Mostrando entradas con la etiqueta traballos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta traballos. Mostrar todas las entradas

jueves, 12 de junio de 2008

Os labores da terra: ferramentas, traballos e colleitas

A decrúa e as matanzas, atar mañuzos de herba na pallarega durante o inverno e a sementeira, no remate do verán, son algúns dos labores que faciamos en Brumoso. Faenas, traballos e colleitas. Ferramentas empregadas para cada labor. ¿Quen vai crer como faciamos as airas, con caldeiradas de bosta e emboldregadas baleadeiras, se non o contamos polo miúdo? ¿Como poderemos nós facernos unha idea cabal sobre os labores relacionados co liño se non facemos que nolo conten unha vez os maiores? Cada vez quedan menos persoas que acorden como eran as mallas a golpe de mallo. Teño gana de recordar como arabamos coas vacas, co arado romano ou coa charrúa, antes de que chegaran os tractores para anunciar o comezo da fin.Quero lembrar a sega da herba e a seitura: moita calor, borrallo e suor. Quero recordar tamén labores gozosas como as de lavar as mantas ou facer as preseiras, no mes de agosto, porque marcaban o fin dos labores máis atafegantes. Creo que non tendo a mitificar a vida da aldea fronte á da cidade, pero aínda hoxe boto de menos as posibilidades de sentirse limpo e novo que nos deixaban algúns labores nos que un acababa tan cheo de po que podía pasar por negro. Para apreciar a limpeza, non hai como estar lixoso por algo que a auga lave con facilidade, como é a terra. Para apreciar o descanso, non hai como estar antes fisicamente esgotado, despois dunha mañá segando herba.


Imos repasar, desde aquí, aqueles tempos onde todos tiñamos ducias de oficios de pouco rendemento. Había tarefas aburridas, sobre todo para os rapaces, porque implicaban soidade. Por exemplo ir coas vacas para unha faceira onde non había máis ninguén. Pola contra, había outras faenas que se facían máis levadías por ser traballos en común, por exemplo as mallas. Labores case exclusivas da mulleres, como tosquiar as ovellas ou cocer o pan no forno. E traballos máis propios dos homes, como tirar de gadaña ou sacar esterco das cortes. Entre rescate de palabras e rescate de nomes dos sitios, imos rescatar tamén os modos de facer o que faciamos en Brumoso cando eramos mozos, hai trinta, corenta anos. Onte.