martes, 17 de julio de 2012

Vivamos como gregos e morramos coma indios!!

Noutros tempos, o ideal de todo dios era chegar a vivir coma un crego. A estas alturas ese obxectivo é demasiado ambicioso porque os cregos xogan con moita vantaxe, sen ter que pagar IBI nin IVA, expostos a que lles rouben o cepillo, iso si, pero pouco máis. Sen medo a que ningún goberno, sexa da cor que sexa, lles recorte as prebendas.
O común dos mortais, xa que non poderemos seguir vivindo como galegos, vivamos como gregos porque nunca fomos máis ca eles, como crimos nalgún momento. Vivamos como gregos e gocemos do pouco que podamos gozar co pouco que nos quede por recortar, que nolo recortarán. Só nos queda vivir como gregos. Con máis impostos, con menos paga.
Sen que nos sirva de consolo que os actuais directivos de Novagalicia Banco pidan perdón pola desfeita das antigas caixas. Porque a penitencia corre da nosa conta.
Sen que nos podan servir de esperanza ningunha das medidas coas que o actual Goberno semella apostar por unha rápida volta á idade media, onde os señores vivan coma cregos e os pobres vivan como escravos, con impostos e sen dereitos, sen  máis futuro que emigrar, se poden.
Na situación actual, crecer e crear emprego non é posible, di o presidente. Pero como é posible recortar os dereitos do paro, faise, para incentivar a procura dun emprego imposible de atopar porque non é posible crear emprego. Haberá menos crecemento, máis parados e máis parados sen prestacións. E portas abertas á emigración, para os mozos mellor preparados, se acaso. Así, os nosos fillos terán –con sorte– un emprego digno ao servizo daqueles que nos están a pisar o pescozo.
Eses señores do centro e do norte de Europa, nunca máis quererán saber dunha Europa de cidadáns. Tamén prefiren unha viraxe cara á idade media, e contan con aliados entre os sumisos gobernantes do sur. A Europa do próximo futuro é unha Europa onde os estados poderosos recuperarán, pola vía rápida dos mercados-samesugas ao seu servizo, os fondos estruturais cos que nos países pobres se fixeron autovías que logo serán de pago para quen poda pagar e trens de alta velocidade que, nalgúns casos, nunca chegarán a destino. Cando recuperen os cartos daránnos unha patada no cu e mandarannos a xogar coas pesetas ou co que nos corresponda.
Así que vivamos coma gregos e reivindiquemos, para a hora de morrer, a volta os costumes dos indios. Promovamos unha iniciativa lexislativa popular para que nos deixen queimar aos nosos mortos nunha leira ou na troba dun castiñeiro. Para non ter que pagar IVA de artigo de luxo polos servizos funerarios que, polo de agora, ninguén pode evadir, como evaden os que saben defraudar os impostos que, no peor dos casos, lles perdoarán cunha amnistía fiscal, polo menos mentres quedemos un magote de escravos dispostos a seguir pagando recorte tras recorte.

Converter os servizos funerarios en artigo de luxo é algo tan burdo que ten todas as trazas de ser unha cortina de fume para que nos perdamos mareando esa pedra de escándalo e non demos a vara con asuntos máis graves.