lunes, 15 de septiembre de 2014

Xantar para recuperar forzas ou mostrar o que como para fardar

Prodúceme inquietude, e tamén algo semellante a complexo de culpa,  a moda de publicar fotos de papatorias, porque sempre se me vai a cabeza ós que non teñen para comer, nin iso tan bonito nin nada de nada ou, no mellor dos casos, unha porcallada, pan duro ou alimentos caducados. O único que me consola é pensar que os famentos non verán eses pratos virtuais, que non terán perfil persoal en ningunha rede, pero igual é moito pensar. As redes están moi estendidas. Os listosteléfonos “perdidos”, tamén.
Comer, nestes tempos, e un espectáculo, un luxo que gustamos de exhibir, como gusta mostrar as xoias.
Non me gusta a moda.
Pola contra, prodúceme enorme saudade recordar almorzos ou xantares doutros tempos, en prados ou leiras, no intermedio de xornadas esgotadoras, de sol a sol. Almorzos da sega da herba ou xantares de seitura onde a chegada da manduca, case sempre a lombos dunha burra, era unha bendición, porque supuña parar un pouco e repoñer forzas. Con todo, o maior gozo deses momentos estaba en ver a cara de satisfacción, o goce da cociñeira ou da persoa que levaba e servía a comida ós segadores. Como miraba, como servía, como animaba a comer máis. Unha comida abundante, moitas veces quente –guiso de rexelo con patacas era común na seitura- que se devoraba para poder manterse en pé, para poder seguir traballando ata a hora da merenda ou ata a noite.
O dilema, hoxe, xa non é comer para vivir ou vivir para comer. Agora a escolla está entre mostrar o que vou comer ou comer (se podo) e calar.


Falando de comer. Os que, entre noutras cousas, traballamos nunha horta, nestas datas comemos produtos da terra máis ca nunca: cabaxiñas ó forno ou ó ferro, chícharos verdes, patacas novas ­–que ano de patacas!–, tomates, brocolí, grelos, ameixas, peras, mazás. Non vou publicar foto ningunha para non caer de inmediato nos costumes que pretendía criticar. Hoxe, non.

domingo, 23 de febrero de 2014

Formamos parte do Tesouro da lingua galega

Sen pretendelo, de forma inesperada, pasamos a formar parte do Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués, unha iniciativa de universidades brasileiras, portuguesas e galegas coordinada pola profesora Rosario Álvarez, do Instituto da Lingua Galega Galega (ILGA) da Universidade de Santiago de Compostela.
Sen pretendelo, ás palabras que entre todos fomos xuntando no Vocabulario de Brumoso están agora incorporadas a un xigantesco repertorio léxico a disposisición de 20 universidades brasileiras, portuguesas e galegas.
A nosa intención, cando comezamos a sumar palabras da nosa terra era, nin máis nin menos, procurar afastalas do esquecemento ao que semellaban condenadas pola falta de falantes que as adoptasen como propias. Ese risco segue latente, xeografía humana manda, pero moitas palabras que nos ensinaron os nosos vellos están agora catalogadas e a disposición dos investigadores das linguas.
Creo que todos debemos de sentirnos orgullosos do acadado, que debería de servirnos para seguir incorporando novos termos a ese vocabulario onde son todas as que están pero non están todas as palabras que son tesouros da nosa fala.

jueves, 5 de diciembre de 2013

domingo, 1 de diciembre de 2013

As catro pitas suman e siguen

As catro pitas non furrularon ben en galego, pero os casteláns entenden mellor o seu cocoricoco!! e xa van pola oitava niada.

