viernes, 2 de enero de 2009

¿Feliz ano novo?

¿Feliz ano novo? Semella inmoral, mesmo enunciar semellante desexo. Non pola crise, que outras houbo e foron salvadas. Non pola caída da venda dos coches, que xa hai demasiados a circular. Pero semella inmoral desexar bo ano novo cando os palestinos seguen a morrer coa mesma cadencia dos últimos días de 2008, doutras crises nunca superadas. ¿A culpa é do Goberno de Israel ou é de Hamás? ¿Tamén son culpables os mortos, por permitir que os usen como escudos? ¿Teñen oportunidade de escoller? Non teño opinións firmes sobre este conflicto tan enquistado. Procuro respectar as ideas dos amigos que teñen as ideas claras, nun sentido ou noutro. Pero o meu corazón e a miña cabeza coinciden en dicirme que debo estar coas vítimas. Para elas ten que ser a solidariedade. Para as vítimas que caen por centos, baixo a forza tecnolóxica das armas fabricadas polo civilizado occidente. A carraxe e o noxo, para nos mesmos, como parte desta comunidade internacional que case nunca fai nada a tempo de evitar masacres. Para esta Unión Europea que agora tampouco pinta nada, como tantas outras veces. Para esa ONU que cada día parece menos organización, incapaz de influir en nada. Para esa USA en trance de cambiar presidente para que todo, neste aspecto, siga igual (é de temer). Para os dirixentes dese estado que defende o seu dereito a existir dun xeito tan brutal, cunha forza tan desproporcionada que lle resta, ao meu modo de ver, toda lexitimidade. Para Hamás, tamén. ¿Feliz ano novo? ¿Para os palestinos que aínda viven? ¿Para os xudeos que se creen máis cerca dunha paz imposta pola forza? (¿A paz dos cemiterios?) ¿Para os membros da cómoda -aínda que en crise- comunidade internacional que se limita a mirar cara o desastre ou, mellor, para outro sitio?

O secreto do noso apego a Brumoso, ¿é cuestión de terra ou asunto de raíces?

¿Onde está o secreto do noso apego a Brumoso e Val dos Marcos? ¿Onde hai que buscar a explicación? ¿Como é posible que as nosas raíces tiren tanto de nós despois de alimentarse, durante tantos anos, tan lonxe da nosa terra? A explicación vai estar na propia terra que nos viu nacer e dar os primeiros pasos. Din que a terra negra, como a nosa, é a que ten máis nutrintes. Din que é a mellor para dar froitos de calquera tipo. Así as cousas, cunha mínima raiciña, cunha varfa que nos quede alá prendida, casi sen darnos de conta, abonda para que a terra siga tirando de nós, para que nos sintamos coma se nunca estivesemos lonxe, coma se nunca saisemos do val de Brumoso. A fotografía que lle fixo o Xabrés da Teixeira a ese castiñeiro que preside a entrada ó noso lugar ben pode servir de demostración. As raíces que ten cara ó oeste abóndanlle para sosterse e alimentarse, para contar anos de cen en cen. O castiñeiro escolleu deixar o resto das súas raíces á vista, debullando labirintos para que os rapaces de varias, de moitas xeracións puidesen xogar ás escondedallas entre elas. Ou para que os observadores puidesen adiviñar alí as patas do dragón adormecido pero en garda, sempre velando porque ningún mal -máis alá da vida que sigue o seu curso- moleste ós veciños.

jueves, 11 de diciembre de 2008

"Os globos de andar", contados

No Palexco da Coruña, no marco de Culturgal, o mellor da presentación de "Os Globos de andar", como cabía agardar, foron os rapaces.
Se eu soupera contar contos como os contaba o Horacio, como os contan os/as contacontos de agora, se cadra deixaba de escribilos. Non tanto por aforrar papel, que tamén podería ser unha razón a considerar, como por ser testemuña directa das caras de pasmo, das risas ou da emoción que corresponda a cada pasaxe. Nunca cara aburridas, se o conto está ben contado, como contou o meu, á súa maneira, Fátima Fernández. Xa me tarda escoitala de novo, como un rapaz máis. Será este próximo domingo, día 14 de decembro, ás 18 horas, na Área Central de Santiago de Compostela. Aí está previsto que conte de novo a súa versión de "Os globos de andar" para goce dos rapaces composteláns que asistan ao espazo de animación á lectura promovido pola Editorial Baía.

