martes, 18 de enero de 2011

Un monumental malestar

Haberá que admitir que resulta impresionante. Aínda sen rematar. Aínda con grúas e terras movidas e por mover polo medio. Pero para que a Cidade da Cultura poida ser merecente de cualificativos máis cálidos debrían entrar no xogo outros moitos condicionantes. Para provocar entusiasmo entre os galegos non deberiamos estar no medio dunha grave crise. Non debería haber un paro galopante nin un éxodo dos mozos mellor preparados porque non achan oportunidades para traballar na súa terra (os outros non se van, van ao paro). Non deberiamos ter unha multitude de persoas dependentes desatendidas, incumpriendo a lei, por falta de recursos económicos. Non debería haber unha sanidade chea de listas de espera. En Hai que ir morrendo atrevinme a facer futurismo vendo a Cidade da Cultura convertida, en vinte ou trinta anos, nun refuxio para a lexión de vellos precisados de praza nunha residencia pública, porque as pensións non lles abondarán para aspirar a praza nunha privada. Logo dunha primeira visita apresurada aos edificios inaugurados, vexo máis dificultades para unha opción práctica que ningún partido político existente se atrevería a promover. As construccións ideadas por Peter Eisenman teñen dificil adaptarse ao que non sexa o seu propio espirito monumental. Así que teremos máis bibliotecas e máis salas de exposicións e concertos, como se non houbese de abondo en Compostela. Dentro das limitacións orzamentarias, poderemos seguir formando mozos para que busquen traballo noutros países. E teremos unha cidade monumental para visitar, como se non tivesemos outra no casco histórico. Como na miña visita mediaba temporal, non podo dicir se coincido con algunhas opinións que teño lido ou oído. Non sei se o mellor da Cidade da Cultura está cando un lle da as costas e mira cara a cidade de Compostela. De ser así, só como faraónico mirador, a Cidade da Cultura si que sería un descomunal despilfarro. De momento, coa que está caendo, non me parece que esta inauguración poda ser motivo de moita celebración. Se algo me produce é malestar, un malestar monumental e un incómodo sentimento de vergonza. Como se me regalasen un coche de luxo que nun puidese manter nin vender.

miércoles, 5 de enero de 2011

Un fantasma no luscofusco

Podería parecer unha imaxe para intepretar nos programas de investigación sobre fenómenos estraños, pero o misterio ten unha explicación sinxela. Era de noite, non había luz pero a claridade propia da neve fixo que a cámara do móvil se atrevese a captar o espirito do boneco que fixeron na aira das Bichas Alicia e Sara.

lunes, 27 de diciembre de 2010

Nadal de neve na lagoa dos Peixes

O mellor do Nadal de 2010, un paseo pola neve que arrodeaba a lágoa dos Peixes (sobre o carouxo que a cubría, non). Coa ilusión, sen esforzo, de andar nas proximidades dun dos polos. Neve virxe, frío soportable. Unha delicia. Pola subida, as vacas celebraban as festas lambendo o salitre que quedaba no asfalto, os restos da sal esparexida para que puidesemos subir ata alá.

Unha perspectiva diferente de Brumoso no día de Noteboa

Pra facer ganas de cear, o día da Noiteboa subimos ata o alto do Ladiairo, pra gozar dunha perspectiva diferente (aérea) do val de Brumoso (ou Val dos Marcos, segundo outras lendas). Tamén pra mirar pra Castrelos e Chaos, para a Moimenta ou cara á Esculqueira. En suma, pra mirar cara a Galicia, Portugal ou Castela e León sen máis que xirar sobre os propios pés que nos levaron ata alá arriba. Ruta relativamente corta, esforzo relativamente grande. Despois, satisfacción enorme. A foto é de Gaby. Como estabamos en familia, eu aproveitei para abrir cancelas a un arrulo como nunca pensei ser capaz de dar. Agardo que me garden o secreto. Non vaian ofrecerme inda un traballo de pregoeiro ou, o que sería peor, de falabarato.

O galego de San Ciprián de Hermisende é un galego Ben falado!

Que nos metan en "Ben falado" quere dicir que falamos un galego (ou portugués) tan bo como o doutros sitios de Galicia (ou Portugal).



