sábado, 24 de mayo de 2008

Os parvos sempre son doutro sitio

Nos contos da nosa infancia, case sempre con base en sucesos, había moitos que facían protagonistas negativos a veciños dos lugares próximos. Os parvos sempre eran doutra aldea. Formas naturais de elevar a propia estima, supoño. No conto dos muíños, que tan ben nos contaba Horacio Rodríguez e que agora podedes ler tamén en Galicia Encantada, ás veces situaba os feitos en Portugal, na Mofreita.

Hai un conto que si semella ser propio do noso lugar, porque o escenario escollido é o castelo de Rechouso, ese gran montón de fragas de granito que alimentaron moitas fantasías de moitos rapaces. Claro que seguramente o rapaz que sabe era do noso lugar e o que non sabe, pola contra, ou era portugués ou de Milcastros. Imos reproducilo aquí e agora, en parte versión do Horacio, en parte propia colleita. Podemos titulalo

O frío fociño do lobo

Había dous pastoriños que estaban coas ovellas onda o castelo de Rechouso. Un coñecía o sitio e o outro non. O que sabía non paraba de falar e contar o que lle contaran tantas veces. Que alí había unha raposa gravada en ouro sobre unha fraga. Que había un espazo amplo con entrada estreita que chamaban a igrexa dos mouros. Que se sentía caer unha pinga que producía un son metálico, como se batese nunha panela metálica. Que había tesouros enterrados. O que coñecía os misterios do castelo amosoulle ó outro un buraco nunha fraga e convidouno a espreitar. O rapaz foi metendo a cabeza devagar pero despois non era capaz de recuar. Quedou alí preso, enganchado polas orellas. Non había forma de sacalo. A compañeiro tentou tirar del, pero mancábao e berraba. Ata que lle dixo: “Mira, vou ir á casa na procura de axuda, ou por un pico para ver se che podo sacar”. E advertía: “Pero tes que ter coidado co lobo. Se vén o lobo e che atopa aí entalado igual te come”. O rapaz apresado pola boca da fraga preguntou: “E como podo saber eu se vén o lobo, se non podo revolverme?” E o outro: “Pois mira: vouche baixar os pantalóns. O lobo ten o fociño moi frío. Se sentes que anda roldando, trata de afastalo patexando”. O rapaz libre baixou ata os prados de Rechouso, achou un cacho de carouxo e pensou nunha solución que lle aforrase a camiñada ata o lugar na procura da xente ou do pico. Entretívose un cacho para facer ver que tardaba un tempo razoable antes de volver polo calado e arrimar o anaco de carouxo ó cu espido do compañeiro. En canto o coitado cativo sentiu o frío fociño do lobo nas cachas deu un tirón tan forte que puido, por fin, liberarse. Iso si, deixou as orellas alí, apegadas á boca daquela fraga con fame.

Nota.-En Galicia Encantada hai un conto moi semellante a este tan noso que acontece en Calvos de Randín.

4 comentarios:

abobriga dijo...

Nosoutros non somos vosoutros. Tan vello como as colectividades. Os outros son os que botan a perder as festas. Os outros son os que rouban. Os outros son os que están detrás de tódolos males. E se resulta evidente que un dos nosos está implicado, é que non era realmente dos nosos.

Javier Lopez Rodríguez dijo...

Non pretendía provocar un debate tan serio. So un chisco de autrocrítica, un segundo de reflexión. Pero tes toda a razón, porque estas pequenas formas de poñer en ridículo ó outro acostuman desembocar en grandes fobias grupais.
Saúdos.

Xabres da Teixeira dijo...

Dende a miña tribu primeiro, a aldea despois, e "terra" mais tarde,até chegar o que oxe se entende como nación, sempre foi así. Se non o fosé, os que fan as guerras no terían quen os seguise. ¡Coño! atopei una maneira de cabar con elas.
Noutra orde de cousas, eu coñecín o autor da raposa de Rechouso, e mais de un que tentou atopar o tesouro.
Cando teña ganas e tempo contareivos os tesouros atopados no castro de Trasil.
Teño para min que o meu avó da Igrexa, era un grande arqueólogo.
Apertas.

Javier Lopez Rodríguez dijo...

O frío fociño do lobo xa está publicado tamén en Galicia encantada (tedes a entrada entre os sitios onde vou), desde onde me fan ver que hai un conto case igual en Calvos de Randín. Pra que vexades que en todas partes tentaba meterlles medo ós rapaces para que non se perdesen, por sorte con pouca fortuna, porque se un nunca se perde nunca da coa forma de acharse.
Saúde e contos.