Lendo un artigo de Antonio Muñoz Molina sobre a exposición de fotografías de Miguel Ángel Blanco titulada "Árbol caído", en El País, acordeime da foto que fixen en Lubián neste pasado verán. Na subida cara ao Cortello dos Lobos está o castiñeiro da imaxe, un castiñeiro morto que aínda non o sabe porque ten todas as gallas enteiras, porque semella estar agardando unha nova primavera na que, por fin, lle volvan saír follas para volver dar castañas.
domingo, 23 de noviembre de 2008
Árbores que non se queren enterar de que están mortos
Lendo un artigo de Antonio Muñoz Molina sobre a exposición de fotografías de Miguel Ángel Blanco titulada "Árbol caído", en El País, acordeime da foto que fixen en Lubián neste pasado verán. Na subida cara ao Cortello dos Lobos está o castiñeiro da imaxe, un castiñeiro morto que aínda non o sabe porque ten todas as gallas enteiras, porque semella estar agardando unha nova primavera na que, por fin, lle volvan saír follas para volver dar castañas.
jueves, 13 de noviembre de 2008
O sol de medianoite en Santiago de Compostela
miércoles, 29 de octubre de 2008
Toponimia de Brumoso IV: Pola beira do río e cara a Portugal
Apretadura, A.-Paso estreito que separa Campelo, na fotografía, do Couto.
Barxelas.-Entre o Fixó, Penacova e a Chaira Nova. Acolleu o primeiro campo de fútbol de Brumoso, e a quinta do Bernardino, coa fonte da Zapata e as primeiras cereixas enxertas.
Caldeira, A.-Prado cerca da Fonte Pateira que linda coa canada do Souto e cos eidos da Faquiña.
Callostras, As.-Zona de difícil acceso no camiño que vai pola beira do río fronte ao couto; están as Callostras de Vilares, desde o pozo da Ponte ata o Porto do Ornal; e as callostras de Veigadiz, que xa comezan no portor do Ornal, onda o pozo das Callostras, no que moitos rapaces do lugar aprenderon a nadar.
Campelo.-Desde a preseira do Couto ata a Apretadura; en fronte, do outro lado do río, Vilares e A Fervenza; por riba, a Serrada Garrida.
Cancelada.-Leiras, prados, a Quinta, antigo asentamento dos Templarios, contaba o Horacio; desde alí parten os carreiróns que levan ata o Cunqueiro; subindo lombeiro arriba, logo se da no Piñeiro.
Celareta.-As leiras fronte ós prados cimeiros de Penacova.
Celeirós.-De arriba e de abaixo; desde o Bedulo (prado dos Froles) ata o Prado Grande.
Cemba, A.- Unha cortiña ou dúas, entre a Faceiriña e o Espadanal, contra o Outeiro.
Chaguazais.-Prados e Leiras, no recanto que comprende desde o prado grande ata a preseira do Couto (ou o sitio onde estaba).
Chaira Nova.-Leiras entre Celeiros, Penacova, a Celareta e Barxelas; nos tiñamos alí unha leira ben ladeirosa, onde a chaira degenera, xa caendo para Barxelas.
Couto, O.-Onde máis a gusto íamos coas vacas, no mes de agosto; era festa porque había compaña, carreiras de burras, loitas de vacas e remollo para pes e canelas, tamén pesca de escalos ou troitas, para os que se daban maña co tenedor.
Cunqueiro.-O río coas súas cunhas, onde se entrega a Portugal.
Fervenza, A.-Mirando desde Campelo está Vilares e, á dereita, a Fervenza; foron viñas, creo, como Vilares, onde eu aínda fun a ver cavar e á vendima.
Fontón de Porcas.- Leiras e castiñeiros, entre os prados de Celeiros, as faldras do Lombeirón e as ladeiras do Prado Grande.
Ladeiras, As.-Son as do Prado Grande, por onde había carreiros polos que atallaban as vacas, cruzando as leiras de Fontón de Porcas desde Celeiros de Arriba.
Lameiras, As.-Leiras por riba do couto; recordoas sembradas de centeo, pero creo que tamén se daban ben as patatas.
Lombeirón, cavoca do.-O Lombeirón enlaza o poulo de Maxacais coas Latas e a Mallada, en dirección Sur, e coas Cegudas, vara o norte. A cavoca do Lombeirón nace nas Latas e remata entre as leiras de Fontón de Porcas e as Ladeiras do Prado Grande.
