Publicado en A Nosa Terra, nº 1.360
jueves, 28 de mayo de 2009
Volver, ou non
A crise está a cambiar moitos costumes dos últimos anos. Nalgúns casos, para ben. Acabou iso de endebedarse alegremente. Os mesmos bancos que daban crédito sen pedir nin o carné son os que agora se ocupan de evitar tentacións. Cando a sombra do paro nos deixa tan pálidos como nos poderían deixar unhas vacacións en catacumbas, daquela xa hai menos necesidades, xa se empezan a considerar outras posibilidades, outras formas de vivir e de lecer. Mesmo reformulacións. Disque hai retornos. Xente moza que volve mirar para a terra como lugar de traballo, como fonte de vida e de riqueza. Con explotacións leiteiras? Van ser lendas urbanas. Se cadra, o retorno é unha boa escolla para persoas nesa idade dalgúns afortunados de banca ou empresa pública que gozan de fabulosas pre xubilacións e teñen os fillos xa desaniñados. Tamén para quen non poida aturar esoutro labor de pedir nunha esquina. Boa opción sería, en todo o caso, para a terra, se as vellas ferramentas se desenferruxasen, se fosen a menos as hortas a monte. Estase a descubrir en moitos casos, e a redescubrir, noutros, a xenerosidade da terra, que sempre dá cento por un. Pero como suplemento ou como pasatempo. Para non pasar fame. A de volver debería ser, en todo caso, unha escolla voluntaria. Se o de volver á terra se ha de ver coma un castigo, mellor non volver. Desaparecería a súa xenerosidade. Nese caso, mellor considerar outra vez a emigración a Europa, onde hai experiencia abonda e din que o traballador galego está ben considerado. E deixar que os xubilados ingleses sigan mercando as casas das nosas aldeas.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario