Prodúceme
inquietude, e tamén algo semellante a complexo de culpa, a moda de
publicar fotos de papatorias, porque sempre se me vai a cabeza ós que non teñen
para comer, nin iso tan bonito nin nada de nada ou, no mellor dos casos, unha
porcallada, pan duro ou alimentos caducados. O único que me consola é pensar
que os famentos non verán eses pratos virtuais, que non terán perfil persoal en
ningunha rede, pero igual é moito pensar. As redes están moi estendidas. Os
listosteléfonos “perdidos”, tamén.
Comer,
nestes tempos, e un espectáculo, un luxo que gustamos de exhibir, como gusta
mostrar as xoias.
Non
me gusta a moda.
Pola
contra, prodúceme enorme saudade recordar almorzos ou xantares doutros tempos,
en prados ou leiras, no intermedio de xornadas esgotadoras, de sol a sol.
Almorzos da sega da herba ou xantares de seitura onde a chegada da manduca,
case sempre a lombos dunha burra, era unha bendición, porque supuña parar un
pouco e repoñer forzas. Con todo, o maior gozo deses momentos estaba en ver a cara
de satisfacción, o goce da cociñeira ou da persoa que levaba e servía a comida
ós segadores. Como miraba, como servía, como animaba a comer máis. Unha comida
abundante, moitas veces quente –guiso de rexelo con patacas era común na
seitura- que se devoraba para poder manterse en pé, para poder seguir
traballando ata a hora da merenda ou ata a noite.
O
dilema, hoxe, xa non é comer para vivir ou vivir para comer. Agora a escolla
está entre mostrar o que vou comer ou comer (se podo) e calar.
Falando
de comer. Os que, entre noutras cousas, traballamos nunha horta, nestas datas
comemos produtos da terra máis ca nunca: cabaxiñas ó forno ou ó ferro,
chícharos verdes, patacas novas –que ano de patacas!–, tomates, brocolí,
grelos, ameixas, peras, mazás. Non vou publicar foto ningunha para non caer de
inmediato nos costumes que pretendía criticar. Hoxe, non.
1 comentario:
De volta o barullo!.
Este ano as colleitas deixan moito que desexar. ¡Xa viran tempos mellores!.
Publicar un comentario