jueves, 5 de diciembre de 2013

domingo, 1 de diciembre de 2013

As catro pitas suman e siguen

As catro pitas non furrularon ben en galego, pero os casteláns entenden mellor o seu cocoricoco!! e xa van pola oitava niada.

sábado, 16 de noviembre de 2013

As uvas da ira, a froita para superar os tempos de gran depresión

Un título sacado do Apocalipsis para unha historia que remite a miúdo á Biblia, á procura dunha terra prometida que, neste caso, non existe. Unha historia con final menos feliz, como cabe agardar dun autor comprometido cos que menos tiñan, John Steinbeck, o Delibes dos americanos, por así dicir.
As uvas da ira, ou The grapes of wrath (1939) e unha epopea, un relato de perfís épicos que se podía estar escribindo hoxe para deixar constancia da loita do exército de parados e desafiuzados que observan, con pasmo, como medra a lexión dos millonarios, sempre protexidos polos que deberían velar polos que menos teñen.
Steinbech sempre estivo de parte dos que menos tiñan e neste libro deixou unha das crónicas máis impresionantes da gran depresión do pasado século (agora estamos na deste), como demostrou en varios dos seus mellores libros: A perla, De ratos e homes, Tortilla Flat. En As uvas da ira amósanos ao vivo a loita da familia Joad por encontrar unha nova forma de vida en California, logo de ser expulsados (pola mecanización e o capitalismo trasladado ao agro) das terras que traballaban como aparceiros, en Oklahoma. O libro deixanos toda una restra de pensamentos e citas para lembrar, como esa de que “non se necesita valor para facer unha cousa cando é o único que podes facer”; coa desesperación abonda.
Para os que gustan das historias con mensaxe, para os que queren historias emocionantes, para os que buscan novelas longas (651 paxs.), para os que desexan libros impactantes, como puñadas no estómago, para todos vale As uvas da ira. Esa ira que tranquiliza ás mulleres, verdadeiras protagonistas da historia, as verdadeiras heroínas. Porque saben que os homes non se renderán, non se darán por derrotados mentres teñan acenos de ira nos ollos.
Da gran depresión do século pasado queda este impresionante testemuño e o non menos impresionante filmado por John Ford sobre este libro, con Henry Fonda como protagonista; quedan as crónicas de James Agee coas fotos de Walker Evans, ou  as imaxes de Dorothea Lange.
De Lange, non me resisto a incluír a súa foto máis coñecida e cuestionada, por aquilo de estar, se non preparada, escollida; vendo a secuencia, calquera das fotos que fixo desa nai merecía pasar á historia para conmover e para facela famosa. Tamén está, en datas máis recentes, “The ghost of Tom Joad”, o tema e o disco, a banda sonora que Bruce Springsteen nos regalou en 1995, sen dúbida adiviñando que outra gran depresión estaba en camiño, porque sempre houbo oprimidos, porque as depresións forman parte da vida da maioría da gente.

sábado, 28 de septiembre de 2013

A “jauría” humana latexa e progresa en todas as cidades

A “jauría humana”, tan ben retratada por Horton Foote e tan ben filmada por Arthur Penn (sorte que tiña como guinista a Lilian Hellman), latexa en todas as cidades, mesmo na peregrina e universal Compostela, tamén en vilas máis pequeñas.
O morbo da xente máis común, alimentado por filtracións das investigacións policiais e xudiaciais que non deberían producirse, e transmitidas con maior ou menor exactitude e sensibilidade  polos medios de comunicación que, polo xeral, só fan o seu traballo, acaban conformando masas que, como nesa película, semellan capaces de linchar a calquera, “cheos de razón” para converterse en xuíces e verdugos.
Non imos dicir que, nestes caso, nos comportemos peor cos cans. Todos temos visto como son capaces de agruparse para escorentar ou masacrar a un cadelo “estraño”. Pero se nos comportamos como os cans dunha manda, como unha familia de hienas ou como os voitres capaces de esnaquizar un corpo dun semellante antes de que acabe de morrer, daquela deberíamos renunciar xa a que se nos coñeza como persoas e conformarnos con que se nos defina como grandes monos ou, no mellor dos casos, como homínidos.
Co estraño caso de Asunta volven agora as “jaurías” a patrullar polas rúas de Santiago, volven ter carnaza todos eses programas de televisión especializados en sacar e exhibir o peor dos homínidos para que todos os da especie podan ter a oportunidade de sentirse menos malos. Estes programas de telelixo, tan seguido a calquera hora, son agora os substitutos da relixión, o novo opio do pobo, para respiro dos gobernos que poden seguir así recortando e asoballando sen que os homínidos sexamos apenas conscientes.

