Seica foi Buñuel quen dixo que a imaxinación non delinque. Cuestionable, como todo. Habería que dicir máis do que fai ou non fai a imaxinación. Do que cabe agardar dela. Pode servir para atopar solución aos problemas, pero tamén pode provocalos. O perigo, se cadra, aparece cando queremos dar carta de verdade absoluta a aquilo que cremos ver pero só imaxinamos. Cando a veciña dá voces ao outro lado da parede, debemos chamar á policía municipal para denunciar malos tratos ou debemos pedir consello ao seu compañeiro para aprendermos a ser mellores amantes? Ou convencer á nosa parella para que non nos deixe mal, que faga algo de teatro, se non hai máis remedio. Non se trata de dicir frivolidades sobre un asunto tan serio como o dos malos tratos, que existe e que é case un estigma para todo o xénero masculino. Tratase de ter claro que non sempre é doado separar realidade de aparenza, o que pasa do que imaxinamos que pasa. Como compensar a ese rapaz que os medios de comunicación converteron en violador e asasino dunha nena de tres anos á que coidaba? Que xigantesco exceso de celo contaxiou a estamentos médicos, xudiciais, policiais e xornalísticos para convertelo no monstro que todos puidemos ver, esposado e con cara de culpable. Agora, unha vez en liberdade e sen cargos, volverá a ser inocente algunha vez? Onde está a violación que se lle achacou cos máis escabrosos detalles? O dilema non é simple. Se a elección fose sinxela non habería dilema. Hai que escoller entre correr o risco de deixar a algún culpable sen castigo (ou cun castigo moi tardío) ou asumir a posible culpabilización dun inocente que, tendo en conta a proliferación de medios de comunicación á busca de sangue e vísceras, nunca máis será inocente.
Publicado en A Nosa Terra nº 1384
sábado, 12 de diciembre de 2009
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario