
O foro de Lubián en Pueblos-España.org púxome sobre unha pista do general Caminero que eu non localizara cando escribí Amigo Medo, recreando a súa fuxida a Portugal, a través de Brumoso, nos días que seguiron a ese golpe de Estado que el quixo deter e que nos quixeron vender como glorioso alzamento nacional. É máis que unha pista, o de agora. É unha interesante entrevista co xeneral Caminero publicada o 2 de agosto de 1936 por ABC, dáquela autodenominado Diario Republicano de Izquierdas. As novas tecnoloxías permítennos gozar agora, na hemeroteca dixital do diario madrileño, a simple golpe de clic, desa peza de historia tan próxima, así como ver a súa imaxe e alimentar a simpatía que xa nos viña inspirando. Por un momento, nin o título da entrevista nos parece demasiado esaxerado, aínda que sexa un pouco florido para os gustos actuais: “A gran odisea do heroico xeneral García Caminero”. Conta o xeneral como o alzamento nacional o colleu en Astorga, os problemas que tivo en Sanabria, cando tentou entrar pola fronteira en Portugal, como estivo a punto de ser linchado en Requeixo, primeiro, e en Lubián, despois, e como, por fin, tivo que pasar polo monte a Portugal. Toda unha aventura que está fácil de localizar na hemeroteca do ABC. Tamén explica como foi prendido polos guardiñas da Mimenta, que o entregaron ás autoridades en Vinhais. Relata como puido volver a Madrid e conta os beneficios desa grande camiñata: "Me ha desaparecido la afección laríngea que padecía y he recuperado el sentido del olfato, que tenía perdido desde hace cuarenta años". Con todo, á vista de como remata á entrevista, o que tiña mal era o olfacto político ou as súas habilidades adivinatorias. Contestando á última pregunta do xornalista, sobre como vía o movemento subversivo -o alzamento- en marcha, atreveuse a augurar:-Que está fracasado. Definitivamente fracasado.Era o que tiña que dicir como servidor da república. Por desgraza, non atinou.


