En agosto de 2007, sen tempo para despedirnos, fóisenos Horacio Rodríguez, o amigo xeneroso, o conversador ameno, o rescatador de antigüidades, palabras, adiviñas e refráns. Mentres viviu, non faltou quen quixese menosprezalo, principalmente por culpa da envexa, por achar tempo, entre traballo e traballo, para facer todas aquelas cousas coas que gozaba: cazar, pescar, rescatar, amañar, contar e escoitar. Horacio trasmitía tranquilidade e benestar. Con quen quixese escoitalo, compartía contos e historias que gardaba nunha especie de baúl sen fondo onde sempre había algunha sorpresa por descubrir para os oídos de xente sen présa. O seu fiadeiro estaba aberto a calquera hora e del sempre saía un reconfortado porque, logo de sentir como se lle arrepeluzaba o coiro da cabeza coas historias de cans rabiosos, lobos atrevidos ou mortos aparecidos, había que botar unhas risas con algún dos seus contos de demoños inocentes, doados de engañar, como aquel que ataba nun abrir e pechar de ollos, as gavelas esparexidas pola leira dun apurado amo de seitureiros en folga.
O próximo 16 de agosto, na escola de San Ciprián de Hermisende, un ano despois da súa partida, volveremos a ter outro día con Horacio. Escoitaremos algunha das súas historias e compartiremos tamén o intenso recordo, a saudade que deixou en moitos de nós. Será nun fiadeiro de verán onde participarán algúns convidados de fóra -Pablo Madrid, Alberto Jambrina ou Santiago Fernández, entre outros- e onde eu espero que todos poidamos participar, emocionarnos sen reparo e botar unhas risas, como a el lle gustaría.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
1 comentario:
Alí estaremos. Hai unha cousa que me está a amolar : Agora dende que finou, parece que todo o mundo fai louvanzas do noso amigo, ainda que cando estaba con nos a cousa non era igual.
De todolos xeitos ben está o que ben acaba, mais eu sempre fun amigo dos reconocimentos a carón da xente, inda que ésta é a miña opinión.
Con Horacio e con toda a xente da nosa terra, eu sempre, tentei de tratalos caseque como parentes, ainda que as veces as cousas non fosen do gusto de todos.
Daremolle unha boa "malleira", o
dominó, sé se deixa.
Publicar un comentario