Mostrando entradas con la etiqueta rapaces. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta rapaces. Mostrar todas las entradas

domingo, 1 de junio de 2008

Un sempre é máis coñecido do que cre

O número de persoas que eu coñezo non coincide en absoluto co número de persoas que me coñecen (ou cren coñecerme). Non é consecuencia de que eu sexa famoso (que, por sorte, non o son); ten máis que ver co que chaman progresión xeométrica, que se basea na multiplicación e non na suma. Cada persoa que me coñece (ou cre coñecerme) estende ou pode estender o seu coñecemento sobre min a unha parte do colectivo de persoas que coñece (ou cre coñecer) ela, un colectivo do que eu nada sei. Así, hai persoas que eu non coñezo e que, sen embargo, me coñecen ou cren coñecerme máis ou menos ben. Falo de min porque me sinto máis autorizado, pero creo que podería aplicarse a calquera de vós. E falo agora porque puiden comprobalo durante o meu encontro con rapaces de Gondomar, os lectores de A serea do deserto. Presentoume unha rapaza da que so sei que se chama Rosana e que sabía de min cousas que eu xa esquecera, como que podería presumir do meu título de FP como oficial electricista, se no seu día me molestase en solicitalo. Despois puiden saber que a fonte fora unha veciña con boa memoria. Hai que andar con coidado, que todo se sabe. E máis nestes tempos en que ó Dios que, segundo nos contaban, todo o sabía, se xuntou o moderno dios da dobre "oo" (que non e dioos senón Google). Pero, ben; a presentación que de min fixo esa muller foi o mellor do acto. Faltoume dicir como di Baloo cando, créndoo morto despois da súa loita co gato rallado, a pantera negra Bagheera canta un fermoso epitafio para o oso máis marchoso e preguiceiro (O libro da selva en versión debuxos Disney): “No te deteñas; di máis, Bagheera, di máis”. Pois así estaba eu. Nunca tan ben falaran de min, polo menos diante de min. Despois tiven que falar eu e xa se rompeu a maxia. Por iso sempre preferín escribir. Falar non é o meu. Cos rapaces, ben, como de costume. Máis ben coas rapazas, porque a proporción viña a ser de dez lectoras por cada lector. Os homes vamos camiño da extinción, polo menos como lectores.