viernes, 8 de julio de 2011

O Códice Calixtino e a fala galega

Pena de Valle Inclán dando guerra por estes lares. Que bo esperpento faría coa desaparición do Códice Calixtino. Tampouco estaría mal ver os comentarios de Torrente ou Cunqueiro ao respecto. So nos queda agardar polo correspondente episodio galego de Rivas, que sen dúbida será singular. E agardar tamén para saber se foi un furto, un roubo consentido ou, como apunta Ánxel Vence en Faro de Vigo, un secuestro. Neste caso, só cabería agardar pola petición de rescate.
Mentres tanto, alimentémonos de comentarios ácido-lucidos como os do Carrabouxo en La Región:
"-Despareceu unha das xoias máis grandes da nosa cultura! De valor incalculábel!" -di o seu compañeiro de banco.
"-Pois aínda vale máis a fala!" -di el.
Con toda razón.
A fala estanos a ser furtada día a día.
Todos seremos culpables da súa desaparición.
Ninguén pedirá rescate.
Ninguén o podería pagar.

martes, 5 de julio de 2011

Unha herdanza de vergonza

Se nos din que a violencia machista rebrotou con especial virulencia na pasada fin de semana, podemos pensar nunha epidemia de labazadas. Así comeza unha información a catro columnas, por baixo dun título onde se nos adianta que “a violencia machista” acaba coa vida de dúas mulleres. Dúas vítimas colaterais da epidemia de labazadas? Non tal. A información é máis seria, más grave, máis criminal do que semella. Unha noticia cun recadro onde se nos conta que, no que va de ano, son 31 as mulleres mortas, as vidas cobradas por esa violencia machista que tan livián soa. O día seguinte, hoxe, xa son 32, porque xa houbo outra nova que comeza, noutro xornal, coa mesma frase rutinaria: Novo caso de violencia machista, que suaviza ata límites inimaxinables o título, que da conta de que unha muller morreu apuñalada polo seu home, ao que xa denunciara. Mañá serán máis, e seguiremos a falar da violencia machista en vez de falar de asasinatos ou, como mínimo, feminicidos amparados por relacións de parella ou fogares onde as mulleres, no canto de protección, compaña ou agarimo só teñen soidade, maltrato, terror e morte. Nin mortas poderán descansar, sabéndose un número máis na longa lista das vítimas da violencia de xénero, da violencia machista. Nunca entenderei a escaseza de protección, a falta de recoñecemento, a diferenza de trato. Por qué o Estado agarima e indemniza ás familias das vítimas do terrorismo de raíz política (non digo que non deba facelo) e esquece as familias destas mulleres, ás veces rapazas, coas vidas segadas polo criminal agachado baixo a pel de tanto home de aparencia vulgar. As veces somos demasiado amantes eufemismos e a sangría do terrorismo doméstico queda suavizada coma se fose unha doenza coa que hai que convivir porque os homes son como son e as mulleres son vítimas potenciais ou simplemente, vítimas. Vergonza de ser home, e o que nos vai quedar. Esa vai ser a nosa herdanza.

lunes, 4 de julio de 2011

Cousas de homes

Auténticas cousas de homes. Chistes que fan rir aos homes. Porque as mulleres, aínda que estean xubiladas, sempre están a facer algo e nunca acaban. Non teñen tempo para ler estas ocurrencias. Se o tivesen, por ter homes que colaborasen facendo algo, estas ocurrencias tampouco lles farían miga de gracia.

domingo, 12 de junio de 2011

Nin mansos nin resignados

Está por ver se os poderes establecidos acaban por converter o cívico e súper respectuoso Movemento 15M nun grupo moi numeroso de indignados capaces de pagar con violencia a violencia que reciban. Agardo que non. Agardo que aínda saiban que é o diálogo, que saiban negociar ou ofrecer alternativas aceptables, tomar nota do descontento e ofrecer respostas. Agardo tamén que teña longa vida o movemento que nos veu demostrar que a xuventude só parecía mansa, que non ten trazas de abrazar ningunha eterna resignación. Un movemento que nos devolve o orgullo de sermos deste país, como cando gañamos o europeo ou o mundial do fútbol. Ou máis. Agardo que o orgullo de ver que abren camiño non cegue o bo criterio dun movemento exemplar, como acaba cegando o criterio dos gobernos que se senten cun grande aval de votos.

Cada día se revela como máis necesario o novo movemento. O sistema democrático dispón de multitude de controis pero tamén permite a caída en rutinas e vicios que o perverten ata convertelo en algo que de democracia, en moitos casos, xa só lle queda o nome. Nunca máis abondará unha firme oposición, nin un Parlamento (nin con dúas cámaras) para controlar a un Goberno. Nunca máis un poder xudicial merecerá un respecto unánime, por actuar demasiado á lixeira ou demasiado de vagar. Nunca máis os medios de comunicación convencionais abondarán para sentir que compensan co seu control as desfeitas dos poderes que clasificou Montesquieu; porque son demasiadas as veces que os vemos como cómplices dos poderes públicos que os atan aos seus intereses, como apéndices de poderes policiais ou xudiciais que os usan como instrumentos moi acaídos para perseguir presuntos culpables e desenvolver xuízos paralelos que acaban en condenas que nunca máis revogarán posibles sentenzas absolutorias.

Sexa cal sexa o futuro, en diante sempre botaremos en falta o sentido común acuñado no movemento das prazas públicas, sempre precisaremos da clarividencia do xuízo daqueles que non teñen intereses que condicionen o que defenden, o que din ou, mesmo, o que pensen. Longa vida para unha xuventude cívica e mobilizada.

viernes, 10 de junio de 2011

Violencia de xénero? Asasinato en familia. Terrorismo doméstico

A sangría segue. A concienciación contra a mal chamada violencia de género non abonda. A mellor presentadora da mellor televisión informa sen inmutarse: "Temos un novo caso de violencia de xénero". Cabé pensar: detiveron a un tipo por bater na muller. Non tal. É un novo asasinato en familia. Outro asasinato doméstico. Por que nos impresiona menos que o terrorismo de sempre, ese que de momento parou? Así non avanzamos. Por moi emocionantes que poidan ser os anuncios que tratan de concienciar sobre o que chamamos un problema cando é unha sangría permanente. Así non imos a ningures. Se evolucionamos é para acabarmos con nós propios como especie.