domingo, 31 de enero de 2010
Plumas e artefactos explosivos contra a lingua galega
Facendo permanentes loas dunha hipotética liberdade individual que sempre malvive condicionada por multitude de factores, o opinador no punto de mira dos violentos -que aspiran a terroristas e acabaran por selo- non é en modo algún amigo da promoción dunha lingua galega que, con todo, manexa á perfección cando participa en debates onde cre que convén usala.
Para el o galego está superprotexido, promovido en exceso. O que hai que facer é darlle absoluta liberdade á xente para que fale o que lle pete, onde lle pete e cando lle pete. E se o galego ten que morrer por falta de protección, que morra. O comentarista non deixa pasar oportunidade de usar as mellores tribunas ás que ten acceso para darlle marteladas nos dedos á lingua propia de Galicia, que non deixa de esmorecer.
Blanco Valdés non fai nada en defensa da lingua galega, salvo demostrar que sabe falala cando lle peta, e está no seu dereito cando difunde as súas ideas a este respecto. Os que arriman artefactos explosivos á súa casa, aínda fan menos polo galego. Converten ao articulista en vítima e obxecto de simpatía e solidariedade incluso dos que non comparten as súas ideas. Eu tamén estou coa vítima nestes momentos. Contra os que só coñecen a fala dos artefactos explosivos, sempre. A favor de calquera medida que evite a morte da lingua que me ensinaron os meus pais, tamén sempre. Porque igualmente aplaudo canta medida se poida poñer en marcha para protexer o patrimonio histórico e arquitectónico que nos legaron os devanceiros; cómpre salvalo de nós mesmos, da nosa liberdade para esnaquizalo. Porque creo que a lingua galega tamén merece ser salvada, contra a nosa desidia pero sobre todo contra a vontade dos que cren que so merece unha lápida coa lenda de lingua morta.
Un artigo ilustrativo sobre este asunto da lingua: "Sobrevivir en gallego", de Xosé Manuel Pereiro, presidente do Colexio de Xornalistas de Galicia.
miércoles, 14 de octubre de 2009
Adiviña da especie en vías de extinción que cada vez ten menos protección
Unha adiviña, desta vez. domingo, 4 de octubre de 2009
A fantasma do castelán e a reserva da lingua galega
Pese a accións de promoción que denunciaban como imposición, inmersión ou quen sabe que criminais plans de expulsión do castelán de Galicia, o castelán ten boa saúde en Galicia. Mala sintaxe, acento rariño, pero boa saúde. Non se perde, mal pecado. O galego, pola contra, vai caer máis de présa de agora en diante. Non creo que o galego dos parlamentarios e demais políticos anime a ninguén a falar galego. Non prestixian a lingua. Non son bo exemplo. Pero era a presenza da lingua galega nos medios audiovisuais, porque os escritos sempre o foron maioritariamente en castelán. Agora son cada vez máis os políticos e parlamentarios que non se senten na obriga de usar a lingua propia de Galicia. Nin no chamado Parlamento Galego. Ornamentos fóra. Viva a sinceridade. Morra o galego. Agora, a publicidade institucional comeza a facerse tamén en castelán, porque non pode haber discriminación positiva nese eido, seica. Agora, o uso do galego si que viaxa costa a abaixo e sen freos; comeza a roldar o galego como alma en pena, mesmo na administración, onde entre os mesmos funcionarios que sentían a obriga de falar galego existe agora a percepción de seren mal mirados se falan galego por norma ou por libre escolla.
Agora que nas Portelas non temos alcaldes que vexan o galego como unha vergoña que é preciso esconder, nin mestres que prohiban ós rapaces (qué rapaces?) falar galego durante os recreos. Agora pode ser o momento de convertérmonos na reserva oficial da lingua galega, o sitio onde acudan, nun futuro moi afastado (ou non tanto) os estudiosos de linguas raras, en perigo de extinción ou extintas (salvo nas reservas e nas fonotecas). Podemos ser os últimos expoñentes dunha fala mítica, como é agora o silbo canario, que aínda se aprende nas escolas de La Gomera. O silbo gomero acaba de ser declarado pola Unesco Patrimonio da Humanidade. Quen nos di que, no futuro imperfecto que nos agarda, os lugares do occidente asturiano, do Bierzo, das Portelas, Brumoso e Val de Marcos, non poden ser tamén declarados patrimonio inmaterial da Humanidade por conservar e falar unha fermosa lingua chea de matices que deixaron morrer (ou mataron) no territorio que lle era propio?
miércoles, 10 de junio de 2009
Carta aberta (e bilingüe) a Gloria Lago
Nunca pensei que chegaría a sentirme solidario con vostede. Nunca pensei que podería sentir a necesidade de manifestarme claramente da súa parte. Non obstante aquí me ten, disposto a amosar a miña solidariedade coa persoa que está a ser acosada polos fundamentalistas da lingua, os que nunca lle fixeron nin farán un favor ao progreso do uso do galego. Dicía George Orwell que liberdade de expresión é o dereito a dicir o que a xente non quere oír. Ben, pois eu creo que vostede ten dereito a crer que o castelán está en perigo en Galicia e a defender o seu uso para que o galego non o expulse. Eu, que son galego de Zamora, creo que a lingua que está realmente en perigo en Galicia e o galego. Por iso fun a manifestación convocada pola MNL e non fun a convocada por Galicia Bilingüe. Porque sempre sinto a necesidade de apostar polo máis débil e creo que, en cuestión de idiomas e en Galicia, é o galego.
Pero, por eso mismo, estoy escribiendo ahora esta carta abierta y bilingüe, porque entiendo que Gloria Lago es la parte débil, frente al poder de los cobardes violentos que no le quieren reconocer su derecho a decir lo que no quieren oír y que emplean métodos que los descalifican desde el primer momento, que los convierten en delincuentes disfrazados de defensores de una lengua a la que no hacen ningún favor. Contra quienes la amenazan por pensar como piensa y decir lo que dice, contra quienes atentan contra sus bienes y tratan de intimidarla, cuente con mi solidaridad y mi apoyo moral. Como decía Voltaire, "no estoy de acuerdo con lo que dice, pero defendería hasta la muerte su derecho a decirlo".
Salvo erros, quedan escritas arriba as primeras palabras que recolle Brumoso en castelán. Non é porque lle teña noxo á lingua na que me alfabetizaron cando fun á escola. É porque amo a lingua galega que me enseñaron os meus país, porque sinto tristeza ao ver que perde terreo na súa terra, Galicia.
