sábado, 20 de abril de 2013

A miseria veu visitarnos e pensa quedar moito tempo


Tentación.
Arrepentimento preventivo.
Tentación de viaxar a países que son paraísos exóticos, onde, en proporción, e aloxamento e a vida son baratos. Cuba, República Dominicana, por poñer algún exemplo.
Viaxar a paraísos exclusivos, complexos para turistas, burbullas á medida? Ou viaxar para entrar en contacto coa poboación, coas necesidades que pasan, coas privacións. Para comprobar o que estarían dispostos a dar por unha merda de chicle ou por outras merdas que forman parte das nosas rutinas.
Arrepentimento preventivo.
Nunca vos pasou?
A nós, sí.
O peor da crise é que as miserias, as privacións dos paraísos exóticos viaxaron canda nós, que nos fan sentir mal dentro da nosa burbulla cotián. Non é preciso ver as restras de xente na cociña económica ou nos bancos de alimentos. A pouco que un mire o que merca a xente coa que coincide na caixa do supermercado, un logo comproba a saída das patacas, do pan máis barato, das marcas brancas e de alimentos económicos con trazas de seren pouco saudables.
Diante diso, se un aínda merca unhas cervezas (para non pagar tres ou catro veces máis pola caña no bar da esquina, que vai ter que pechar); se colles unha botella de viño de crianza, nada do outro mundo, pouco máis de tres euros, para unha comida algo distinguida; se colles unha libra de chocolate negro para procurar que os síntomas da depresión económica contaxien o teu estado de ánimo...
Abofé que corres o risco de acabar con complexo de culpa, deprimido, con ganas de comprar menos ou de preguntarlle á caixeira cando hai menos xente, para facer unha compra semi clandestina, para non lle dar envexa a ninguén, para non sentir culpa por estar menos mal.
Xa non te vas librar de ver miseria por non viaxar a países afastados onde sabes que existe. As privacións viñeron e están arredor de nós. Podes escoller entre pagar algo máis nas tendas exclusivas onde van os que aínda viven na ilusión de que a crise non lles afecta (e se cadra teñen razón), ou buscar as horas onde hai menos concorrencia no súper, ou usar as gafas de sol en interiores, para ver menos e para procurar que se vexa menos a túa vergonza por non seres –aínda– un miserable.

domingo, 7 de abril de 2013

Os dous procesos e nós

Volvo, dous meses máis tarde, coa relectura de O Proceso, que me deixou  un lixeiro pouso de decepción que me fai sentir un pouco culpable, coma se estivese traicionando ao autor, ou só plenamente identificado co protagonista. Son os perigos da mitificación ou as consecuencias do ADN do libro? Tal vez só sexa o normal en relecturas con tantos anos polo medio.
Na miña memoria, O Proceso era unha historia onde primaba o arrepío, a carraxe fronte ao absurdo dun poder absoluto cebado nun inocente acusado, detido, axustizado coma un can.
Todo iso segue presente na relectura, porque non fora inventado polo lector aínda mozo. O lector case vello atopa un protagonista que semella menos inocente -quen está libre de culpas?- e descobre o protanismo das mulleres coas que se relaciona Joseph K. O señor K. é un seductor ao que arrodean e case acosan mulleres que din querer axudalo pero que, ao meu modo de ver, son tamén vítimas dun sistema corrupto. A sensualidad de moitas situacións non quedara marcada na miña memoria, máis impresionada polo proceder das maquinarias opresivas dos diferentes poderes.
Acompañei esta relectura coa revisión da película que deste libro fixo Orson Welles que, como bo xenio, soubo ser fiel a si mesmo e a Kafka. A película bebe da estética de Sed de Mal ou El Tercer hombre pero é, ao mesmo tempo, tremendamente fiel á novela, con moi poucas licencias e todas aceptables. Cruzo os dedos para que a ninguén se lle ocorra facer un novos intentos (David Hugh Jones xa fixo un que non aspiro a ver) que só poderían ser peores.
Dúas obras de arte que agardo ter a oportunidade de gozar e sufrir polo menos unha vez máis, porque non son das que se poden visitar a miúdo. Porque resultan demasiado perturbadoras, sobre todo para tempos comos os presentes, que semellan tan próximos.
E non será nestes tempos cando resultan máis necesarias estas puñadas no estómago?
Nestes procesos dise que se podería distinguir a un acusado no medio dunha multitude. Nas multitudes de hoxendía sería menos doado. Nas multitudes de hoxendía todos parecemos culpables. Todos somos preferentistas ou "recortados".
Non son persoa de buscar conclusións para as miñas lecturas, aínda menos para as relecturas; coas emocións, abóndame. Neste caso, se tivese que sacar unha lección destes procesos tería que quedarme polo menos con dúas. Os aparatos de poder sempre nos queren convencer de que, ás veces, levar cadeas é máis seguro que ser libres. A outra, creo que más relavente, apunta a que ninguén pode esperar que lle fagan xustiza. Pola xustiza non se agarda. A xustiza conquístase.
Seguinte paso, El castillo.

domingo, 27 de enero de 2013

De visita en América con Kafka

Cen anos non son nada. Cen anos hai que Kafka escribiu a novela inacabada que primeiro coñecimos como "América", a novela que o seu amigo Max Brod publicou co título máis fácil, despois de contravir a súa orde de queimala. Parabéns para Brod por levarlle a contra nese desexo. As novelas incompletas de Kafka constitúen para min un dos cumios máis importantes da literatura universal. Comezando por "O castelo", seguindo por "O Proceso" e rematando pola primeira, "América", que ven sendo reeditada como "O desaparecido". Con todas as súas imperfeccións, sen remates pechados polo autor. Con engadidos en forma de fragmentos que o lector debe incorporar (ou non) no puzzle para completar o libro.
Casi trinta anos despois, volvo a Kafka. Teño relido A Metamorfose (A transformación) e algúns outros relatos, pero non volvera a enfrontarme ás novelas desde a descuberta primeira, da man de Mónica Nedelcu, a profesora de literatura que tamén me levou a Faulkner, outro dos meus autores preferidos.
Nunca volvera ás novelas de Kafka por ser consciente do nivel de esixencia que comportan, non por seren difíciles de ler, que non o son, senón por seren cargas de profundidade capaces de revolver as tripas. Son historias que absorben, que perturban, que obsesionan. Atmósferas opresivas que che persiguen, que non che soltan nunca máis.
O Desaparecido, lido hoxe, semella una historia escrita onte. A historia dun mozo que ten que buscar oportunidades lonxe da súa terra e da súa casa. Un mozo expulsado pola familia por non ser como agardaban que fose, vapuleado por xefes tiranos e falsos amigos que logo perden a máscara para deixar á vista o parásito que había debaixo. Onte, coma hoxe.
Kafka nunca estivo en América. Nin falta que lle fixo para deixarnos a súa guía da incertidume para mozos de calquera época, de todos os tempos.

domingo, 20 de enero de 2013

Moito traballo, pouco diñeiro

Podería ser a definición do futuro de calquera profesión que un, nestes tempos escuros, queira escoller. Se a esas dúas variables lle engadimos a de facer moitos inimigos estariamos definindo o oficio do xornalista que non foxe de molestar para contar o que pasa, a noticia, aquilo que alguén está interesado en ocultar.
A do xornalismo xa viña sendo unha das profesións que tiñan máis traballadores en precario, explotados. Hoxe, o dos medios de comunicación é, xunto ca dos traballadores relacionados coa construcción, un dos sectores que máis ten regulado e despedido.
Se un fillo che di que quere ser periodista, que lle podes dicir? O mesmo que hai cinco anos. O mesmo que a quen desexe estudar arquitectura: estuda o que queiras, xa traballarás no que podas.
O xornalista que ten a sorte de traballar sabendo que fai o que debe facer, con responsabilidade e sen ataduras, séntese ben pagado aínda que cobre ben pouco. Facer iso toda unha vida laboral sería impagable e resulta pouco menos que imposible. Pero quen tivo a oportunidade de vivir a experiencia do Diario de Galicia nunca poderá renegar da profesión. Só por ter esa oportunidade, aínda que só dure un ano, pagaría a pena volver a facer xornalismo.
Agora hai máis medios nas facultades, e os alumnos ou os novos titulados gozan da oportunidade para foguearse en medios electrónicos tan interesantes como Compostimes.com, que este mes tivo o acerto de entrevistar con acerto a Ramón Lobo, un xornalista que sabe de que vai isto.
Agora hai máis explotadores fóra, porque os empresarios dos medios de comunicación están máis convencidos ca nunca de que primeiro hai que ser empresarios. Os grandes beneficios por riba de todo. Os xornalistas do presente e do futuro teñen que ser especialistas en todo sen chegaren a mileuristas. Deben escribir ben e saber facer boas fotos e vídeos dixitais e deseñar páxinas web e saber posicionalas. Deben estar dispostos a traballar moitas horas e a cobrar pouco. E a miúdo deben ser conscientes do difícil equilibrio que cómpre manter entre as obrigas éticas e as ataduras empresariais. Tamén poden idear novos  medios, ver se se pode reeditar unha iniciativa senlleira como Teima. Ou optar por traballar no que poidan. Escribindo cartas, non, que agora ninguén escribe cartas. Pero tal vez facendo cestas de vimbio. Ou cultivando patacas e tomates na horta da avoa. E buscando tempo libre para contar o que pasa, o que alguén está interesado en agachar, aínda que sexa a cambio de nada.

