martes, 22 de julio de 2008

As cortiñas, os muíños, os lameiros.Toponimia de Brumoso III

As proximidades do lugar pola beira do Este, seguindo un eixe que vai da Lavandeira cara a Lama do Casal: esa é a contorna que imos repasar nesta nova entrega toponímica. Moito barreiro, moito eido e moito prado a monte. Un perigo, se vén o lume. É a zona onde un día houbo muíños, dos que hoxe quedan pouco máis que lembranzas; estaba o da Máquina, no medio dos prados de Barxa de Bois; o de Baixo, cerca do do Medo, que xa está no outro lado do río, en Hermisende; o da Veiguiña, xa en desuso moito antes da gran riada que barreu con todo; o da Veiga, no fondo do Outeiro, onde estaban as Poldras para ir a Hemisende en menos tempo; o o do Carrizal, que estaba no medio da Veiga, cerca do Salgueiral. Non é doado que alguén poida facerse unha idea cabal do que transmite un muíño moendo, por iso comprendo o empeño que tiña o Horacio por tratar de que se reconstruíse algún; por iso fixo a reprodución que ten no seu museo. ¿Algún día poderemos ver o seu soño en pé? Complicado. De momento, sigamos co rescate dos nomes dos sitos que tantas veces pateamos, que hoxe pateamos menos porque non nos deixan pasar as ortigas e os silvaredos.


Ver mapa más grande

Abeneira, A.-Espazo pequeno con nome lucido; é o tramo asociado a ese curto camiño que leva do rouso do Outeiro ata o rouso onde o camiño torce para o muiño da Veiga ou segue cara os prados de Casares.
Barreal, O.-Prados que dan outro verde á faldra da Ladeira; desde o cavoco do Litro ata a Lavandeira; limitan cos prados do Salgueiro e a Costa, que quedan ó outro lado do cavoco.
Barxa de Bois.- Prados e leiras comprendidos entre o muíño de Baixo e Penascada; acolleron no seu día o muíño da Máquina e o de Baixo.
Cavoco do Litro.- Un dos sitios máis frescos do lugar; se un día non se atura a calor, non hai como baixar ata o sitio onde o camiño de Barxa de Bois cruza o cavoco, por riba dos prados de Casares; aí sempre hai fresquiño.
Casares.- Prados a ambos lados do cavoco do Litro, por baixo do camiño que leva do Outeiro a Barxa de Bois.
Costa, A.-Territorio en costa polo que baixa o Carreirón da Costa, para atallar cara a Barxa de Bois ou Casares. Inclúe prados e algunha cortiña, pouca, porque a Escoira colle moito e vai desde as airas de baixo ata a casa do Céfiro, bordeando todo o lugar por esa banda Este.
Espadanal.-Grupo de cortiñas, en zona especialmente lamacenta, tendente a lamacal, entre a Faceiriña, Os Pedredos e as Pereiriñas.
Faceiriña, A.- O máis importante grupo de cortiñas do lugar, desde que acaban as casas ata o Espadanal; limita coa Lama do Casal, coas barreiras que sosteñen a Faquiña e coas viñas do Outeiro.
Ferreal, O.-Prados e eidos situados entre a Lama do Casal e a Carba.
Forno, O.-Pozo mítico pola profundidade; está alí onde o río debuxa un ángulo de noventa graos, onde desemboca o cavoco do Litro.
Fixó.-Leiras, onde se acostumaba sembrar sobre todomillo, que recollen as augas das cavocas da Fonte das Cubas e do Quintairo; limitan co río, coa Veiga (estrada polo medio) e co Barreiro.
Freixoeiro, O.-Prados ou lameiros que limitan co poulo do Outeiro, pola parte norte, e coa Veiga e As Pereiriñas, polo Sur e o Oeste, respectivamente.
Ladeira.- A montaña máis próxima a San Ciprián, pola parte nordeste; pouco monte, mouta louxa ó regaño; pacían as vacas nas uces en días de inverno especialmente malos.
Lama do Casal.-Lameiros situados entre a Faceiriña, o Ferreal e o Camiño da Carba.
Lameirico.-.- A cavoca que verte augas en Barxa de Bois.
Outeiro.- Significa zona elevada e para nós tiña significado case contrario, por estar por baixo do lugar. Claro que está ben alto, se se mira desde o pozo de Casares. Desde o fondo do lugar ata o rouso do Outeiro; cara á Faceiriña, as viñas; cara ó este, touza, poulo comunal, algún castiñeiro.
Pedredos, Os.-A faceira de hortos máis alonxada do lugar, por baixo do Espadanal; limita coas Pereiriñas, empeñadas en asomarse ó Outeiro, o Freixoiro, a Veiga, e o Barreiro.
Penelas.-Un único prado leva ese nome. Está por baixo do Tómbaro, frente ao prado do Darío do Barreal. No cavoco, unha barcala na fraga onde as mulleres baixaban a lavar a roupa.
Pereiriñas, As.-Unha rodeira hoxe perdida era o único que separaba as Pereiriñas dos Pedredos; limitan co Outeiro e co Freixoeiro.
Salgueiral, O.- Prado no fondo da Veiga; chamábanlle así porque fora antes salgueiral; hoxe seguramente volverá a ser salgueiral, con permiso das silvas.
Salgueiro.-Merecería o nome da costa, porque por momentos os prados son como paredes pouco tortas; non sei como non se esmalloaron alí a metade das vacas que os paceron; limitan coa Costa, coa Escoira, coa Porteliña, co Tómbaro e, ó outro lado do cavoco, co Barreal.
Veiga, A.-Chaira de prados situada onde o Barreiro deixa de ser barreiro; desde a ponte ata os Pedredos e o Freixoeiro.

6 comentarios:

Xabres da Teixeira dijo...

O do Lameirico está ben.O dos muiños tamen, so comentar que ó lado do da Veiga, eu ainda recordo as paredes de outro, uns cuarenta metros ais arriba. Está ben que poñas esa toponimia localizada pois eu non teño moi claro os lugares, salvo os do monte. Xa sabes por aquelo de haber sido cazador.

Javier Lopez Rodríguez dijo...

¿Queres dicir que xa estás xubilado de cazador? Mentiroso!
Grazas por sacarme de dúbida. O dos sitios fágoo sobre todo por min; por evitar que se me esquezan; por saberllos contar a alguén que teña interese.

Anónimo dijo...

Todavía le gusta andar detrás de las patirrojas. Un saludo

Javier Lopez Rodríguez dijo...

As patirrojas han ser as perdigochas. Hasta que aprenda a coller as lebres a man, como seica facía o Horacio, inda lle queda por aprender.
Saúdos

Xabres da Teixeira dijo...

Clarexando que é xerundio.A miña retirada da caza, non é retirada de ir ó monte, mais ben poderiamos decir que é a caza a que se retira de min. Cando era mais novo as perdices suicidabanse contra os chumbos da miña espingarda, ahora fuxen. Os dous últimos anos matei unha peza cada un é sempre no último día.
Poderiamos decir que estou en reserva forzada, mais en activo,

Anónimo dijo...

Con todo cariño, Horacio solo si as collia a mau que cua escopeta non as mataba. un saludo