lunes, 1 de diciembre de 2008

E en Brumoso caeu unha manta de neve como as de antes

Ata candiolos había polas bordas dos louxados. Como os que habitan na memoria da nosa infancia. Caeu na pasada fin de semana unha nevada como non se acordaba hai anos. Non houbo lugares illados en Brumoso nin en Val dos Marcos, porque as máquinas da Deputación funcionaron, pero si moitas dificultades para moverse, sobre todo polas vías urbanas (se non é contrasentido falar de vías urbanas nas aldeas), porque as mentadas máquinas non querían tanto traballo.
Colleunos alá por sorpresa, cun furgón alquilado para levar cousas para a Casa da Carballa e non puidemos gozar plenamente da novidade porque había funeral e incertidume por se poderíamos ou non saír do sitio enteiros ou abolados. Precisamos axuda para entrar co furgón no lugar e tivémola: o José Antonio, o Diego, o Plácido. Víñamos ben axuda para descargar e por alí andaba o Santiago, voluntario. Precisamos axuda para saír e tamén a tivemos: o Santiago outra vez, o Ramón, o Ion, o Diego outra vez, o Jaime (seguro que esquezo a alguén; que me perdoe). Isto é o mellor dos pequenos lugares. Semella non haber xente pero, se un precisa axuda, sempre da con ela. Así que conseguimos saír e gozar dunha paisaxe excepcional, que merece sen compartida.



viernes, 28 de noviembre de 2008

"Os globos de andar" xa está en circulación

Primeiro foi unha imaxe, a dun rapaz sostido en pé por un globo: se o globo estoupa ou foxe da súa man, o rapaz cae ao chan. De aí partiu "Os globos de andar", o novo libro que xa está en circulación. Unha historia que eu vía en imaxes e que agora está en palabras pero que, agardo, debe de provocar imaxes, máis alá das de Marcos Calo, que o ilustran tan axeitadamente.

O que busco, cando escribo, é provocar emocións, positivas ou negativas, no lector. Por encima do entretemento, por riba da sorpresa ou do humor. Conmover dalgún xeito, é para min o fundamental. Neste caso tamén hai esa intención, sobre todo cando aparece o vello que esixe que lle conten tantos contos como conta, ou máis, porque desconfía que está a perder a memoria. Pero creo que prima a parte lúdica, de xogo e aventura, como creo que convén cando se busca chegar a lectores máis novos.

En "Os globos de andar" hai os pequenos problemas que rodean cada día aos máis pequenos. Os de ter ou non ter amigos, por exemplo. E hai sobre todo un misterio por resolver, o desa cativo que debería correr por libre e non é capaz de erguerse nin de andar se non ten a man un globo que o suxeite. Paseino ben escribíndoo e agardo que os lectores gocen del. Para min sempre será o libro co que superei unha especie de reválida das de antes, das temidas. O libro merecedor dun premio, o Meiga Moira na súa III edición. En lingua galega, a que falamos os de Brumoso e Val de Marcos desde que comezamos a falar, ata agora acadara un primeiro accésit do Modesto R. Figueiredo, polo relato "Fiordes", e conseguira ser finalista do Xerais por "Destrucción". Agora xa teño un premio.

"Os globos de andar", por outra banda, é o libro co que quero render especial homenaxe a Horacio Rodríguez, o mellor contador de contos da Sanabria que fala galego, co permiso do Xabrés da Teixeira, que tampouco é manco de pico. En "Os globos de andar" inclúo unha recreación dun dos contos cos que Horacio nos deixaba coa boca aberta e remelando os ollos. Un deses contos que non se perderán porque quedaron en moitas memorias e porque, ademais, xa están escritos ou recreados en moitos sitios. Vai por ti, amigo.

domingo, 23 de noviembre de 2008

Árbores que non se queren enterar de que están mortos

Despois de vivir centos de anos, parece lóxico que as grandes árbores, en moitas ocasións, esquezan que lles chegou a hora de baixar os brazos e deixar o paso a outras. A incercia da vida pode máis que os lumes, que as plagas. Quedan ás veces os poderosos esqueletos, ben asentados nuns pés de número grande, en pé durante unha vida de persoa afortunada.


Lendo un artigo de Antonio Muñoz Molina sobre a exposición de fotografías de Miguel Ángel Blanco titulada "Árbol caído", en El País, acordeime da foto que fixen en Lubián neste pasado verán. Na subida cara ao Cortello dos Lobos está o castiñeiro da imaxe, un castiñeiro morto que aínda non o sabe porque ten todas as gallas enteiras, porque semella estar agardando unha nova primavera na que, por fin, lle volvan saír follas para volver dar castañas.

jueves, 13 de noviembre de 2008

O sol de medianoite en Santiago de Compostela

Se tivese unha boa cámara en vez dun móbil emprestado faría unha boa foto, que era o que merecía o momento, ese sol da medioanoite (ou case) por detrás da catedral de Santiago de Compostela. Con todo, aquí queda a mostra. Se había homes lobos de rolda, eu non os vi.