lunes, 30 de marzo de 2009

Os abrazos rotos do oso amoroso

Non son só os cardos os condenados a secarse en soidade. Tamén os seres máis agarimosos e suaves poden acabar por ser abandonados, coma se fosen lixo. Como este oso, que semella non ser capaz de crer o que lle tiña reservado o destino. Cantas caricias recibiría? Cantos abrazos lle darían ao longo da súa vida? Non abondou. As persoas vellas acaban a miúdo soas, ata que o cheiro alerta ós veciños, ou aparcadas en asilos, pero os osos tampouco corren mellor sorte. En plena crise, cando o máis indicado sería bañarse con el -porque non cabería en calquera lavadora- para darlle unha segunda vida, o oso da imaxe acabou na rúa, agardando polo camión da basura. Unha mostra máis da falta de gratitude dos humanos, coma se iso precisase demostración. Unha vez máis, abrazos rotos.

miércoles, 11 de marzo de 2009

Trinta e cinco anos despous

A rede, esta rede, é como a do arañón. Un perigo. Estás enganchado. Á vista de todo o mundo. Neste caso, a miña sorpresa non foi por culpa de Brumoso, que segue a ser un lugar perdido no mapa de ningún sitio, unha ventana que me permite seguir exercendo de home invisible (ou case). Neste caso, descubríronme por outro dos sitios onde estou a través das miñas historias. A través da BVG veu dar comigo, trinta a cinco anos despois, un amigo e compañeiro da minoría de idade, cando os dous cursabamos, xunto con outros retratados para a posterioridade, terceiro de oficialía industrial pola rama de electricidade. O meu compañeiro, que era un notable saltador de pértiga, conseguiu traballar seguindo o oficio dos chispas e hoxe é un dos responsables de que a enerxía eléctrica nos acompañe e sirva. Eu seguín probando outras ocupacións para chegar a conclusión, xa hai tempo, de que nunca terei mellor oficio có que me ensinaron de rapaz os meus pais, o de mirar para a mai terra. As fotos, como a rede do arañón ou a de internet, son tamén un perigo, porque nos deixan ver o que fumos. Mozos. Os espellos, outro perigo, son os que deberían ocuparse de dicirnos, en cada momento, o que somos. Pero son aldrabóns. Por iso, para facernos unha idea cabal, temos que contrastar as fotos coa imaxe do espello, que se empeña en amosarnos unha representación de nós que está máis na nosa memoria ca na nosa realidade. Moi a miúdo, no espello vemos o que lembramos. Son os outros, os que nos rodean, os que van vendo o que somos. Sobre todo se só nos ven moi de cando en vez.