Mostrando entradas con la etiqueta libros. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta libros. Mostrar todas las entradas

martes, 8 de junio de 2010

O asasino

Como libro, non me pareceu especial. Non como libro de Zweig. Non como esas novelas curtas que che deixan sen alento, prendado delas. Para o meu gusto, esta non está a altura de Carta dunha descoñecida, nin de Vintecatro horas na vida dunha muller, nin sequera de Viaxe ao pasado. Por primeira vez, sentinme un chisco enganado. Non polo autor, Stefan Zweig, que segue a ser un mestre na descrición de ambientes e sentimentos. Polo editor. Pereceume que Foi el? era un relato apreciable dentro dun libro de relatos. Sentín que non tiña entidade nin peso para constituir un libro por si mesmo. Ata que nos poucos días que me levou a lectura coincidiron dous sucesos igualmente abraiantes. Dous cativos de poucos anos acabaron mortos polos inesperados ataques de cans da propia familia. Un, nas proximidades da casa. Outro no propio piso, cando estaba nos brazos da nai. Visto así, o libro de Zweig resulta tan terrorífico como profético. O libro que non debería deixar de ler ningún pai susceptible de caer na tentación de meter na casa un can bravo -pitbull ou semellante- para ter a ilusión de estar protexendo á súa familia ou para conceder un agasallo moi pedido. Polo visto, e como pouco, resulta imprescindible prepararse e preparar ao can para esa convivencia con cativos. Foi el? Nos casos que trascenderon aos medios con poucos días de diferencia, efectiva mente, foi el. Foron eles.

jueves, 21 de mayo de 2009

Os modernos profetas apostan polos libros como soporte con futuro

Os modernos profetas apostan polo libro como soporte cultural con máis futuro. E nós teimando por enredarnos en Brumoso, Xabrés da Teixeira, Me cago en la Luna ou 365 imaxes por ano. Temos que sentar a cabeciña e reiventar os papiros, escribir na pel dun cordeiro que nos pase o Xe Antoño, grabar mensaxes nunha vella taborela, na caniza dun carro, na porta da bodega. Un visionario da comunicación como Umberto Eco (tamén novelista de éxito con historias como O nome da rosa) acaba de dicir que deixaría en papel unha mensaxe para o futuro. Eco vén de publicar un libro baixo o profético título de "Non esperedes librarvos dos libros" e, de paso por estas terras, advirte que hai libros de hai 500 anos e manuscritos con máis dun milenio e que, por contra, non se sabe o que durarán os soportes electrónicos e os aparellos que os reproducen. Recorda que os discos flexibles morreron antes de completar a súa capacidade de almacenar datos. Umberto Eco di que Internet acolle unha mermelada comunicativa onde todos falan igual. Eu non estou totalmente de acordo, non podo. Porque, sen ir máis lonxe, en Xabres da Teixeira acho a miúdo historias con moi marcada personalidade, inimitables. O que non me impide botar en faltan unha selección das mellores nun soporte de papel. E tampouco se me escapa que, por cada libro dos últimos tempos que merece ser conservado durante mil anos, hai seguramente cen mil que farían un bo servizo axudando a prender un lume (diso sabía moito o Carvallo de Vázquez Montalbán). Claro que se o lume se fixese directamente co anaco de árbore de onde saíu o libro o proceso previo ocuparía a menos man de obra.
Por se acaso, a aínda que pasar á posteridade non forma parte dos meus grandes obxectivos vitais (conque non se me recorde con noxo ou xenreira xa me abonda), eu sigo xogando a dúas bandas e procurando publicar algunhas historias en papel. Por se acaso. Co espazo que haberá na Cidade da Cultura, se cadra ata algún dos meus libros acha acubillo e, nun futuro moi lonxano, alguén me descubre como autor interesante.
Umberto Eco non é único en defender os libros libros fronte aos libros electrónicos. Faino tamén Xurxo Mariño, nun artigo que acabará tamén en soporte de papel, en mans de persoas que aínda ven mellor cando as palabras están nese estado.
Eu non teño nada claro. Sigo a ler xornais en papel, nestes tempos nos se que poden ler a golpe de clik. Sobre o futuro do papel como soporte de comunicación teño máis dúbidas ca certezas. Coma en todo.
Toda esta parolada electrónica vén a conto de que acabo de publicar "Lixo", un libro libro cunha historia dura, das poucas onde non sae Brumoso nin Val de Marcos, un relato de suburbios de cidade, de persoas sen teito, á procura dunha compaña ou unha amizade que convirta en menos frías as solitarias noites da vida. Aquí queda unha capa que, en pocuos días, se poderá ver nas librerías.

viernes, 28 de noviembre de 2008

"Os globos de andar" xa está en circulación

Primeiro foi unha imaxe, a dun rapaz sostido en pé por un globo: se o globo estoupa ou foxe da súa man, o rapaz cae ao chan. De aí partiu "Os globos de andar", o novo libro que xa está en circulación. Unha historia que eu vía en imaxes e que agora está en palabras pero que, agardo, debe de provocar imaxes, máis alá das de Marcos Calo, que o ilustran tan axeitadamente.