Como se dicía antes: benallas pra María ia pro Serafin, pra Xon, pra Elena, pro Teófilo e pra Baldomina, que souperon comparecer diante da cámara coa naturalidade que viña ben ó momento. Outros (entre eles algún que foi alcalde maior) dirían que alí non falamos galego nin cousa que sirva, porque a algúns, o que lle gusta e o autonoxo. Que Cruz e Ben Falado miren pra nós, que a María "Caxera" fale tan ben do noso debería servir para elevar a nosa autoestima unha boa tempada.

domingo, 19 de diciembre de 2010

Enrique Morente deixounos o crisol e foi polas alas

Non me entrou o flamenco por tocarme vivir en Sevilla cinco anos de estudiante, que foron seis se conto o ano de non vida da puta mili. O gusto polo flamenco entroume a través do grande innovador que foi Enrique Morente, da gran revolución que trouxo con "Omega", onde tomaron unidade e coherencia o Lorca surrealista de Poeta en Nueva York, as baladas de Leonard Cohen, a guitarra de Vicente Amigo ou o rock de Lagartija Nick, entre outros moitos que deixaron un monumento de disco.
A Lorca xa lle cantara Morente antes desa. Por exemplo en Crisol, no disco "Negra, si tu supieras":
"Yo vuelvo por mis alas,
dejadme volver,
quiero morir siendo,
siendo amanecer".


A Lorca seguiulle cantando despois, porque era un dos seus poetas de cabeceira.
Creo que Enrique Morente soubo respectar como o que máis as raíces do flamenco máis clásico e soubo recoller e regalar influencias de todas partes, a todas partes. Algúns puretas quererían asasinalo, en máis dunha ocasión. Morente soubo popularizar a poesía como o mellor dos cantautores e tamén soubo pornos coiro de pita coa súa paixon e coa súa voz, agora acariciadora, agora desgarrada.
Morente deixounos por sorpresa, como Carlos Cano, outro amigo de Granada recordado por Estrella Morente cando despediu ao pai con esa Habanera imposible que xa sempre nos porá os pelos coma espetos. Morente deixounos a orfandade que nos deixan esas persoas que sentimos tan próximas aínda que nunca as tratásemos directamente. Se o vise na rúa, tería que conter o impulso de darlle un abrazo porque tería diante a un amigo de hai moito tempo. Foi polas alas, houbo que deixalo volver. Quédanos a súa música, o exemplo do "home máis decente que coñecí", en palabras de Paco de Lucía.

viernes, 10 de diciembre de 2010

O que os gobernos non queren oír

Dicía George Orwell que a libertade de expresión é dicir o que a xente no quere oír. Neste caso, o que di Wikileaks é o que os gobernos non queren oír, prestixiado por grandes periódicos. Iso é o que podemos ler estes días. Tantas son as cousas que os gobernos non queren oír que nin temos tempo para lelas. Podemos comprobar que hai ministros con dúas caras e dúas bocas, que merecen premios por excelentes hipócritas. Capaces de compaxinar, por exemplo, ás promesas de xustiza á familia do cámara Couso -asasinado por empeñarse en facer ver ao mundo o que o goberno máis poderoso do mundo non quería deixar ver- coas palabras e xestos de tranquilidade para o poderoso aliado que, neste coma noutros casos, semella capaz de saír coa súa. Pasará o mesmo co maior ídolo dos amantes da libertade de expresión? Acabará Julian Assange condenado por espionaxe? Por unha acusación de violación que semella montada á medida das habilidades deses gobernos que tanto teñen que ocultar? Unha vez máis, matar ao mensaxeiro é o fundamental. Nada de autrocrítica, ningún propósito de enmenda.
Hai agora unha batalla que se desenvolve na rede. A que xa foi bautizada como a primeira guerra mundial no ciberespacio. Os defensores da libertade de expresión -e algúns piratas- contra os escuros servizos do goberno máis poderoso do mundo, que está a ser retratado en toda regla. Para que todos os seus moitos aliados saiban o respecto que lle merecen. Fernando Vallespín escribe en El País un inspirado artigo onde suplanta ao desaparecido Stieg Larson para escribirlle unha carta ao que é, neste momento, o inimigo público número un de Estados Unidos; un artigo onde non deixa de alertar sobre os perigos asociados aos novos guerreiros cibernéticos. Como lector da triloxía Milenium, gocei con Los hombres que no amaban a las mujeres e non tanto cos dous seguintes libros, porque me pareceu que pesaba demasiado o protagonismo dos hackers, con accións que non me acababan de resultar verosímiles. Á vista da que se está a liar estes días, cos hackers de Anonymous atacando os intereses das potentes empresas que non tardaron nada en decantarse polos poderes escuros e en contra da liberdade de expresión e información, creo que terei que volver a segunda e a terceira entrega de Milenium. E cruzar os dedos para que os medios de sempre poidan seguir ofrecendo esas impagabales informacións que nos enchen os días con permanentes exclusivas do pasado recente.