martes, 15 de marzo de 2011

Predicando indignación

Á vista do que acontece día a día, e como dicía unha vella canción, para indignarse... sobran os motivos. Con todo, a miúdo semella que estamos nunha sociedade adormecida, narcotizada, conformista. Ata que chega algunha chamada a espertar. Dun espírito mozo con moitos anos, neste caso. Stéphane Hessel chama a espertar e a indignarse contra “a ditadura actual dos mercados financeiros que ameaza a paz e a democracia”. Sobrevivente da resistencia francesa e dos campos de concentración, único redactor vivo da Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948, defensor activo da causa palestina, Hessel constata que co século pasado rematou unha época de conquistas sociais e comezou unha costa abaixo que só se poderá superar con resistencia pacífica, con cívica indignación, con todo menos indiferenza, “a peor das actitudes”. O vello loitador pola liberdade alerta sobre unha realidade con moitas caras insoportables. Anima aos mozos a buscar razóns para indignarse, como primeiro paso para rachar coa indiferenza. Anima á indignación como paso previo ao compromiso, á solidariedade para mudar o estado das cousas. Chama a indignarse pero sen caer na exasperación que é, a seu xuízo, a negación da esperanza. A esperanza debe ser o instrumento, a ferramenta para conquistar mellores condicións de vida para os que menos teñen, para os que están cada vez máis separados dos que teñen máis. Quen foi protagonista de moitos momentos históricos alerta agora contra a deriva na que andamos, da man da “inercia cómplice dunha Unión Europea”, e clama en favor dunha “insurrección pacífica”. Leva moi pouco tempo ler a alegación bautizada como “Indignádevos!” que chegou a máis dun millón de lectores en Francia antes de achegarse a nós. O máis moderno e necesario panfleto. Tárdase bastante máis en dixerir o contido, en reflexionar sobre tantas verdades sen máscara, tan incómodas como convenientes. Pero diso se trata, de ver e reaccionar. Non de adestrarnos nunha perpetua cegueira.

5 comentarios:

Xabres da Teixeira dijo...

Onde está a xuventude?

Javier Lopez Rodríguez dijo...

A xuventude de agora, e nós tamén, temos moito que aprender de vellos como Sampedro ou Hessel.
Creo que nós teremos que indignarnos na medida do posible, porque moita xuventude de agora (non toda) só se indigna se lle falla a liña de acceso a internet.

Louxeiro dijo...

Xabres la juventud española como dice Enrique Dans está de botellón http://www.enriquedans.com/2011/03/geracao-a-rasca-portugal-despierta.html

luis ramos dijo...

Amigos, la juventud está esperando a que nosotros seamos menos acomodaticios, y como dice Javier, sigamos aprendiendo de los diferentes Sampedros que todavía existen.
Somos nosotros los primeros en representar el adocenamiento y la anestesia.
¡Salud y risas!

Javier Lopez Rodríguez dijo...

De acuerdo con la propuesta, sobre todo la final: Risas son salud.

saludos