martes, 17 de julio de 2012

Vivamos como gregos e morramos coma indios!!

Noutros tempos, o ideal de todo dios era chegar a vivir coma un crego. A estas alturas ese obxectivo é demasiado ambicioso porque os cregos xogan con moita vantaxe, sen ter que pagar IBI nin IVA, expostos a que lles rouben o cepillo, iso si, pero pouco máis. Sen medo a que ningún goberno, sexa da cor que sexa, lles recorte as prebendas.
O común dos mortais, xa que non poderemos seguir vivindo como galegos, vivamos como gregos porque nunca fomos máis ca eles, como crimos nalgún momento. Vivamos como gregos e gocemos do pouco que podamos gozar co pouco que nos quede por recortar, que nolo recortarán. Só nos queda vivir como gregos. Con máis impostos, con menos paga.
Sen que nos sirva de consolo que os actuais directivos de Novagalicia Banco pidan perdón pola desfeita das antigas caixas. Porque a penitencia corre da nosa conta.
Sen que nos podan servir de esperanza ningunha das medidas coas que o actual Goberno semella apostar por unha rápida volta á idade media, onde os señores vivan coma cregos e os pobres vivan como escravos, con impostos e sen dereitos, sen  máis futuro que emigrar, se poden.
Na situación actual, crecer e crear emprego non é posible, di o presidente. Pero como é posible recortar os dereitos do paro, faise, para incentivar a procura dun emprego imposible de atopar porque non é posible crear emprego. Haberá menos crecemento, máis parados e máis parados sen prestacións. E portas abertas á emigración, para os mozos mellor preparados, se acaso. Así, os nosos fillos terán –con sorte– un emprego digno ao servizo daqueles que nos están a pisar o pescozo.
Eses señores do centro e do norte de Europa, nunca máis quererán saber dunha Europa de cidadáns. Tamén prefiren unha viraxe cara á idade media, e contan con aliados entre os sumisos gobernantes do sur. A Europa do próximo futuro é unha Europa onde os estados poderosos recuperarán, pola vía rápida dos mercados-samesugas ao seu servizo, os fondos estruturais cos que nos países pobres se fixeron autovías que logo serán de pago para quen poda pagar e trens de alta velocidade que, nalgúns casos, nunca chegarán a destino. Cando recuperen os cartos daránnos unha patada no cu e mandarannos a xogar coas pesetas ou co que nos corresponda.
Así que vivamos coma gregos e reivindiquemos, para a hora de morrer, a volta os costumes dos indios. Promovamos unha iniciativa lexislativa popular para que nos deixen queimar aos nosos mortos nunha leira ou na troba dun castiñeiro. Para non ter que pagar IVA de artigo de luxo polos servizos funerarios que, polo de agora, ninguén pode evadir, como evaden os que saben defraudar os impostos que, no peor dos casos, lles perdoarán cunha amnistía fiscal, polo menos mentres quedemos un magote de escravos dispostos a seguir pagando recorte tras recorte.

Converter os servizos funerarios en artigo de luxo é algo tan burdo que ten todas as trazas de ser unha cortina de fume para que nos perdamos mareando esa pedra de escándalo e non demos a vara con asuntos máis graves.

domingo, 27 de mayo de 2012

A vaca perdida e eu, tamén

Cada vez boto máis en falta o verde do monte, os camiños de terra, as herbas e follarascas da infancia, a ceruda e as canafrechas, o loureiro e as xestas negrais, os penxemuros, as acedas e ata as ortigas. Por iso, en canto teño un pouco libre xa fuxo do asfalto. Teño a sorte de vivir a tiro de pedra dunha cerra de castiñeiros e sabugueiros e figueiras e afreixos que a urbanización de Fontiñas tivo o acerto de preservar da motoserra. Teño a sorte de estar a un quilómetro do lugar do Viso, que me permite acceder de inmediato a un monte de verdade. Aquí, ós penxemuros chámanlle toxos, pero a min non me importa, fanme sentir no territorio da miña infancia, aínda que me esgarrabuñen as pernas. Hai un camiño de terra polo que ando lixeiro ou corro con xeito, según anden as forzas e as compañas. Un camiño que sería perfecto de non ir paralelo á autopista do Atlántico, que nunca anda de balde. É o que hai, o máis parecido a Brumoso que teño por aquí cerca.
Onte corría, de vagar, como corresponde á idade, cando me parou un vello con pouco pelo e escasos dentes para preguntarme se vira unha vaca escarriada e cunha corda arrastro. Tíñana presa e rompera a corda. El andaba con caxato, con moitas dificultades, pero non andaba só. Cunha pequena moto andaba o fillo, espreitando por todos os carreirois que hai o este da cidade da Cultura. Nin o pai nin o fillo tiñan confianza en que a vaca volvese soa pra corte. Era nova, comprárana hai pouco e non confiaban no seu retorno.
Eu acordeime dunha vaca mansa que a miña familia comprara na Vilavella. O primeiro día que a botaron coas outras querían encamiñar a vacada cara a Celeiros, cara a Portugal. Sempre andara con chocallo e chamáballe a atención oír chocallos de vacas de Hermisende, ó outro lado do río. Pero non se escapou cara a alá. Deuxa a volta nas Teixugueiras, pasou polo lugar sen velo e enfocou cara ó Ladiairo, en dirección á Canda. Viñera en camión e dando moitas reviravoltas, pero ben sabía en que dirección estaba a súa orixe, onde quedaran as súas compañeiras. Foron darlle volta ó alto do Facho.
Despois viu que Brumoso non era mala terra e aceptou quedar.
Non sei de onde procedía a vaca perdida nas proximidades da Cidade da Cultura.
Sendo nova, se cadra só se mandou mudar para librarse de atarres ou para buscar xoldra.

