sábado, 15 de agosto de 2009

Feísmo sacrílego?

En Brumoso tamén hai feísmo. O antigo vertedoiro, intelixentemente situado nunha encrucillada de augas como é o Porto de Rozas, para que a contaminación baixe de seguida polo cavoco do Salgueiro e o Litro ata o pozo do Forno, leva tempo clausurado. As silvas, o musgo e os amieiros, todos eles con máis vergonza cós humanos, case lograron a milagre de camuflar esta desfeita aínda por desfacer. Case non se ve a vergonza pública. Mais, polo visto, de cando en vez segue a ser usado.
Supoño que motivado por conviccións relixiosas non demasiado fortes, alguén en Brumoso se negou a botar vellos santos ó contedor do lixo e decidiu levalos ó antigo vertedoiro de Rozas. Outro alguén, supoño que tamén movido por ambiguos sentimentos relixiosos (de intensidade non suficiente para rescatar os achádegos e levalos para a súa casa), sacou unha imaxe da Sagrada Familia e colocouna sobre o muro de bloques do antigo vertedoiro. E alí está. Non me consta que o lugar estea incluído entre os lugares de interese turístico da comarca, pero todo se andará.

martes, 28 de julio de 2009

Non me traen a cerveza a casa

Quixen crer que era un premio que me tocaba por bon cliente. Que a compañía de cervezas de Galicia decidirá premiarme con envíos gratis, vía aérea, a domicilio.
Falsa expectativa.
A compañía só decidira aproveitar as multitudes de Señor Santiago en Santiago para facerse publicidade. Para ver se mercamos máis. Así que haberá que seguir cargando coa cerveza para matar a sede. Mirar pola ventana por se aparece outro globo ou, en caso negativo, seguir acordándose dos que decidiron ese gran disparate da Cidade da Cultura (ó fondo, sobre o lombeiro, entre as grúas) e, tamén, dos que nunca decidiron parar a máis grande dilapidación de recursos da historia de Galicia.

domingo, 26 de julio de 2009

Os foguetes, de lonxe











Vimos os foguetes do señor Santiago 2009, de lonxe, como os últimos anos. Non porque nos dea alerxia o cheiro da pólvora, que, se cadra, tamén. O que nos dá máis alerxia é estar afogados polas multitudes que se xuntan no Obradoiro, ou en calquera outro sitio. Así que fuximos ata as faldras do Pedroso, alí onde está a residencia do presidente da Xunta, no sitio que chaman Casas Novas. É un miradoiro bastante axeitado, pero non tarda en estar masificado tamén. Un sitio para ir camiñando, porque se sobes en coche despois podes prepararte, porque non saes do atasco ata as tres da mañá. O que avisa, avisa. A falta de motivación para escribir doutros asuntos de máis interese, deixo aquí algunhas das imaxes que puiden tomar desde alí.

martes, 23 de junio de 2009

Eivados

As estradas e a falta de seguridade laboral son algunhas das razóns que hai detrás de moitas persoas con discapacidade física. Entre elas está agora Franns Rilles, o mozo boliviano que traballaba sen contrato, malia ser o mellor panadeiro do empresario que lle daba un salario miserento por amasar 12 horas diarias. Era o seu mellor operario por iso, porque se vía na obriga de traballar moito, sen garantías de seguridade sanitaria nin laboral. Seguramente era feliz porque non se atrevía a pensar que estaba a ser explotado. Ata que lle caeu un papel na amasadora en marcha e quixo recuperalo. Podería ser a dirección dun empresario que lle ofrecera melloras laborais, ou unha carta da familia. Talvez era un papel sen importancia que quixo rescatar por medo a estragar unha fornada que lle poderían restar da súa soldada. Se non chega a saberse o de Rilles, o panadeiro tería algún cargo de conciencia? Volvería darlle traballo ao seu mellor panadeiro? Coa metade de soldo? Hai 40 anos, nos lugariños da raia tiñan traballo temporal abondosas cuadrillas de seitureiros procedentes de Portugal. Ben mantidos, pero con soldada pequena e ningún seguro. Cunha fouce, non cabía segar brazos. Algunha cabeza de dedo si quedou polas leiras. Se había algunha muller de fondas crenzas, o anaco acabaría enterrado no cemiterio. O ferido sería curado e coidado coma se fose da casa. O progreso encheu as cidades de sitios para desfacerse do lixo e nel acaban, enteiros, fillos non desexados ou membros perdidos en accidente laboral sen cobertura legal. Os modernos patróns deixaron o ferido Rilles lonxe do médico. Tiñan présa por tirar o brazo ó contedor e limpar os restos do sangue na máquina de amasar. Eivados.

