Sen TIC nin vellos e ben afastados aparellos da Inquisición, como se pode
medir a capacidade de sufrimento dunha persoa?
Como se pode medir, por outra banda, a diferente duración dos segundos?
O apañador de castañas madruga. So ten un día e sabe que hai moita castaña
por apañar. Antes das nove e media xa está dobrando a espiña. Cronometra.
Primeira cestada, quince minutos. Anímase a si mesmo e comeza a facer contas.
Se consigue una media de saco por hora podería encher nove ou dez sacadas antes
de que escureza.
O apañador enche a primeira sacada nunha hora xusta, pero ten que cambiar
de souto, ten que saudar a uns veciños e, cando acaba coa segunda sacada pasou
máis de hora e media desde o remate da primeira. E as bisagras xa comezan a queixarse cada vez que cambia de postura. Váiselle
a luz dos ollos cando se incorpora para descansar uns segundos. Sente a boca
seca e traga saliva que remarguexa.
Pero unha xornada de traballo e sufrimento en soidade da moito máis de si.
Ademais de erguerse e agacharse, o apañador de castañas pensa. E pensa que tiña
razón Torrente cando criticaba a quen dicía: “O tren chegará dentro de breves
segundos”. Os segundos son o que son, si, pero hai veces que son máis longos ou, polo menos máis
intensos.
O apañador de castañas cavila sobre isto mentres oe o inconfundible son
producido polas castañas que se desprenden do bico do castiñeiro, ás veces en
competición, como para ver cal chega antes á terra. O son das castañas que
baixan golpeando contra as follas que achan na súa vertical da calafríos, como
a música ben feita das boas películas de suspense.
O apañador de castañas ten tempo para facerse varias preguntas. Será castaña?
Será ourizo? Ourizo cheo de castañas? Caerame enriba? Na cabeza? Nunha orella?
Nas costas? Teño ás costas descubertas? Quen me sacará os picos? Moitas
preguntas para o segundo máis longo. Por iso se deben de facer tan agoniantes
os días de apañota en soidade.
Contra o mediodía, o apañador de castañas so descansa media hora que
aproveita para comer un par de mazas e unhas pastillas de chocolate, para
resistir o esforzo sen sentar a xantar. Sabe que despois de encher o bandullo
custa moitísimo volver a comezar, así que come pouco e dando un pequeno paseo,
e para recoller, ó mesmo tempo, un boletus
por aquí, un cocomelo por alá. Un
respiro.
Segue enchendo cestas e sacos tan
axiña como pode. Con ritmo que se vai facendo cada vez máis vagaroso. Máis
esforzo, menos rendemento. Consciente de que cada nova cestada e cada nova
sacada requiren máis sufrimento e máis tempo que o anterior. A saliva que traga
segue a ser un chisco amarga. Bebe auga da fonte do Souto, e volve a agacharse.
O único relax que se permita é o breve paseo coa cesta chea ata o novo saco por
encher.
Cando xa está a querer escurecer, cando se comeza a ver mal, apura para
encher una cesta máis, a que necesita para encher o último saco empezado. Sete
sacos, cando van dar ás 19:30. E aínda volve a apañar ata encher outra cesta que
levará en equilibrio entre os sacos, na caixa do tractor, consciente de que
cada vez que se moven, os sacos deixan un espazo. A experiencia conta. A cesta de
propina, servirá para volvelos a encher, una vez descargados.
Para rematar, o apañador de castañas pensa que a medida da súa capacidade
de sufrimento está en sete sacos de castañas. A cesta non conta. Sabe que non
sería capaz de encher sete sacos con vinte años; sería capaz de encher un en
menos dunha hora, dous en menos de dúas
horas, pero nunca sete nun día. Tampouco ós trinta, nin os corenta. A
resistencia ó sufrimento medra cos anos. O apañador pensa que debe de estar na
plenitude da resistencia ó sufrimento. Ou moi cerca.
Tamén pensa, por un instante, que tanto sufrimento tamén pode vir de tanto
pensar.
Sobre a dimensión dos segundos, non sabe que máis pensar, desde que se viu
con ollos dun espectador fora da súa pel, un peripatético desocupado. Viuse
incorporado, coas mans cubrindo a cabeza e coa testa engurrada, á espera dun
castañazo que non chegou. Patético.
PD. O apañador de castañas advirte que este breviario non pretende ser, de ningún modo, reclamo
para buscadores de apañadores. Non sabería que soldada pedir para ver pago
tanto sacrificio
1 comentario:
nice I Like This ...!
Publicar un comentario