jueves, 17 de mayo de 2012

As palabras de San Ciprián formarán parte do “Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués”

Desde a dirección do Instituto da Lingua Galega acaban de pórse en contacto comigo para mostrar o seu interese por incorporar o Vocabulario de Brumoso, xeolocalizado e en aberto, a un proxecto chamado "Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués", que un amplo equipo de investigadores galegos, portugueses e brasileiros tratan de reunir nunha gran base de datos. Un tesouro de palabras, coas súas variantes e os seus significados, a partir de traballos como o vocabulario comunal recollido neste blog, traballos “que recollan o que di a xente que fala galego ou portugués”. Polo que me contan, son centos os traballos inéditos ós que os investigadores non teñen acceso, e “son moitos máis os traballos de recolleita que parten da comunidade de falantes (asociacións de veciños ou culturais, centros de ensino, afeccionados atentos á súa variedade, etc.). Nós queremos reunir todo ese patrimonio e poñelo a disposición, en aberto, todo xunto”, din.

No me parecía que fose necesario dado que en aberto xa temos o noso pequeno diccionario, pero como me pedían autorización e un nome como coordinador ou editor do glosario para comezar a traballar coas nosas palabras, xa o autoricei.  Autores somos moitos. Partindo do Horacio e do seu vocabulario, seguindo polo xabrés Gabriel, Eva, Teresita, Josefina, Lete, a tía Esperanza, a Xon e a Marina, a miña mai e irmaos (o Pablo foi o que apuntou a posibilidade dunha posta en común en internet) entre outros. Seguramente haberá unha forma de procurar que o modesto recoñecemento sexa máis repartido; teremos tempo de comentalo.

O proxecto do ILG precisa que as palabras teñan unha referencia xeográfica fiable, “como mínimo ao concello (en Galicia e Portugal, en Brasil o dominio é máis grande), porque o noso servizo vai ofrecer cartografía automática”. Por iso creo que Hermisende vai ter que ser referencia inevitable, aínda que xa lles fixen saber que somos de San Ciprián “a práctica totalidade” dos colaboradores. Seguramente terei que seguir pedindo colaboración, porque van pedir aclaracións sobre a interpretación dalgunhas das palabras recollidas e, nalgún caso, eu nos as teño moi adoptadas. Así que seguirá habendo noticias.
Non achamos un tesouro: formamos parte del!

sábado, 5 de mayo de 2012

E quen nos vale do noso Valedor?

Alí onde as leis non se cumpran, alí onde as administracións de Galicia pasen por riba dos dereitos dos cidadáns, alí onde haxa unha persoa asoballada e indefensa fronte aos poderes públicos, alí debería estar o Valedor do Pobo alzando a voz e esixindo as solucións que sexan de xustiza.
Onde está hoxe o Valedor do pobo galego? Nos momentos en que máis falta faría o seu labor de arbitraxe e o seu apoio fronte ás arbitrariedades que ve cometer baixo a acaída coartada dos necesarios recortes, que carallo pinta o Valedor do pobo como ariete dun  Goberno recortador falando de leis  mortas e avogando póla súa suspensión? Semella superar as súas encomendas e supera amplamente o que se lle supón cerne da súa razón de ser: a defensa dos dereitos dos cidadáns, sobre todo as dos cidadáns menos favorecidos. E que cidadáns hai menos favorecidos que os dependentes?
Que diría o primeiro Valedor do Pobo galego se puidese oír a este seu sucesor? Difícil sabelo. Era tan cumpridor do mandato que tiña como considerado e respectuoso con todo o mundo que non me atrevo a querer adiviñalo. O meu territorio é a dúbida. Non estou seguro de case nada. Pero creo que un Valedor como José Cora é absolutamente necesario en Galicia. E estou seguro de que o actual Valedor do pobo galego non merece ocupar ese importante labor porque aposta por deixar desvalidos aos que máis apoio precisan. Se unha lei como a da dependencia naceu morta, a función de todos, de calquera Valedor que desexe merecer o nome debería ser pórlles as pilas aos gobernantes para que a doten, para que a boten a andar.
Semella que o Valedor, á vista de que os recortes o queren deixar sen os seus tres vicevaledores, deu en pensar en que a supervivencia da súa cadeira dependería de que servise ao Goberno e non aos cidadáns. Semella apostar por unha consellería e por deixar vacante a institución. Non se lle percibe a empatía necesaria para ocupar a alta representación que ocupa. Se todos os recortes que está a ver son xustos e necesarios e imprescindibles, pouco ou nada lle queda por facer. Dado que xa que dimitíu das súas funcións e das súas obrigas, que siga o paso dunha das súas vicevaledoras, que xa dimitiu á vista das declaracións do seu xefe. Sería un recomendable aceno de dignidade.