O que busco, cando escribo, é provocar emocións, positivas ou negativas, no lector. Por encima do entretemento, por riba da sorpresa ou do humor. Conmover dalgún xeito, é para min o fundamental. Neste caso tamén hai esa intención, sobre todo cando aparece o vello que esixe que lle conten tantos contos como conta, ou máis, porque desconfía que está a perder a memoria. Pero creo que prima a parte lúdica, de xogo e aventura, como creo que convén cando se busca chegar a lectores máis novos.

En "Os globos de andar" hai os pequenos problemas que rodean cada día aos máis pequenos. Os de ter ou non ter amigos, por exemplo. E hai sobre todo un misterio por resolver, o desa cativo que debería correr por libre e non é capaz de erguerse nin de andar se non ten a man un globo que o suxeite. Paseino ben escribíndoo e agardo que os lectores gocen del. Para min sempre será o libro co que superei unha especie de reválida das de antes, das temidas. O libro merecedor dun premio, o Meiga Moira na súa III edición. En lingua galega, a que falamos os de Brumoso e Val de Marcos desde que comezamos a falar, ata agora acadara un primeiro accésit do Modesto R. Figueiredo, polo relato "Fiordes", e conseguira ser finalista do Xerais por "Destrucción". Agora xa teño un premio.

"Os globos de andar", por outra banda, é o libro co que quero render especial homenaxe a Horacio Rodríguez, o mellor contador de contos da Sanabria que fala galego, co permiso do Xabrés da Teixeira, que tampouco é manco de pico. En "Os globos de andar" inclúo unha recreación dun dos contos cos que Horacio nos deixaba coa boca aberta e remelando os ollos. Un deses contos que non se perderán porque quedaron en moitas memorias e porque, ademais, xa están escritos ou recreados en moitos sitios. Vai por ti, amigo.

domingo, 1 de junio de 2008

Un sempre é máis coñecido do que cre

O número de persoas que eu coñezo non coincide en absoluto co número de persoas que me coñecen (ou cren coñecerme). Non é consecuencia de que eu sexa famoso (que, por sorte, non o son); ten máis que ver co que chaman progresión xeométrica, que se basea na multiplicación e non na suma. Cada persoa que me coñece (ou cre coñecerme) estende ou pode estender o seu coñecemento sobre min a unha parte do colectivo de persoas que coñece (ou cre coñecer) ela, un colectivo do que eu nada sei. Así, hai persoas que eu non coñezo e que, sen embargo, me coñecen ou cren coñecerme máis ou menos ben. Falo de min porque me sinto máis autorizado, pero creo que podería aplicarse a calquera de vós. E falo agora porque puiden comprobalo durante o meu encontro con rapaces de Gondomar, os lectores de A serea do deserto. Presentoume unha rapaza da que so sei que se chama Rosana e que sabía de min cousas que eu xa esquecera, como que podería presumir do meu título de FP como oficial electricista, se no seu día me molestase en solicitalo. Despois puiden saber que a fonte fora unha veciña con boa memoria. Hai que andar con coidado, que todo se sabe. E máis nestes tempos en que ó Dios que, segundo nos contaban, todo o sabía, se xuntou o moderno dios da dobre "oo" (que non e dioos senón Google). Pero, ben; a presentación que de min fixo esa muller foi o mellor do acto. Faltoume dicir como di Baloo cando, créndoo morto despois da súa loita co gato rallado, a pantera negra Bagheera canta un fermoso epitafio para o oso máis marchoso e preguiceiro (O libro da selva en versión debuxos Disney): “No te deteñas; di máis, Bagheera, di máis”. Pois así estaba eu. Nunca tan ben falaran de min, polo menos diante de min. Despois tiven que falar eu e xa se rompeu a maxia. Por iso sempre preferín escribir. Falar non é o meu. Cos rapaces, ben, como de costume. Máis ben coas rapazas, porque a proporción viña a ser de dez lectoras por cada lector. Os homes vamos camiño da extinción, polo menos como lectores.

lunes, 26 de mayo de 2008

A serea do deserto segue nadando en Galicia

O próximo sábado agárdame en Gondomar un encontro con rapaces que foron convidados polo club Espazo Lectura a ler A serea do deserto, o libro que saíu sen buscar, como consecuencia da fermosa experiencia que supoxo para nós acoller a unha rapaza saharaui, Fatma, durante o verán de 1994. Unha rapaza que gozaba da auga como non vi gozar a naide, coma se fose en verdade unha descendente de sereas e non unha filla do deserto. Fatma tivo oportunidade de nadar no mar de Galicia e no río Túa. Non tivo tempo de aprender a nadar ben, pero non había quen a sacase da auga. Alí onde o pozo das Olas da Faceira se xunta co areal de Barxelas, vímola engatar polo fondo, agarrada ós gogos para que a forza da auga non a sacase á flor, coma unha verdadeira serea.


A min non me vai iso de falar en público, pero nos encontros cos rapaces sempre acabo gozando. Son tan naturais e tan atrevidos coas súas preguntas que obrigan a un a entrar no seu xogo e a perder calquera aceno de timidez e vergonza. Rirei con eles e sentirei algo de mágoa por ver como pasan os anos sen que o conflicto saharahuí avanzase cara a unha solución. Segue igual, con máis de duascentas mil persoas refuxiadas no deserto, sen que os rapaces sharauís poidan volver nin á terra nin ó mar dos seus pais. Poderá coñecer a filla de Fatma, Victoria, o país dos seus avós? Agardo que si.