jueves, 17 de enero de 2013

Aldeas sempre vivas

Son malos tempos, así que convén celebrar todo o que mereza celebración, por mínima que sexa. Celebremos que as nosas aldeas seguen vivas. Brumoso resiste. A Zamora galega mantén as súas aldeas habitadas. Mentres tanto, en Galicia, cada mes do pasado ano quedaron 5 vacías. Galicia ten xa  1.469 aldeas abandonadas e máis de 1.800 están en perigo de desaparición. Nalgúns casos, compranas os ingleses. Na maioría, quedan para que medren as silvas e os sabugueiros. Sen xente, sen fala. Co galego cada vez máis fora dos colexios e da vida, os futuros arqueólogos da lingua sempre poderán visitar as aldeas das Portelas para poñer os restos nunha vitrina, como se fai cos cacharros doutros tempos.

lunes, 31 de diciembre de 2012

As silenciadas: Imprescindibles mensaxes longas

Vivimos nun mundo de présas onde as mensaxes teñen que ser super breves, por limitacións dos medios que asumimos como se fosen demostracións daquilo de breve-dúas-veces-bo. Odiamos presentacións con máis de seis imaxes que se suceden lentamente con músicas acaídas. Só queremos mensaxes de tres liñas e só vemos vídeos de menos de tres minutos, porque logo sentimos que estamos a perder o tempo. A próxima aplicación de éxito será aquela que popularice mensaxes de tres palabras. Suxeito, verbo, predicado. Para qué máis. "Estou ben fodido". É un exemplo. Non teño queixa especial. Só acumulo "recorte sobre recorte". Será porque "había onde recortar". A aplicación das tres palabras, Only three words, aínda pode dar moito de si.

Con todo, hai longas mensaxes que merecen ser oídas, lidas e vistas, se cadra máis dunha vez, que merecen unha reflexión. Mensaxes como as de As silenciadas, o documental de Pablo Ces, acollido nun portal ó que me encamiña o amigo David Simón, acostumado a rescatar do silencio todo aquilo que merece ser oído e visto.
As desfeitas doutros tempos teñen máis posibilidades de repetirse se non somos conscientes de que ocorreron e de por qué ocorreron. A miúdo, por nada. Por falta de respecto ó pensamento, ó sentimento do veciño, polas maledicencias dos sementadores de discordias. Deses que abundan tanto en calquera lugar, en calquera momento.
As silenciadas é un documental de 2011 que me pasou desapercibido no seu momento, tal vez pola febre que só salva as mensaxes super breves, smss e demais parentes. Un documental de algo máis dunha hora que non podes deixar de ver aínda que te propoñas velo pouco a pouco para dixerir mellor a súa dureza, para reflexionar de vagar sobre o salvavismo que a especie humana leva dentro.
Un documental con historias como a de Consuelo Rodríguez López, Chelo, nacida nunha familia numerosa esnaquizada pola barbarie que seguiu á guerra civil española na provincia de Ourense. Chelo perdeu ós pais cando era nena. Foron asasinados por teren fillos fuxidos, catro irmáns que tamén perdeu, como perdeu ó seu compañeiro, antes de poder refuxiarse en Francia; a súa é unha historia que non debe esquecerse nunca para tratar de que non se repita. Chelo viviu para contala e nunca máis debe quedar silenciada a historia da súa familia, a de ningunha das familias represaliadas por defender o estado de dereicho fronte á un golpe de estado, por defender as súas propias ideas fronte ás ideas que viñan impostas pola forza da violencia e das armas.
Sería máis comprensible o seu silencio de entón que o noso de agora cando oímos ou lemos mensaxes que apostan pola chegada dun militar que resolvería, dun día para outro, a crise económica e política que temos enriba; mensaxes breves pero aterradores, que poñen de manifesto a crise de valores que tamén nos acompaña.
Se cadra os nosos país vivieron e nós nacimos porque Brumoso foi unha zona máis afortunada co corazón de Ourense, un sitio onde era posible optar polo silencio que aconsellaban as circunstancias familares de cada quen. As circunstancias das nosas vidas non deben impedir agora o noso recoñecemento, a nosa admiración para persoas como as protagonistas de As silenciadas.
Que o novo ano nos axude a non silenciar nada que mereza ser contado.

sábado, 6 de octubre de 2012

Próxima parada: Idade Media

Un bozo como o do caníbal Aníbal Lécter non serviría. Tería que ser un modelo que impedise falar. E, para andar libre, precisaría tamén un cinto de castidade para homes, que existe, aínda que supoño que non se usará máis que como elemento de xogo. Con quén é capaz de dicir que as leis, como as mulleres, están para violalas, todas as precaucións son poucas. As libertades de pensamento e expresión non teñen nada que ver con isto. Quen é capaz de pensar de pensar e dicir iso, merece –como mínimo– se apartado de calquera responsabilidade pública ¬–en defensa das leis– e, tamén, algunha forma de vixilancia e illamento –en defensa das mulleres–. Se o suxeito tivese unha mínima sensibilidade, nada diso sería preciso. El mismo se ocuparía de desaparecer, de non deixarse ver nunca máis. A vergonza íntima non lle deixaría. Declaracións como esa sitúannos de volta cara á Idade Media, se non na prehistoria.