martes, 1 de mayo de 2012

Unha boa parte das devanceiras, uns amigos e unha vaca tranquila no curral

Se é certo que calquera imaxe podería dar para escribir un libro, para unha como esta farían falta dous tomos.

domingo, 22 de abril de 2012

Pereira -Tabucchi- sostén acesa a luz para procurar que non nos cegue a escuridade

Unha obra maiúscula escrita con minúsculas, como falando á apelidade, polo baixiño. Unha historia que comeza con trazas de contar unha vida vulgar, case aburrida, a vida dun tipo gris, dun Pereira que pasa de cronista a responsable dunha páxina de cultura porque pasa da política. É un tipo que ás veces resulta patético, que por momentos semella pedir piedade, pero que tamén esperta compasión pola súa aparente fraxilidade; que fala coa súa dona defunta a través dun retrato que leva na maleta cando viaxa, coa imaxe para arriba para que respire mellor.
Sostiene Pereira -Afirma Pereira, na versión galega- é unha historia que medra paso a paso, coma sen querer, sen que nos demos conta, ata converter a este home gris, gordo e con problemas cardíacos, no heroe que nunca aspirou a ser. Pereira pasa de política ata que se converte en vítima e testemuña da morte dun amigo que está a facer as veces do fillo que nunca tivo. Daquela, xa non poderá pasar nunca máis. Terá que deixar o seu testemuño escrito, burlará a censura previa e deixará o seu berro contra a ditadura de Salazar publicado antes de exiliarse.
A grandeza deste libro de entrañas políticas e perfil case revolucionario (sobre todo para os amantes de telo todo atado e ben atado, para case todos os que tocan poder) e a súa aparente sinxeleza. Parece a crónica dunha vida gris e rutineira e, sen embargo, é a vida dun heroe que merece admiración e solidariedade. En ningún momento a súa historia é aburrida, nin sequera cando Pereira, ese católico un pouco descrido, precisa abordar unha especie de metafísica do cotián, cando cuestiona a súa propia fe e busca interlocutores para falar da súa descrenza na resurrección da carne.
Visto desde hoxe, este libro tamén se pode ver como subversivo, porque nos pode facer pensar que a censura da prensa non é algo superado, que a censura de agora é a compra de medios privados ou a conversión dos medios públicos en parcela propia, couto, altofalante do que Goberna. Este libro debería ser lectura obrigada porque pode facernos pensar que todos podemos, todos debemos ser pequenos heroes. Todos podemos e debemos colaborar na difícil tarea de pór de manifesto o que de verdade pasa na nosa cidade, no noso país, nesta Europa que está a ser unha dictadura imposta por ditadores invisibles (mercados) a través de aprendices de ditadores visibles (Fräulein Merkel, et le petit Sarkosy, de momento) que delegan en secuaces capaces de tratar de convencernos de que os vellos de agora gastan oito euros ó mes en cafés en vez de admitir que con pouco máis que eses euros que non lles sobran comen e van vivindo porque comen pouco. Eses secuaces non son tontos, saben que non somos parvos e non tragamos rodas de muíño e, por iso, van converter de novo a televisión de todos no voceiro das súas infumables consignas.
Non sei se é o espírito de Tabucchi, que morreu hai pouco na súa terra de adopción (Portugal) ou o espírito de Pereira o que escribe por min. En todo caso, eu subscribo, como subscribiu Pereira o seu último artigo no Lisboa. Hai que procurar que a cerilla de Tabucchi, que as velas de Sostiene Pereira sigan acesas, que iluminen as zonas escuras, que son cada vez máis.
A Tabucchi quixeron calalo máis dunha vez, pero falou baixo (non era dos que daban berros) e claro, por exemplo a través do seu Manifiesto de la palabra: “Yo hablo porque existo. Cuando mi garganta esté llena de tierra dejaré de hablar”. No primeiro dicía verdade. No segundo, por sorte, equivocouse; segue falando a través dos seus libros e dos seus artigos. E segue sendo igual de exemplar e igual de necesario.

Cando había traballo para todo o que o buscaba

Tempos aqueles en que había traballo para todo o que o buscara e onde o buscara! Este era en Torrejón de Ardóz, en marzo de 1977. Interesante curro na montaxe de xigantescas esferas para hidrocarburos. Supoño que resistirán.
Eu non resistín moito; tiven que deixar o choio para non verme na obriga de converterme en esquirol.
Daquela comezou a miña breve experiencia de vendedor de libros de porta en porta, en Valencia, en Cordoba e en Sevilla. Pero esa é outra historia, máis aventureira e gratificante, e tamén hai algunha foto.