Mallada, A.-Leiras e prados do val veciño de Vilares, do Carruceiro de Baixo e da Ribeira.
Mendreiras, As.- Toda a zona por riba das Lameiras, que quedan por riba do couto. Son tres cavocas: a primeira é a Cavoca do Corvo, coa súa fraga, fronte ao porto do Ornal. A segunda é a Cavoca do Medio ou a Cavoca do Xico Bastián, fronte ó fondo de Veigadiz. A terceira é a cavoca da Lama do Cabo ou da Caleira, que vai dar a Veigadareda.
Mexacán da Requeixiña.-Poulo por riba do prado da Requeixiña das Bichas, por riba de onde había un colmear.
Olas da Faceira.-Río estreito e profundo, entre os carreiróns que van pola Fraga, no termo de San Cibrao, e os restos da antiga central eléctrica de Hermisende.
Penacova.-Desde a preseira de Penacova, que está onde acaba Barxelas, ata a preseira do Prado Grande, agora praia. Prados e leiras. Silvas con boas moras.
Porto do Ornal.-O pasadeiro principal para o Couto, para as vacadas que ían ó couto polo camiño da Mallada.
Prado Grande.-Desde Penacova e Celeiros de Baixo ata Chaguazais.
Requeixiña, A.-Por riba, os prados da Ribeira, polo nordeste, e os da Amiñeira, polo Noroeste;por baixo, o Porto do Ornal.
Ribeira.-Os prados por Baixo da Mallada e por Riba da Requeixiña.
Serra Garrida.-Por riba de Campelo. Había unha corte, en tempos.
Sirgo, O.-Lameiros dos que baixa boa auga pra beber, na Lama do Casal. Por baixo da Faquiña.
Veigadareda.-Punto e final do termo de San Cibrao pola parte do Couto; máis abaixo, os prados de Parada, xa son portugueses. En fronte, Cancelada.
Veigadiz.-Desde as Callostras, por baixo do Porto do Ornal, ata Cancelada.
Vilares.- Viñas e prados noutro tempo, afeitais e touzas e silvaredos; entre as Callostras de Vilares e os prados da Ribeira.
martes, 21 de octubre de 2008
Algunhas claves para non tolear: rir, cantar e brincar con Esguince ou vivir outras vidas
O meu escape foi case sempre soñar, meterme noutras vidas, vivir outras aventuras. Pero teño un amigo de apelido Boó, que gusta de chamarse Boógart (outra forma de vivir outras vidas) e que ten a súa válvula de escape na música, nunha banda que se chamou Esguince de Frenillo e que, desde hai un tempo (dis que desde que hai dous médicos entre os componentes), xa se chama só Esguince ("The Paleo Rock Band"). Non só o pasan moi ben os membros desta panda de medioseculeiros; fan que o pase ben quen se arrisca a velos en concerto. Teñen actuado en moitas prazas, entre elas a do Toural de Santiago, no pasado mes de xullo. Para os que non teñades oportunidade de velos en directo, vouvos achegar un enlace para que os vexades no videoclip incluído nun programa de Galicia para el mundo. Non di verdade. Son moito mellores en directo, cando fan versións de Creedence Clearwater Revival, dos Rolling ou dos Beatles. Saragosa é da súa propia colleita, de cando eran máis popeiros (e + heavys en letra). Hoxe, quédalles mellor johnny be good ou satisfation. O meu amigo é o que canta. Non podedes imaxinar canto gosa nun escenario.
domingo, 19 de octubre de 2008
Ronda para mozas forasteiras en festas de antes
Esta casa sí que é casa,
estas sí que son paredes,
donde está el oro y la prata
y la flor de las mujeres.
Estrellita forastera,
no tienes que acobardarte,
que aquí está mi corazón
para quererte y amarte.
Os mozos plantábanse diante da casa das forasteiras e botaban a súa cantarena. As mozas asomaríanse á ventá ou ó corredor e tiñan licencia para irlles tomando a afiliación ós futuros bailadores. Cantada pola Marina, a copla luce máis. Cantada polos mozos de Chaos, non o sei. Pero galantes si que procuraban ser, ¿ou non?
lunes, 13 de octubre de 2008
Natureza morta? Natureza viva e ben alimentada



