miércoles, 22 de enero de 2025

Roda de voitres

 Coas imaxes arredor da toma de posesión do novo presidente dos Estados Unidos, estou a ter unha visión recorrente: unha roda de voitres celebrando a presencia dunha prea aínda fresca. Destaca un voitre, aínda novo, saltaricando, impaciente, incapaz de esconder a súa euforia. Estende só unha á (din que saúda á maneira dos nazis, ata agora encollidos, que non desaparecidos), como querendo aforrar enerxías antes de encher (aínda máis) o bandullo. Semella ser o que manda, pero disimula. Finxe respectar ó voitre xefe, que parece non sentir necesidade de estender as ás (se cadra as forzas non andan sobradas, porque se vé que é un voitre vello, sabido). A prea, o cadáver? Somos nós, todos nós (a visión é nidia, non hai sitio para a dúbida). Son os que que votaron por eles e, sobre todo, os que non lles votaron, desde logo. Pero somos tamén nós, os que votamos lonxe, por outros. Ninguén está libre desta roda de voitres. Salvo que consigan asentarse noutro planeta. Salvo que descubran unha prea máis apetecible lonxe da Terra. Ou salvo que se perdan polo camiño.

No hay comentarios: