jueves, 29 de mayo de 2008

A familia de palabras medra. Vocabulario de Brumoso IV

Vai outra embalsada de palabras da nosa terra. Non son todas as recibidas nos últimos días, porque leva tempo comprobar se están recoñecidas no diccionario galego. Algunhas son tan nosas que case da mágoa que estean xa recollidas e bendicidas. Pero quedan fóra desta relación porque non ten sentido duplicar traballos xa feitos. Si ten sentido dar coas palabras que son só nosas e corren perigo de seren esquecidas. Porque quedarían no limbo cousas que non poderiamos nomear coa mesma precisión, accións que non saberiamos definir, cheiros, sensacións, emocións que non seriamos capaces de explicar. Tratemos, pois, de minimizar as perdas.

Acuartear.-Pór segunda xunta o carro, tamen chamada cuartea
Alconchar.- Subir por un pau liso axudándose con pernas e brazos; engatar.
Alconchón.-Paxaro que alconcha
Amoiar.- Que rende, que non se acaba de seguida. É palabra con minúscula no Gran Xerais, dialectalismo que significa producirse algo nunha cantidade considerable.
Apeto, A peto, Dapeto.- A propósito, con ese único obxectivo.
Apinchar.- Envorcar, facer que o carro ou o tractor se venza sobre un costado ou quede coas rodas cara arriba.
Babuxadeira, Babuxa.- Choiva case imperceptible, o que poderiamos chamar mollaparvos.
Bicarroceiro.-Moi dado a repartir bicos. Bicarrañeiro é un dialectalismo recollido no Gran Xerais.
Cacafú.- Caldo de castañas curadas cocidas en leite.Recollido no diccionario de Horacio Rodríguez.
Cangallas.- Aparello a modo de grandes alforxas de esparto que se lle puña a burros ou cabalos para acarrexar produtos.
Cangallas, de.- Caer de costas, de forma aparatosa.
Cazcarriolas.-Colgarexos de merda apegados no cuada ou no rabo das vacas ou das ovellas.
Crabuñar.- Picar a gadaña co martelo correspondente para adelgazar o fío. Facíase despois de cada xeira.
Chamouzada.- Carrada pequena de herba, palla, ramallos ou estrume. Recollido por Horacio.
Cusmallo.-Restos que quedaban na forxas despois de soldar con area o ferro.
Desabusado.- Crecido, desenvolto, esperegilado.
Embazacado.- Cando un cae sobre todo de costas, e queda sen alento. Ou cando che dan cun balón na boca do estómago; se é un couce dun burro, aínda peor. Un rosco ou pastel que non esponxa ben tamén está embazacado; pode facer mal no estómago, por outras razóns.
Endino.-maluqueiro, traveso.
Esfurricharse.- Ter caganeira ou cagarría. Descomposición.
Esgarnancharse.- Mancarse cun garnancho, ferirse.
Esmorreado.-Mancado, ferido. O garnancho abre corte; cunha caída no chan, un acaba esmorreado.
Estrinque.- cadea usada para acuartear.
Furricheira.- caganeira, cagarría. Descomposición. No diccionario de Horacio está.
Garnancho.- Estaraco escochado e con agumes preparado para que alguén se esgarnanche contra el.
Gogo.- Penedo redondeado, preferentemente de río.
Manxoeira ou meixoeira.- Nasa para pillar as troitas.
Manxadeira.-A mesa do gando; serve para botar comida procurando que as vacas ou as ovellas non pisen nela.
Pinote.-O que fai a cabalería cando se espanta ou cando quere botarte ó chan.
Salpedrés.- Pedra, tamén no galego normativo. Para espantalo, en Brumoso os rapaces cantabamos: “Salpedrés, salpedrés, non mates a miña res que xa só me quedan dúas ou tres”
Tasmear.-Calcular con coidado, repartir, equilibrar.
Tesón.-Ganapán para pillar as troitas.
Timón .- Pau do arado que vai da rabiza á chavella.
Timoncela.-Pau de acuartear; timón para ese uso.
Trafugueiro.- Cepo, tronco atravesado na lareira para apoiar a leña que se vai queimar, para que arda mellor. Horacio recolleuna.
Trancaxo.- Pouco coidadoso, trapallas.
Treixó.- Trouzó, tirizó.
Xeixo.- Pedernal, o cuarzo branco.
Xongo.- Gogo, penedo redondeado propio do río.
Zambucada.- Caída de mal xeito, de cangallas.
Zapexar.-Batular, retorcerse. Faino a troita ó saír da auga.

2 comentarios:

Nane Nane dijo...

Olá!! cmo teis traballo de embute, so facerte unha apreciación sobre a definición da palabra enbazacar. Esta palabra tamén se usa para cuando fais un doce, un roscón, ou cousas destas espojosas que os lambois tanto nos gustan, cuando non quedan ben cocidas, ou cocense demáis e non suben, quedan engroladas, non sei moy ben como definilo,máis pregunatale a "tia Malia" coma sempre le chamei eu, que seguro que esas mauciñas amaseron mil veces, e sabe como queda algo embazacado.
Un saludiño, e bicos pos dous, po ti Modesto e para ela.
Nane Nane

Javier Lopez Rodríguez dijo...

Grazas pola precisión; son necesarias sempre para que a definición sea o máis completa e axustada posible; agora mesmo a completo.