Publicado en A Nosa Terra, nº 1.364

miércoles, 10 de junio de 2009

Carta aberta (e bilingüe) a Gloria Lago

Nunca pensei que chegaría a sentirme solidario con vostede. Nunca pensei que podería sentir a necesidade de manifestarme claramente da súa parte. Non obstante aquí me ten, disposto a amosar a miña solidariedade coa persoa que está a ser acosada polos fundamentalistas da lingua, os que nunca lle fixeron nin farán un favor ao progreso do uso do galego. Dicía George Orwell que liberdade de expresión é o dereito a dicir o que a xente non quere oír. Ben, pois eu creo que vostede ten dereito a crer que o castelán está en perigo en Galicia e a defender o seu uso para que o galego non o expulse. Eu, que son galego de Zamora, creo que a lingua que está realmente en perigo en Galicia e o galego. Por iso fun a manifestación convocada pola MNL e non fun a convocada por Galicia Bilingüe. Porque sempre sinto a necesidade de apostar polo máis débil e creo que, en cuestión de idiomas e en Galicia, é o galego.

Pero, por eso mismo, estoy escribiendo ahora esta carta abierta y bilingüe, porque entiendo que Gloria Lago es la parte débil, frente al poder de los cobardes violentos que no le quieren reconocer su derecho a decir lo que no quieren oír y que emplean métodos que los descalifican desde el primer momento, que los convierten en delincuentes disfrazados de defensores de una lengua a la que no hacen ningún favor. Contra quienes la amenazan por pensar como piensa y decir lo que dice, contra quienes atentan contra sus bienes y tratan de intimidarla, cuente con mi solidaridad y mi apoyo moral. Como decía Voltaire, "no estoy de acuerdo con lo que dice, pero defendería hasta la muerte su derecho a decirlo".

Salvo erros, quedan escritas arriba as primeras palabras que recolle Brumoso en castelán. Non é porque lle teña noxo á lingua na que me alfabetizaron cando fun á escola. É porque amo a lingua galega que me enseñaron os meus país, porque sinto tristeza ao ver que perde terreo na súa terra, Galicia.

jueves, 4 de junio de 2009

O autor dos Cuadernos de Paso lembra a Horacio con agarimo

O autor e director da serie documental "Cuadernos de Paso", con fermosos reportaxes entre os que estaba o dedicado a Sanabria, tamén ten agora blog persoal con contidos, como era de agardar, especialmente interesantes. Unha das últimas entradas é para publicar unha agarimosa lembranza para Horacio Rodríguez, un dos seus protagonistas nese último proxecto.
Ademais, na súa páxina ten colgadas todas as reportaxes desa serie para darnos a oportunidade de viaxar por España se non podemos facelo, e de ver e escoitar, unha vez máis, a voz de Horacio.

jueves, 28 de mayo de 2009

Volver, ou non

A crise está a cambiar moitos costumes dos últimos anos. Nalgúns casos, para ben. Acabou iso de endebedarse alegremente. Os mesmos bancos que daban crédito sen pedir nin o carné son os que agora se ocupan de evitar tentacións. Cando a sombra do paro nos deixa tan pálidos como nos poderían deixar unhas vacacións en catacumbas, daquela xa hai menos necesidades, xa se empezan a considerar outras posibilidades, outras formas de vivir e de lecer. Mesmo reformulacións. Disque hai retornos. Xente moza que volve mirar para a terra como lugar de traballo, como fonte de vida e de riqueza. Con explotacións leiteiras? Van ser lendas urbanas. Se cadra, o retorno é unha boa escolla para persoas nesa idade dalgúns afortunados de banca ou empresa pública que gozan de fabulosas pre xubilacións e teñen os fillos xa desaniñados. Tamén para quen non poida aturar esoutro labor de pedir nunha esquina. Boa opción sería, en todo o caso, para a terra, se as vellas ferramentas se desenferruxasen, se fosen a menos as hortas a monte. Estase a descubrir en moitos casos, e a redescubrir, noutros, a xenerosidade da terra, que sempre dá cento por un. Pero como suplemento ou como pasatempo. Para non pasar fame. A de volver debería ser, en todo caso, unha escolla voluntaria. Se o de volver á terra se ha de ver coma un castigo, mellor non volver. Desaparecería a súa xenerosidade. Nese caso, mellor considerar outra vez a emigración a Europa, onde hai experiencia abonda e din que o traballador galego está ben considerado. E deixar que os xubilados ingleses sigan mercando as casas das nosas aldeas.

Publicado en A Nosa Terra, nº 1.360