sábado, 16 de noviembre de 2013

As uvas da ira, a froita para superar os tempos de gran depresión

Un título sacado do Apocalipsis para unha historia que remite a miúdo á Biblia, á procura dunha terra prometida que, neste caso, non existe. Unha historia con final menos feliz, como cabe agardar dun autor comprometido cos que menos tiñan, John Steinbeck, o Delibes dos americanos, por así dicir.
As uvas da ira, ou The grapes of wrath (1939) e unha epopea, un relato de perfís épicos que se podía estar escribindo hoxe para deixar constancia da loita do exército de parados e desafiuzados que observan, con pasmo, como medra a lexión dos millonarios, sempre protexidos polos que deberían velar polos que menos teñen.
Steinbech sempre estivo de parte dos que menos tiñan e neste libro deixou unha das crónicas máis impresionantes da gran depresión do pasado século (agora estamos na deste), como demostrou en varios dos seus mellores libros: A perla, De ratos e homes, Tortilla Flat. En As uvas da ira amósanos ao vivo a loita da familia Joad por encontrar unha nova forma de vida en California, logo de ser expulsados (pola mecanización e o capitalismo trasladado ao agro) das terras que traballaban como aparceiros, en Oklahoma. O libro deixanos toda una restra de pensamentos e citas para lembrar, como esa de que “non se necesita valor para facer unha cousa cando é o único que podes facer”; coa desesperación abonda.
Para os que gustan das historias con mensaxe, para os que queren historias emocionantes, para os que buscan novelas longas (651 paxs.), para os que desexan libros impactantes, como puñadas no estómago, para todos vale As uvas da ira. Esa ira que tranquiliza ás mulleres, verdadeiras protagonistas da historia, as verdadeiras heroínas. Porque saben que os homes non se renderán, non se darán por derrotados mentres teñan acenos de ira nos ollos.
Da gran depresión do século pasado queda este impresionante testemuño e o non menos impresionante filmado por John Ford sobre este libro, con Henry Fonda como protagonista; quedan as crónicas de James Agee coas fotos de Walker Evans, ou  as imaxes de Dorothea Lange.
De Lange, non me resisto a incluír a súa foto máis coñecida e cuestionada, por aquilo de estar, se non preparada, escollida; vendo a secuencia, calquera das fotos que fixo desa nai merecía pasar á historia para conmover e para facela famosa. Tamén está, en datas máis recentes, “The ghost of Tom Joad”, o tema e o disco, a banda sonora que Bruce Springsteen nos regalou en 1995, sen dúbida adiviñando que outra gran depresión estaba en camiño, porque sempre houbo oprimidos, porque as depresións forman parte da vida da maioría da gente.

sábado, 28 de septiembre de 2013

A “jauría” humana latexa e progresa en todas as cidades

A “jauría humana”, tan ben retratada por Horton Foote e tan ben filmada por Arthur Penn (sorte que tiña como guinista a Lilian Hellman), latexa en todas as cidades, mesmo na peregrina e universal Compostela, tamén en vilas máis pequeñas.
O morbo da xente máis común, alimentado por filtracións das investigacións policiais e xudiaciais que non deberían producirse, e transmitidas con maior ou menor exactitude e sensibilidade  polos medios de comunicación que, polo xeral, só fan o seu traballo, acaban conformando masas que, como nesa película, semellan capaces de linchar a calquera, “cheos de razón” para converterse en xuíces e verdugos.
Non imos dicir que, nestes caso, nos comportemos peor cos cans. Todos temos visto como son capaces de agruparse para escorentar ou masacrar a un cadelo “estraño”. Pero se nos comportamos como os cans dunha manda, como unha familia de hienas ou como os voitres capaces de esnaquizar un corpo dun semellante antes de que acabe de morrer, daquela deberíamos renunciar xa a que se nos coñeza como persoas e conformarnos con que se nos defina como grandes monos ou, no mellor dos casos, como homínidos.
Co estraño caso de Asunta volven agora as “jaurías” a patrullar polas rúas de Santiago, volven ter carnaza todos eses programas de televisión especializados en sacar e exhibir o peor dos homínidos para que todos os da especie podan ter a oportunidade de sentirse menos malos. Estes programas de telelixo, tan seguido a calquera hora, son agora os substitutos da relixión, o novo opio do pobo, para respiro dos gobernos que poden seguir así recortando e asoballando sen que os homínidos sexamos apenas conscientes.

jueves, 5 de septiembre de 2013

Nova edición de Catro pitas en Istambul

O milagre continúa. As Catro pitas siguen pondo ovos en Turquía. E eu sen dar un pau na auga.