás portas, xa se quere asomar pola buraca.






sábado, 12 de diciembre de 2009

A imaxinación delinque

Seica foi Buñuel quen dixo que a imaxinación non delinque. Cuestionable, como todo. Habería que dicir máis do que fai ou non fai a imaxinación. Do que cabe agardar dela. Pode servir para atopar solución aos problemas, pero tamén pode provocalos. O perigo, se cadra, aparece cando queremos dar carta de verdade absoluta a aquilo que cremos ver pero só imaxinamos. Cando a veciña dá voces ao outro lado da parede, debemos chamar á policía municipal para denunciar malos tratos ou debemos pedir consello ao seu compañeiro para aprendermos a ser mellores amantes? Ou convencer á nosa parella para que non nos deixe mal, que faga algo de teatro, se non hai máis remedio. Non se trata de dicir frivolidades sobre un asunto tan serio como o dos malos tratos, que existe e que é case un estigma para todo o xénero masculino. Tratase de ter claro que non sempre é doado separar realidade de aparenza, o que pasa do que imaxinamos que pasa. Como compensar a ese rapaz que os medios de comunicación converteron en violador e asasino dunha nena de tres anos á que coidaba? Que xigantesco exceso de celo contaxiou a estamentos médicos, xudiciais, policiais e xornalísticos para convertelo no monstro que todos puidemos ver, esposado e con cara de culpable. Agora, unha vez en liberdade e sen cargos, volverá a ser inocente algunha vez? Onde está a violación que se lle achacou cos máis escabrosos detalles? O dilema non é simple. Se a elección fose sinxela non habería dilema. Hai que escoller entre correr o risco de deixar a algún culpable sen castigo (ou cun castigo moi tardío) ou asumir a posible culpabilización dun inocente que, tendo en conta a proliferación de medios de comunicación á busca de sangue e vísceras, nunca máis será inocente.

Publicado en A Nosa Terra nº 1384

miércoles, 9 de diciembre de 2009

Unha cova para abrir a boca: El Soplao

Hai catedrais para quitar o chapeu. Poñamos a de Sevilla e a de Santiago, entre as que coñezo mellor. Desde esta pasada ponte, xa superada, vou dar en pensar que un dos monumentos máis fermosas que teño visto ata agora é obra da natureza, está baixo terra e ten por nome El Soplao. Fomos de excursión a Cantabria e gustounos moito Santillana del Mar, a que chaman vila das tres mentiras (nin santa, nin chaira nin ten mar); moito que ver nesa viaxe de volta á idade media, sobre todo desde que escurece, e moito sitio onde comer ben. Tamén nos gustou Cabárceno, máis pola paisaxe que polos animais alí presos; menos presos ca nun zoo, pero presos de todos modos; tristes ollos, os dos osos de pé pedindo un anaco de pan. Pero o mellor da viaxe estaba debaixo da terra, na cova de El Soplao, a antiga mina agora convertida nun espectáculo digno de ver. Fuxo dos calificativos, pero esa cova merece chamarse maravilla. A foto non é miña; e da guía que firman Fernández Ortega e Valla Uriol. Como dicía o outro: hei volver. Se podo.

martes, 1 de diciembre de 2009

Empezadallo e acabadallo

Como non se me ocorren nin recibo novas incorporacións para o palabrario de Brumoso, vou engadir ás últimas que quedaban no peto, as tres que me apuntou unha amiga de sempre e unha de propina. Empezadallo, acabadallo, diantas. Ese regalo me deixou na antepenúltima entrega, a da restra case completa. Tardou en incorporarse á rede, pero a este paso non tardará en facerse blogueira. Grazas, Lucía. Eu sumo escancha e quedo herniado.

Acabadallo.- É o remate de algo, o sitio onde acaba. Para min que está referido sobre todo ós tecidos; o sitio onde acababa o calcetín ou a farrapa. Pero creo que tamén se utilizaba noutros contextos. Esta entrega podería ser o acabadallo do vocabulario, polo menos nunha tempada.
Diantas.- Vén a ser sinónimo de hai un nada, hai un cacho, vai un momentiño, diantas.
Empezadallo.- O empezadallo, pola contra, é o sitio concreto ou o momento en que empeza algo.
Escancha.-Unha medida que seica non existe no galego normativo. Non é un paso, penso que é un paso largo, algo forzado. Non está no GX, que só recolle escanchar como variante de escarranchar. Escarranchar, a min dame que ten que ser escancharse esaxeradamente, como habería que escancarse no lombo dunha égua moi moi gorda, ou para cruzar unhas poldras moi moi separadas, sempre que se saltaran sin brincar. En ver de escancha, iso sería unha escarrancha.

E aquí o enlace á lista case completa. So haberá que sumarlle esta entrega e a anterior.