jueves, 5 de septiembre de 2013

Nova edición de Catro pitas en Istambul

O milagre continúa. As Catro pitas siguen pondo ovos en Turquía. E eu sen dar un pau na auga.

lunes, 22 de julio de 2013

De James Joyce, Los muertos

Adoro as novelas curtas, os relatos largos, as historias que poden lerse dunha tirada, nun par de horas, pero que deixan fonda pegada, profundo recordo. Podería facer unha relación moi ampla na que non poderían faltar La perla, La mortaja, El coronel no tiene quien les escriba, Pedro Páramo, Las ratas, El viejo y el mar, Carta de una desconocida, Lo que queda de nosotros, La metamorfosis, Orso, A esmorga, El extranjero, Ronda del Guinardó, La herencia de Eszter, Dr. Jeckill y Mr. Hyde, Veinticuatro horas en la vida de una mujer, Reflejos en un ojo dorado, Mientras agonizo, Réquiem por un campesino español, El corazón de las tinieblas, Aura, Bartleby el escribiente ou La leyenda del santo bebedor, entre outros moitos. Unha listaxe á que desde agora quero sumar un relato largo, unha novela curta de James Joyce: Los muertos.
Como relato do libro Dublineses ou como protagonista dun libriño propio en Alianza cien, Los muertos é unha obra mestra, unha aparente crónica de festa de sociedade inocua que acaba por revelar unha carga de profundidade, un recordo do pasado, apenas encadeado cun fío de lembranza en forma de peza musical, que se volverá a facer presente para transformar, abofé, o presente e o futuro do protagonista. Unha demostración de como os mortos hai moitos anos seguen vivindo en nós e aínda teñen capacidade para transtornar o noso presente e para modificar o noso futuro.
Para os preguizosos que prefiran pasar a hora e pouco que leva a lectura mirando para unha pantalla poden ver o testamento de John Huston, a súa película Los muertos que, sospeito, non sería distinta se fose dirixida por Joyce. Se algunha vez resulta difícil decir que é mellor, esta é. Excelente nouvelle, excelente película.

domingo, 14 de julio de 2013

El gran Gatsby, unha descuberta serodia

Un ten que asumir cada día que non pode abarcar todo, que se vai ter que mudar cunha morea de asignaturas pendentes. O que nos axuda ás veces, para manter certa sensación de control e sabedoría, é facernos a ilusión contraria. En cuestión de lecturas, eu pensábame case un especialista na chamada Generación Perdida, logo de gozar e sufrir con case todo Faulkner, case todo Steinbeck, case todo Hemingway. Logo de ler Mientras Agonizo, Santuario, Luz de Agosto, La perla, Las uvas de la ira, De ratones y hombres, Al este del Edén, El viejo y el mar, Tener o no tener ou Por quién doblan las campañas?,  logo de sufrir e gozar con outras moitas xoias destes tres grandes autores, despois de saborear tamén os relatos que o seu predecesor, Sherwoord Anderson, deixou en Winesburg, Ohio, pensaba ter cuberto esa etapa con notable alto. Ata que saber da nova versión cinematográfica de El Gran Gatsby, que non tiven desexo de ver, me levou a ler o libro de Scott Fitgerald, o autor da Generación Perdida deslumbrado polo luxo e polas festas dos ricos aínda non preparados para -ou que estaban preparando- a primeira Gran Depresión. A min sempre me chamaron máis a atención as historias dos desgraciados, os heroes de Steinbeck  ou Delibes, pero teño que recoñecer que El Gran Gatsby é un fermoso libro digno de lerse, que podería ser un libro de onte criticando aos que nos levaron a esta gran crise gozando dos beneficios da especulación inmobiliaria e financeira. O libro deixame desexo de ver de novo a versión cinematográfica protagonizada por Robert Redford e Mia Farrow, sen ganas de ver a de Di Caprio, pese a saber que ten como Daisy a Carey Mulligan, a protagonista desa maxistral Drive; ou precisamente por iso: non quero ver a esa heroína interpretando á superficial Daisy de Fitgerald. Non quero. Manías dun que vai para vello. De volta os prexuizos.