Non sei se pola costela sobria de castelán que sen dúbida teño, os superlativos sempre me pareceron propios de persoas esaxeradas, palabras para uso de garatuxeiros e inimigos da precisión que require a linguaxe. Nas Açores a perspectiva cambia porque as admiracións son necesarias para expresar a normalidade.
Non hai en São Miguel lagoa que non deixe pasmado ao visitante. As de Sete Cidades -un sitio que desborda as posibilidades do ollo humano-, as das Furnas ou a do Fogo pola súa inmensidade, porque as montañas que as circundan permiten adiviñar a furia dos volcáns doutros tempos. Outras, como a do Congro, transmiten unha tranquilidade propia de mosteiro ao aire libre que ningún visitante é quen de rachar.
En Terceira, o Algar do Carvão sobrecolle mentres baixas oitenta metros terra dentro, ata a lagoa que abastecen as pingas que baixan desde a cúpula da catedral que hai no interior do volcán. Un sitio máxico onde convén baixar abrigado, un sitio de onde saes convencido de ter presenciado un milagre. Tamén convén ver antes a Gruta do Natal, para que non pareza cousa menor, que non o é. Para completar un día perfecto, uns baños nas piscinas naturais dos Biscoitos, cos bloques de lava convertidos en fiables diques.
Sen dúbida afectado pola febre do momento, un sente a tentación de reivindicar que se incorpore o de visitar Açores como un dos dereitos fundamentais dos humanos. Despois de repasar a Declaración Universal, despois de ter que recoñecer que a escravitude -apenas disfrazada- segue existindo, despois de comprobar cantos dereitos vinculados á mera existencia pacífica se vulneran cada día ou non son recoñecidos, un entra en autocensura e acaba por propor: todo ser humano debería ter a oportunidade de gozar, polo menos unha vez na súa vida, de marabillas naturais como as que ofrecen gratis as illas Açores.
No hay comentarios:
Publicar un comentario