jueves, 31 de marzo de 2011

Que dixo que había restricións de crédito?

Estaba convencido de que conseguir un crédito era pouco menos que imposible. Estaba seguro de que era certo, que non hai financiamento en ningures para ninguén, nin particular nin empresario nin emprendedor. Ata que me chegou a proba do contrario. Seica teño un préstamo ao meu dispor, para o que eu queira.

Se quito o nome da entidade que me fai tan xenerosa oferta é por medo a que alguén se me adiante. Igual se acaban os cartos.

domingo, 27 de marzo de 2011

A terra de naide, a terra de todos: onde está o Penedo dos Tres Reinos?

Para os que vemos no patriotismo un virus perigoso alimentado polos ultras contra todo o que non sexan eles propios, para os que aspiramos a ser, en primeiro lugar, cidadáns do mundo, non sei se é boa nova que non se saiba con exactitude onde está situado o Penedo dos Tres Reinos, tamén coñecido como o Penedo Mozo. Iso é o que nos dixo hai poucos días a prensa (Faro de Vigo). Que están por determinar os lindes entre Galicia e Zamora, e que non semella tarefa doada facelo, despois de cen anos de pleitos por resolver. Seica son 1,8 os quilómetros de linde por determinar, entre os concellos da Mezquita e Hermisende, entre Cádavos e Castromil. Polo xeral, so merecen espacio nos medios as malas novas, pero coido que esta non o é. Para empezar, a xuntanza serviu para que se fale do noso cantón máis alá dos seus montes. Para seguir, se non se sabe exantamente onde está ou debe de estar situado ese Penedo, caberemos máis nese espazo máxico –por imaxinario- ao que queremos pertencer, a terra de ninguén, a terra de todos. A nova mereceu catro columnas en páxina impar: “A Mezquita e un municipio de Zamora intentan un pacto despois dun século de pleitos polas lindes”. Unha nova asociada a outra claramente mala que saca La Región: “Un tren incendiase en A Mezquita cando transportaba un só viaxeiro”. Mala polo incendio, que os sucesos sempre venden ben, e polo feito de que o tren sinistrado só levase un viaxeiro; máis contaminación na autovía. A única viaxeira puido seguir a súa viaxe en taxi. Os que agardaban nas estacións seguintes, A Gudiña e Taboadela, nun microbús. Estes trens de proximidade non mellorarán, moi me temo, se algunha vez chega o tren de alta velocidade, o alustro que nin se deixará ver polas aldeas das Portelas. A mala nova fixo que a outra, se cadra boa, non se convertese (se cadra) en mala; o alcalde da Mezquita chegou tarde ao encontro de lindes por mor do incendio do tren, na Vilavella. As casualidades da vida.

martes, 15 de marzo de 2011

Predicando indignación

Á vista do que acontece día a día, e como dicía unha vella canción, para indignarse... sobran os motivos. Con todo, a miúdo semella que estamos nunha sociedade adormecida, narcotizada, conformista. Ata que chega algunha chamada a espertar. Dun espírito mozo con moitos anos, neste caso. Stéphane Hessel chama a espertar e a indignarse contra “a ditadura actual dos mercados financeiros que ameaza a paz e a democracia”. Sobrevivente da resistencia francesa e dos campos de concentración, único redactor vivo da Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948, defensor activo da causa palestina, Hessel constata que co século pasado rematou unha época de conquistas sociais e comezou unha costa abaixo que só se poderá superar con resistencia pacífica, con cívica indignación, con todo menos indiferenza, “a peor das actitudes”. O vello loitador pola liberdade alerta sobre unha realidade con moitas caras insoportables. Anima aos mozos a buscar razóns para indignarse, como primeiro paso para rachar coa indiferenza. Anima á indignación como paso previo ao compromiso, á solidariedade para mudar o estado das cousas. Chama a indignarse pero sen caer na exasperación que é, a seu xuízo, a negación da esperanza. A esperanza debe ser o instrumento, a ferramenta para conquistar mellores condicións de vida para os que menos teñen, para os que están cada vez máis separados dos que teñen máis. Quen foi protagonista de moitos momentos históricos alerta agora contra a deriva na que andamos, da man da “inercia cómplice dunha Unión Europea”, e clama en favor dunha “insurrección pacífica”. Leva moi pouco tempo ler a alegación bautizada como “Indignádevos!” que chegou a máis dun millón de lectores en Francia antes de achegarse a nós. O máis moderno e necesario panfleto. Tárdase bastante máis en dixerir o contido, en reflexionar sobre tantas verdades sen máscara, tan incómodas como convenientes. Pero diso se trata, de ver e reaccionar. Non de adestrarnos nunha perpetua cegueira.

domingo, 6 de marzo de 2011

Reféns ou escravos?

Todos somos, nalgún momento, reféns. Dos nosos prexuízos ou dos nosos intereses; das nosas débedas, das nosas dúbidas ou das nosas obrigas. Os gobernos son reféns dos mercados, entes amorfos pero desde logo monstruosos. Os cidadáns somos reféns dos mercados, dos gobernos e de nós propios, por aceptarmos de forma dócil rebaixas de soldos e servizos públicos, aumentos de abrigas e impostos... para salvar os mercados. Hai mobilizacións en defensa da lingua ou da sanidade pública pero sen a dimensión nin a repercusión que deberían ter. É como se vivísemos nunha sociedade anestesiada, coma se esas mobilizacións fosen ecos inocuos das manifestacións doutros tempos onde se percibía que servían para cambiar as cousas. Talvez sexamos, sobre todo, reféns de nós propios.

Foi Mark Twain quen dixo que a fame é a asistenta do xenio. Hai outras sentenzas máis nosas que reman na mesma liña, crenzas de que só nos momentos difíciles damos o mellor de nós. Ou iso é mentira ou non é certo que esteamos atravesando unha grave crise. Porque semella que andamos adormecidos, sen merecer nada mellor ca o que temos, ser reféns. Dicía o noso avó Constantino que a peor portela está na porta da propia casa; talvez sexa un bo momento para comezar a liberarnos e cruzala. Porque non podemos, porque non debemos ser reféns a tempo completo. Porque, daquela, seriamos escravos por propia escolla.